Congro
Congro Conger conger | |||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Conger conger | |||||||||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||||||||
Conger conger (Linnaeus, 1758) [1] | |||||||||||||||||||||||||
Distribución xeográfica do congro
|
O congro,[2] Conger conger (Linnaeus, 1758), é unha especie de peixe teleósteo da orde dos angüiliformes e familia dos cóngridos, común nas costas orientais do océano Atlántico norte, incluído o mar Báltico, desde Noruega até Senegal, así como en todo o Mediterráneo, até o mar Negro.[3][4]
O congro é unha especie pesqueira de grande importancia comercial en Europa, onde se capturaban anualmente na década de 1990 entre 10.000 e 15.000 toneladas.[5]
Taxonomía e sinónimos
[editar | editar a fonte]A especie foi descrita por primeira vez en 1785 por Linneo, na décima edición do seu Systema Naturae. Nesta obra deulle o nome de Muraena conger.[6]
O nome científico inicial, Muraena conger, deriva dos termos latinos muraena, morea, e conger, congro; é dicir a morea congro. E o actualmente válido, Conger conger, podemos traducilo como o congro propiamente dito.
Sinónimos
[editar | editar a fonte]Despois de varios cambios na súa posición sistemática, o congro foi finalmente situado dentro do xénero Conger, que fundara Bosc en 1817. A continuación, a lista dos sinónimos científicos da especie:[1]
- No xénero Anguilla
- Anguilla conger (Linnaeus, 1758)
- Anguilla obtusa Swainson, 1839
- No xénero Conger
- Conger communis Costa, 1844
- Conger niger (Risso, 1810)
- Conger rubescens Ranzani, 1840
- Conger verus Risso, 1827
- Conger vulgaris Yarrell, 1832
- No xénero Leptocephalus
- Leptocephalus candidissimus Costa, 1832
- Leptocephalus conger (Linnaeus, 1758)
- Leptocephalus gussoni Cocco, 1829
- Leptocephalus inaequalis Facciolà, 1883
- Leptocephalus lineatus Bonnaterre, 1788
- Leptocephalus morrisii Gmelin, 1789
- Leptocephalus pellucidus (Couch, 1832)
- Leptocephalus spallanzani Risso, 1810
- Leptocephalus stenops Kaup, 1856
- Leptocephalus vitreus Kölliker, 1853
- No xénero Muraena
- Muraena conger Linnaeus, 1758 (nome orixinal)
- Muraena nigra Risso, 1810
- No xénero Ophidium (hoxe recoñecido como Ophidion Linnaeus, 1758) [7]
- Ophidium pellucidum Couch, 1832
- No xénero Ophisoma (hoxe recoñecido como Ariosoma Swainson, 1838) [8]
- Ophisoma obtusa (Swainson, 1839)
Nomes vulgares
[editar | editar a fonte]En galego
[editar | editar a fonte]Ademais de polo nome máis frecuente, e normativo, congro, nalgúns portos de Galicia denomínano tamén anguiacho e corriolo (este, aos exemplares cando son pequenos).
María do Carmo Ríos Panisse, na súa monumental Nomenclatura,[9] recolle, entre outros, os nomes de
- congro (19 localidades)
- cogrio (17 localidades)
- concrio (10 localidades)
- cóngaro (4 localidades)
para os exemplares adultos, e os de
- anguiacho (23 localidades)
- corriolo (7 localidades)
- curriolo (4 localidades)
- curriolo (3 localidades)
- congrela (2 localidades)
- congrelo, congria, congrillo, congracho, congrelo, correa, correolo, enguiacho, látigo, safío, safiro (1 en cadansúa localidade)
para os individuos xuvenís.
Noutros idiomas
[editar | editar a fonte]- Alemán: Meeraal, Seeaal
- Asturiano: cóngaru. Outros nomes iutilizados en Asturias son congrio, anguilo e, para os individuos xuvenís, anguilachu, látigo e correa [10]
- Castelán: congrio, congrio común, culebra, negrillo, safio
- Catalán: congre
- Corso: groncu
- Éuscaro: itsas aingira, congroia-itxar, axote, angira, angeri [10]
- Finlandés: meriankerias
- Francés: congre commun, anguille de mer (adultos), fouet (xuvenís) e, no Mediterráneo, fiélas [11]
- Inglés: conger eel, European conger
- Italiano: grongo
- Napolitano: ruongo, ruongolo
- Neerlandés: kongeraal, zeepaling
- Noruegués: havål
- Portugués: congro (adultos), safio (xuvenís)
- Sueco: havsål
Características
[editar | editar a fonte]As principais características morfolóxicas do congro son:[5][11][12][13]
- Corpo moi alongado, cilíndrico na parte anterior e comprimido lateralmente na posterior, de até 3 m de lonxitude máxima, cun peso de até 110 kg (os capturados en Galicia, normalmente entre os 2 e os 3 m de lonxitude e até algo máis dos 50 kg de peso), sendo as femias máis grandes do que os machos (que non adoitan sobrapasar 1 m de lonxitude).
