Saltar ao contido

Dryopteris aemula

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Dryopteris aemula Aiton Kuntze, o fento macho de recendo de feno, é un fento raro do xénero Dryopteris da familia Dryopteridaceae, propio de cavorcos e vales pechados ou abeirados con alta humidade atmosférica, preto do mar, principalmente da Europa atlántica. Aparecen nas provincias costeiras galegas.

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

O nome específico: aemula, vén do latín aemulus, -a, -um = émulo, rival.

Descrición

[editar | editar a fonte]
Dryopteris aemula nos Picos de Europa.

Fento perenne cun rizoma erecto ou ascendente e frondes de até 60 cm de lonxitude. O pecíolo, da metade de longo a tan longo como a lámina, é de cor castaña purpúrea en gran parte da súa lonxitude e con páleas castaño –avermelladas, mates, máis ou menos dispersas por todo o raque; as que aparecen sobre os nervios dos segmentos de última orde son glandulosas e algo inchadas. A lámina, 3 –pinnatisecta, ten unha característica forma de triangular– ovada a anchamente triangular, de cor verde que en ocasións se fai máis ou menos amarelenta; está cuberta de glándulas, especialmente nos nervios, máis densamente polo envés que pola face superior e que lle dan certo recendo a feno, de aí o nome vulgar. A pinna inferior é asimétrica, xa que a pínnula basiscópica proximal está máis desenvolvida que a acroscópica correspondente. As pínnulas teñen forma triangular lanceolada e as proximais teñen o ápice abruptamente adelgazado e obtuso, coa marxe revoluta; os segmentos de última orde son lanceolados ou triangular –lanceolados, de ápice obtuso e coa marxe con dentes dispersos, agudos e arestados. Os soros aparecen no envés, teñen paráfise, e están protexidos por un indusio pequeno, magro, de cor abrancazada, plano, caduco e glanduloso; os esporanxios teñen o pedúnculo glanduloso e producen esporas de 20-28 micrómetros de diámetro, engurradas e non espiñentas. Esporula de marzo a decembro.

Hábitat e ecoloxía

[editar | editar a fonte]

Este raro fento mora en zonas de carácter acedo, cuarcitas principalmente, de substrato pouco permeábel cunha forte escorrenta superficial que a miúdo mostran procesos de tubificación. Aparece en zonas con outeiros temperadas. O seu ambiente óptimo son vales pechados ou cavorcos estreitos e abeirados, preto do mar, con alta humidade atmosférica e medrando sobre cuarcitas ou arenitas. É unha planta diferencial de comunidades pertecentes á subalianza Hyperico androsaemi - Alneion (alianza Alno-Padion, orde Populetalia albae, clase Querco-Fagetea), que abrangue os bosques riparios cantábrico-atlánticos e nos que son características plantas como o fento do cabeliño (Culcita macrocarpa), Dryopteris aemula, Dryopteris corleyi, Dryopteris guanchica, Dryopteris x arecesiae (Dryopteris aemula x Dryopteris corleyi), Dryopteris x asturiensis (Dryopteris affinis x Dryopteris corleyi), Dryopteris x fraser-jenkinsii (Dryopteris affinis x Dryopteris dilatata ou Dryopteris guanchica), Dryopteris x gomerica (Dryopteris aemula x Dryopteris guanchica), Hypericum androsaemum, o fento real (Osmunda regalis), o salgueiro bravo (Salix atrocinerea), Senecio nemorensis subsp. bayonenses, Stegnogramma pozoi e o fento do botón (Woodwardia radicans).

Requirimentos ecolóxicos

[editar | editar a fonte]

É un fento que require penumbra e calor. Piso colino principalmente. Continentalidade: suboceánica; non atura xeadas serodias nin temperaturas extremas. Prefire solos húmidos ou moi húmidos, polo que é un bo indicador de humidade edáfica. Medra en solos acedos: pH 3.5 - 5.5; indicador de acidez. Medra mellor en solos pobres en nitróxeno.

Distribución

[editar | editar a fonte]

Medra na zona macaronésica: Arquipélago dos Azores, illa de Madeira, Illas Canarias, o noroeste e suroeste de Francia, acadando o noroeste de Turquía e algunhas localidades do Reino Unido. Na Península Ibérica aparece de forma relicta na costa cantábrica até alcanzar polo oeste Galiza. Aparece especialmente na provincia da Coruña, con poboacións relictas en Lugo e Pontevedra.

É un fento escaso, por iso considérase especie protexida, que aparece na listaxe vermella da flora vascular española (Lista Roja de la Flora Vascular española) baixo a categoría VU: B1+2b.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]