Filippo Lippi
Fra Filippo Lippi, nado en Florencia arredor de 1406 e finado en Spoleto o 8 ou 10 de outubro de 1469, foi un coñecido pintor florentino do Renacemento.[1]
Lippi foi patrocinado principalmente polos Medici e de entre os seus traballos destacan os frescos da Capela dos Medici, A Virxe e o Neno con Anxos e A Virxe o Neno coa Historia da Vida de Santa Ana.
Aos oito anos de idade, a súa tía internouno nun mosteiro carmelita na Toscana. A vida relixiosa, porén, non lle acaeu, como describe Giorgio Vasari no seu libro As Vidas dos Artistas:
En lugar de estudar, pasaba todo o tempo rabiscando debuxos nos seus libros e nos dos outros, o que naturalmente levou a que o monseñor lle dese todas as oportunidades posíbeis para que aprendese a pintar.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Lippi naceu en Florencia en 1406. Cando aínda era neno, perdeu os seus pais e foi enviado a vivir coa súa tía Mona Lapaccia. Porén, por ser moi pobre para crialo, colocouno no convento carmelita, próximo á veciñanza. El tiña oito anos cando partiu para o convento e comezou a súa educación alí. En 1420, foi admitido na comunidade dos frades carmelitas de Florencia, facendo votos relixiosos o ano seguinte, aos dezaseis anos. Foi ordenado sacerdote aproximadamente en 1425 e morou nese convento ata 1432.[2]
Giorgio Vasari, o primeiro historiador da arte do Renacemento, escribiu que Lippi foi inspirado a converterse en pintor ao axudar a Masaccio no traballo que realizaba na igrexa de Santa María del Carmine. Os primeiros traballos de Lippi, como Tarronia Madonna (Galleria Nazionale, Roma), mostran esa influencia de Masaccio.[3] Debido ao interese de Lippi, o prior decidiu darlle a oportunidade para aprender a pintar.
En 1432, Filippo Lippi saíu do mosteiro, aínda que non foi liberado dos seus votos. Nunha carta datada de 1439, descríbese como o frade máis pobre de Florencia, acusado de manter seis sobriñas casadas. De acordo con Vasari, Lippi pasou a visitar Ancona e Nápoles, onde foi capturado por piratas da Berbería e mantívose como un escravo branco. A súa habilidade facendo retratos axudou a liberalo, pois pintou un retrato do xefe dos piratas con carbón e, este, impresionado, liberouno.[4][5] Louis Gillet, escribindo para a Enciclopedia Católica, considerou esta historia "certamente nada alén dunha novela".
Co retorno de Lippi a Florencia en 1432, as súas pinturas volvéronse populares, garantindo o apoio da familia Medici, que encargou A Anunciación e os Sete Santos. Cosme de Medici tivo que encerralo para obrigalo a traballar, e mesmo así o pintor escapou por unha corda feita coas súas sabas. A súa vida incluíu moitas historias semellantes de accións xudiciais, queixas, promesas quebradas e escándalos.[3] En 1452, foi nomeado capelán das monxas do mosteiro de Santa María Magdalena de Florencia.
En xuño de 1456 trasladouse a Prato para pintar os frescos do coro da catedral. En 1458, mentres se dedicaba a este traballo, comezou a pintar un cadro para a capela do mosteiro de Santa Margarida nesa cidade, onde coñeceu a Lucrezia Buti, unha noviza da orde, filla dun florentino chamado Francesco Buti. Lippi pediu que se lle permitise posar para a figura da Virxe (ou talvez para a de Santa Margarida). Nese contexto, Lippi namorouse da súa modelo, seduciuna e mantivo relacións con ela, secuestrándoa durante unha procesión para levala á súa propia casa, manténdoa alí a pesar dos esforzos das monxas por recuperala.[6] Desta relación naceu o seu fillo, Filippino Lippi, quen tamén se converteu en pinto.