- Cabeza lixeiramente deprimida, coa boca grande, co maxilar superior que supera ao inferior, armada de numerosos dentes desiguais e curvos, dispostos en varias fileiras sobre ambos os maxilares e o vómer. O fociño é curto e cónico.
- Pel espida, sen escamas, e cuberta de mucosidade segregada por glándulas epiteliais.
- Aletas pectorais con de 14 a 20 raios. aletas dorsa e anal longas, e que conflúen coa aleta caudal.
- Coloración que vai da gis cincenta á negra no dorso, e abrancazada na rexión ventral. Os poros da liña lateral están orlados de branco.
Distribución xeográfica
[editar | editar a fonte]Habita en augas europeas e norteafricanas. No Atlántico, desde as costas de Noruega e Islandia ás do Senegal, e nas das illas Azores, Madeira e Canarias, e en todo o Mediterráneo até a parte oriental do mar Negro.[14]
Bioloxía
[editar | editar a fonte]Hábitat
[editar | editar a fonte]O congro é unha especie bentónica, que vive desde a superficie até os 100 m de profundidade (máximo, 500 m), en costas rochosas con agochos en fendas, ou onde haxa barcos afundidos, onde pode refuxiarse, e tamén en fondos areosos, onde se enterra.[5][11][13]
Algunhas persoas cren que existen dúas especies de congro, o gris e o negro. Porén, son dúas variedades xeográficas de Conger conger, sendo os exemplares grises os que viven enterrados na area ou na lama, e os negros os que habitan entre as rochas.
Comportamento
[editar | editar a fonte]Vive en agochos ou enterrado nos fondos areosos, axexan do ás súas presas. É unha especie moi voraz, pero pouco agresiva, e presenta gran resistencia ás feridas e á emersión. Bastante sedentario, ten actividade sobre todo nocturna.[11]
Alimentación
[editar | editar a fonte]Carnívoro, aliméntase de pequenos peixes, crustáceos e cefalópodos.[5]
Reprodución
[editar | editar a fonte]Alcanza a madurez sexual á idades entre os 5 e os 15 anos. A desova prodúcese no verán, producindo de 2 a 8 millóns de ovos. Durante o período de reprodución, o tubo dixestivo e outros órganos dexeneran, se lles caen os dentes e o esqueleto descalcifícase, ao tempo que as gónadas aumentan considerabelmente de tamaño, de xeito que xusto antes da desova constitúen a metade do peso toral do corpo. Machos e femias morren despois de reproducírense. Despois de eclorionarenm os ovos, as larvas leptocéfalas transparentes, en forma de folla de salgueiro, durante un ou dous anos teñen unha vida peláxica, até os 200 m de profundidade e, cando alcanzan os 15 cm de lonxitude, transfórmanse en anguiachos, que medran moi rapidamente (en acuarios teñen alcanzado os 2 kg en 5 anos).[5][13]
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Congro. Debuxo de Gervais
-
Congro no seu tobo
-
Cabeza de congro de perfil
-
Congro agochado
-
Exemplar xuvenil
En Galicia
[editar | editar a fonte]A primeira cita da especie en Galicia débese a Cornide en 1788, na súa obra Ensayo de una historia de los peces y de otras producciones marinas de la costa de Galicia arreglado al sistema del caballero Carlos Linneo, na que a menciona co seu nome científico daquela, Muraena conger).[15] O seguinte rexistro xa foi no século XX, en 1935, e débese a de Buen, que o cita como Laeptocephalis conger.[16]
No terceiro terzo do século pasado, e xa co epíteto actual, Conger conger, podemos mencionar as de López Veiga el al., en 1976, sobre a súa distribución e abundancia,[17] e de 1977, sobre análise da pescaría.[18] Traballos posteriores son os de Alonso Allende et al. (1978), Fernández el al. (1978), Fariña el al. (1983), Iglesias e González Gurriarán (1984), R. González (1986) e Sánchez e Pereiro (1992).[13][19]
Pesca
[editar | editar a fonte]Adoita pescarse con palangres de fondo, nasas, fisgas, arpóns (na pesca submarina), liña ou cana (empregando como carnada frecuentemente sardiña). Os pescadores deportivos buscan especialmente os exemplares máis grandes.[10][11]
