Estesícoro
Nome orixinal | (grc) Στησίχορος |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 630 a. C. Metauron (en) |
Morte | 555 a. C. (74/75 anos) Catania, Italia |
Actividade | |
Ocupación | poeta, escritor |
Obra | |
Obras destacables
| |
Familia | |
Nai | Ctemene |
Irmáns | Ameristus |
Descrito pola fonte | Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Pequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron Real'nyj slovar' klassicheskih drevnostej po Ljubkeru (en) |
Tisias, máis coñecido como Estesícoro (Στησίχορος, que quere dicir "mestre do coro", pola súa habilidade para dirixir os cantos corais), foi un poeta grego nado en Hímera (Sicilia) cara ao 630 a.C. e finado cara ao 550 a.C. Era un dos estimados e respectados nove poetas líricos polos académicos da daquela helénica Alexandría.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Na súa obra Fedro, Platón considera a Estesícoro nado en Hímera (Sicilia). En moedas de Hímera está a súa efixie. Cicerón fala de que nesta poboación había unha estatua súa. O que é seguro é que traballou alí.
A enciclopedia Suda di que hai quen opinaba que era de Metauro, do sur de Italia. O caso é que en Hímera transcorreu a maior parte da súa vida artística. Renovou a lírica coral articulando os poemas en estruturas ternarias (estrofa, antístrofa e épodo), que da súa man alcanzarán a perfección.
Dentro da lírica grega, Estesícoro representa unha ponte entre a traxedia e a épica, por mor da súa preferencia pola narración de mitos á marxe das conclusións que dos mesmos poidan sacarse, ou de que sexan pretexto para enxalzar a unha cidade ou un personaxe. Interésanlle de xeito sinxelo os relatos, na medida en que forman parte da tradición popular. As súas historias influíron nas artes plásticas e moitas delas atópanse reflectidas na cerámica grega. Desde os anos cincuenta do século XX incrementouse o corpus de textos de que se dispoñía ata agora, de maneira que xa é posíbel facer unha edición das súas obras, posto que dos máis de 26 libros que se lle atribuían só subsistiran fragmentos duns 16, aínda que moi numerosos.
Ten unha relación moi especial con Esparta. O Marmor Parium atribúelle unha viaxe a Esparta, e a Orestea escríbea para unha festa espartana. A palinodia é modificada para satisfacer aos espartanos: en Esparta, Helena era unha deusa.
Estesícoro viaxou por toda Grecia e tomou parte en concursos poéticos de grandes festas. Parece que tivo dous irmáns: Helianacte, lexislador, e Mamertino, matemático; o ambiente da época podería ser próximo ao pitagórico.
Estesícoro recibiu influxo de Homero, que se advirte na súa obra sobre os retornos, concretamente no episodio sobre Telémaco, na súa despedida de Esparta con Menelao e Helena, argumento este, homérico, con iguais formas. O mesmo pode dicirse da súa obra relativa á destrución de Troia. Engade á tradición temas como a pantasma de Helena, que viaxa a Troia mentres estaba ela en Exipto. Aporta ideas como o soño de Clitemnestra, a ama de cría de Orestes e a súa persecución polas Erinias, a persecución dos vencidos de Troia, a sorte das prisioneiras troianas, o perdón de Menelao a Helena, o enfrontamento entre Eteocles e Polinices, que trata de evitar a súa nai Iocasta, o tema das fenicias de Eurípides, e a loucura de Heracles que figura na súa Cerbero.
Lenda
[editar | editar a fonte]Dise que cando os seus concidadáns decidiron confiar a defensa da súa cidade, Hímera, ao tirano de Agrigento (Fularides), Estesícoro os persuadiu do seu erro, narrándolles por primeira vez a fábula do cabalo e o cervo: o cabalo, nun intento desesperado por terminar dunha vez co seu irreconciliábel inimigo, o cervo que o traía cosido a cornadas, acudiu ao home. Pero ocorreu que, unha vez subxugado o cervo polo aliado, este fixo o mesmo co cabalo. A cidade de Hímera fixo caso da fábula e por esa vez salvouse de ser dominada por Agrigento.
Estesícoro tamén é famoso pola lenda da súa palinodia, seguramente o primeiro exemplo na literatura de tal tipo de poesía. En dita palinodia, desdise da tradición segundo a cal Helena de Troia foi a causante da Guerra de Troia, e que xa fora tema dun anterior poema seu.
Obras
[editar | editar a fonte]- Nostoi: relatos de viaxeiros que regresan ao fogar.
- Orestíada, cuxo contido trataba do soño de Clitemnestra, da intervención da ama de cría de Orestes e de como as Erinias perseguían ao personaxe que dá título á obra.
- Erífile, obra relacionada co Ciclo tebano que trata da vinganza dos fillos dos sete que se enfrontaron con Tebas e perderon, da infiel Erífile, que traizoou ao seu esposo Anfiarao e da vinganza do seu fillo Alcmeón.
- Xogos fúnebres en honor de Pelias, da lenda tesalia. Son xogos nos que participan moitos dos heroes de Grecia. Na obra trátanse temas moi comúns na antiga poesía, aparecen os Dióscuros e os cazadores do Xabarín de Calidón, cóntase como mata ao xabarín Meleagro e como mata tamén aos seus dous tíos polos refugallos da presa.
- Xerioneida, de polo menos 1.300 versos, sobre a fazaña de Heracles co xigante de tres corpos Xerión, que se conserva ademais resumido na Biblioteca mitolóxica do Pseudo-Apolodoro;
- Cálice e Dafnis tratan sobre amores desventurados.
- Cerbero.
Atribuíronlle diversos poemas que tratan sobre a Guerra de Troia, como Helena (obra que se supón que se presentaba en dous libros), Palinodia (tamén de dous libros), A destrución de Troia e outros. Así mesmo, era coñecido pola súa literatura erótica e as súas cancións de amor.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Rodríguez Tobal, Juan Manuel (ed.): El ala y la cigarra. Fragmentos de la poesía arcaica griega no épica (Edición bilingüe. Madrid, Hiperión, 2005). (en castelán)
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas externos
[editar | editar a fonte]- Pierre Alexis Pierron: Historia da literatura grega (Histoire de la littérature grecque, 1850).
- Biografía e dous fragmentos da obra de Estesícoro, en francés, no sitio de Philippe Remacle: trad. de Ernest Falconett.
- Estesícoro: Odas e fragmentos.
- Textos españois no sitio da Biblioteca de Clásicos Grecolatinos.
- Textos de Estesícoro en grego, no sitio da Bibliotheca Augustana (Augsburgo).