As capturas comerciais en Europa alcanzaban anualmente, na década de 1990, entre as 10 000 e asd 15 000 toneladas.[5]
Gastronomía
[editar | editar a fonte]O congro é un peixe azul, xa que contén aproximadamente un 5 % de graxa. A súa carne branca é de textura fina e suave, e está en comida sobre todo entre novembro e xuño. Contrariamente ao que sucede coa maioría dos peixes grandes, a mellor parte do congro é a do ventre, chamada aberta, pois a máis próxima á cola, ou pechada, posúe abundancia de diminutas espiñas que fan practicamente impracticábel o seu consumo. A súa cabeza é excepcional para preparar sopas de peixe e fumets, e se complenta nesta función con calquuera especie de peixe de rocha. A variedade negra é máis estimada que a gris abrancazada, de carne máis branda e graxenta que a primeira.[10]
No mercados pódese encontrar fresco, conxelado ou seco, e pódese consumir frito, guisado, cocido, ao forno ou á grella. En seco consérvase durante moito tempo, e o seu consumo era moi popular antigamente na coresma en cidades como Soria e Calatayud, que contaban con secadoiros propios.[20]
En Galicia son famosas as empanadas de congro, e tamén se come habitualmente cociñado á galega (cocido con patacas, en allada) ou en caldeirada, só ou mesturado con outros peixes.[10]
En Cataluña e nos chamados Países Cataláns, o congro é un peixe apreciado desde tempos moi antigos e tradicionalmente se comía fervido.[21] Actualmente consómese adoito mesturado con outros peixes ou con mariscos en arroces e cassoletes.
En Inglaterra tamén é moi apreciado, e é moi coñecida a súa preparación asado, que se cociña con sidra e se acompaña con col en vinagre.[22]
Historia, mitos e lendas
[editar | editar a fonte]Segundo asegura unha milenaria tradición helénica cando o deus Poseidón abandonaba o mar e ascendía ao Olimpo para visitar o seu irmán Zeus, adoitaba agasallalo cun fermoso congro. Tal era o aprecio que na Grecia antiga se sentía por esta especie.[10]
Na Península Ibérica o seu consumo tivo o seu apoxeo na Idade Media. Por exemplo, aparece mencionado no Libro de buen amor, do Arcipreste de Hita (ca. 1284-ca. 1351), na pasaxe da batalla que sostiveron don Carnal e dona Coresma. E nun documento da facenda de Xoán II de Aragón (1398-1479) rei de Navarra (1425-1479) e de Aragón, Mallorca, Valencia Sardeña e Sicilia, datado en 1412 e denominado cea real, exixíanse, a xeito de imposto, varias cantidades de congro salgado e seco aos municipios de Sabiñánigo, Monreal, Calamocha e Murviedro (hoxe Sagunto).[10]
Porén, desde aqueles tempos, o congro foi perdendo lentamente parte da súa antiga consideración. Proba deste menosprezo é que, desde o primeiro terzo do século XX, os camións que facían a rota Vigo-Barcelona, ao atravesar o vila burgalesa de Aranda de Duero descargaban as pezas de congro, que ali se vendían en calidade de mercadoría de segunda orde. Deste xeito, o congro á arandina chegou a tomar carta de natureza, constituíndo unha deliciosa especialidade da cociña castelá.[10]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Conger conger (Linnaeus, 1758) no WoRMS.
- ↑ congro Arquivado 22 de xullo de 2013 en Wayback Machine. no Dicionario da RAG.
- ↑ Bauchot e Pras (1982), p. 107.
- ↑ Smith, D. G., 1990. "Congridae". pp. 156-167. En J. C. Quero, J. C. Hureau, C. Karrer, A. Post e L. Saldanha (eds.) Check-list of the fishes of the eastern tropical Atlantic (CLOFETA). JNICT, Lisboa; SEI, París; e UNESCO, París. Vol. 1.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 Muus et al.(1998), pp. 85-86.
- ↑ Linnaeus, C. (1758): Systema Naturae per regna tria naturae, secundum classes, ordines, genera, species, cum characteribus, differentiis, synonymis, locis. Editio decima, reformata. Laurentius Salvius: Holmiae. ii, 824 pp., Ver en liña Arquivado 13 de xuño de 2017 en Wayback Machine..
- ↑ Ophidium no WoRMS.
- ↑ Ophisoma Swainson, 1839 no WoRMS.
- ↑ Ríos Pamisse, M. C. (1977, pp. 233-236.
- ↑ 10,0 10,1 10,2 10,3 10,4 10,5 10,6 10,7 10,8 Capel, J. Carlos (1982), pp. 173-177.
- ↑ 11,0 11,1 11,2 11,3 11,4 Bauchoit e Pras (1982), p. 107.
- ↑ Rodíguez Solórzano el al. (1983), p. 70.
- ↑ 13,0 13,1 13,2 13,3 Rodríguez Villanueva e Vázquez (1995), pp. 106-107.
- ↑ Conger conger (Linnaeus, 1758) en FishBase.
- ↑ Ver en liña.
- ↑ De Buen y Lozano, F. (1935: "Fauna ictiológica. Catálogo de los peces ibéricos de la planicie continental, augas dulces, pelágicos y de los abismos próximos. I parte"., Not. y Res. Inst. Esp. Ocean., 82: 89-148.
- ↑ López Veiga et al. (1976): "Distribución e abundancia de especies bentónicas en Galicia. Resultados de la campaña Galicia I, (sep. 17974)", Res. Exp. Cient. B/O "Cornide", supl. Inv. Pesq. 5: 31-76.
- ↑ López Veiga et al. (1977): "Análisis de la pesquería demersal de Galicia II (Ago-Sept. 1975)", Res. Exp. Cient. B/O "Cornide", supl. Inv. Pesq. 6: 65-133.
- ↑ Solórzano et al. (1988).
- ↑ Frimodt, C. (1995): Multilingual illustrated guide to the world's commercial coldwater fish. Oxford, Inglaterra: Fishing News Books, Osney Mead.
- ↑ Cuina de peixos (Rupert de Nola).
- ↑ Calvin W. Schwabe Unmentionable Cuisine (en inglés)
Véxasae tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Congro |
Vexa a entrada do Galizionario acerca de Congro |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Congro |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Bauchot, M. L. e Pras, A. (1982): Guía de los peces de mar de España y Europa. Barcelona: Ediciones Omega. ISBN 84-282-0685-6.
- Capel, José Carlos (1982): Manual del pescado. Madrid: Penthalon Ediciones. ISBN 84-85337-70-0.
- Lahuerta Mouriño, F. e Vázquez Álvarez, F. X. (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. ISBN 84-453-2913-8, p. 190.
- Muus, Bent J.; Jørgen G. Nielsen; Preben Dahlstrøm e Bente O. Nyström (1998): Peces de mar del Atlántico y del Mediterráneo. Barcelona: Ediciones Omega. ISBN 84-282-1161-2.
- Nelson, Joseph S. (2006): Fishes of the World. John Wiley & Sons, Inc. ISBN 0-471-25031-7.
- Ríos Panisse, M. C. (1977): Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia. I Invertebrados y peces. Santiago: Universidad de Santiago de Compostela. ISBN 84-7191-008-X.
- Rodríguez Solórzano, Manuel; Sergio Devesa Regueiro e Lidia Soutullo Garrido (1983): Guía dos peixes de Galicia. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-7154-433-4.
- Rodríguez Villanueva, X. L. e Xavier Vázquez (1995): Peixes do mar de Galicia. (III) Peixes óseos (continuación). Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-7507-870-2.
- Solórzano, Manuel R[odríguez]; José L. Rodríguez, José Iglesias, Francisco X, Pereira e Federico Álvarez (1988): Inventario dos peixes do litoral galego (Pisces: Cyclostomata, Chondrichthyes, Osteichthyes). O Castro-Sada, A Coruña: Cadernos da Área de Ciencias Biolóxicas (Inventarios). Seminario de Estudos Galegos, vol. IV. ISBN 84-7492-370-0.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Documental sobre un sequeiro de congro en Muxía
- Conger conger (Linnaeus, 1758) en FishBase.
- Conger conger (Linnaeus, 1758) no ITIS.
- Conger conger (Linnaeus, 1758) en Doris. (en francés)
- Conger conger en BOLD Sysems. (en inglés)
- CongrioArquivado 01 de marzo de 2014 en Wayback Machine. el Larompiente.com (en castelán)
- Conger conger (Linnaeus, 1758) en Asturnatura.com (en castelán)