En 1457 foi nomeado Reitor (Rettore commendatario) de San Quirico de Legania, unha das institucións das que ocasionalmente obtivo ganancias considerábeis. A pesar destes beneficios, Lippi loitou para escapar da pobreza ao longo da súa vida.
Os últimos anos da súa vida pasounos en Spoleto, onde se lle encargou que pintase escenas da vida da Virxe para a bóveda da catedral. Lippi morreu en Spoleto, arredor do 8 de outubro de 1469. A causa da súa morte é cuestión de disputa. Díxose que o papa concedera que Lippi se casase con Lucrezia, mais antes de que chegase a licenza, Lippi fora envelenado polos parentes indignados da propia Lucrezia ou dunha señora que a substituíra nos afectos do inconstante pintor.[7]
Características
[editar | editar a fonte]Influído por Masaccio, do que foi o discípulo máis directo, Filippo Lippi deu aos temas tradicionais unha nova intensidade, en especial pola súa concepción do espazo (emprega paisaxes en lugar de fondos planos para contrastar figuras) e pola súa procura dos efectos da cor, o que o converteu nun dos maiores expertos coloristas da época. Sobresae pola orixinalidade da paisaxe e a elegancia nerviosa no debuxo, que influíu decisivamente en Botticelli, destacando a súa valoración polo movemento e o gusto polo anecdótico.
Como naturalista, ten un realismo menos vulgar que o dalgúns dos seus contemporáneos, con animacións xenuínas que inclúen incidentes semihumorísticos e personaxes menores.
Trata frecuentemente temas relixiosos, sendo a súa maior achega á pintura florentina do quatrocento un maior acento profano respecto ás obras de Masaccio ou Fra Angelico que lle serviron de inspiración, xa que enfoca a arte relixosa dende o seu lado humano.
A súa carreira estivo en continuo desenvolvemento, sen grandes variacións en estilo ou cor.
Galería
[editar | editar a fonte]-
A Anunciación
-
A Anunciación con dous doadores axeonllados, Galería Nacional de Arte Antiga, Roma
-
Cadro de Pierre-Nolasque Bergeret (1782-1863) que representa a Filippo Lippi facendo o debuxo que supostamente o liberou do cativeiro en Alxer
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Fra Filippo Lippi". Consultado o 25 de xaneiro de 2016.
- ↑ "CATHOLIC ENCYCLOPEDIA: Filippo Lippi". Consultado o 2017-09-25.
- ↑ 3,0 3,1 "Fra Filippo Lippi | artist | born about 1406; died 1469 | National Gallery, London" (en inglés). Consultado o 2017-09-25.
- ↑ Greene, Robert (2000). The 48 Laws of Power. p. 187.
- ↑ "Rome presents works of Filippo Lippi, polemic friar and Renaissance painter.". 17 de decembro de 2017.
- ↑ "Fra Filippo Lippi - The Complete Works - frafilippolippi.org". www.frafilippolippi.org. Arquivado dende o orixinal o 04 de xullo de 2019. Consultado o 19 de febreiro de 2020.
- ↑ "Fra Filippo Lippi Biography", Frafilippolippi.org Arquivado 04 de xullo de 2019 en Wayback Machine.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Filippo Lippi |
A Galipedia ten un portal sobre: Italia |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Canaday (1969). The Lives of the Painters Vol. 1. New York: Norton and Company.
- Kleiner, Fred S.; Mamiya, Christian J. (2005). Art Through the Ages. Thomson & Wadsworth. ISBN 0534167055.
- Hartt, Frederick (1980). The History of Italian Renaissance Art. Londres: Thames and Hudson.
- Ruda, Jeffrey (1993). Fra Filippo Lippi: Life and Work. Londres: Phaidon Press. ISBN 0714838896.
- Proud, Linda (2012). A Gift for the Magus. Godstow Press. ISBN 9781907651038. [Novela histórica sobre Filippo Lippi e Cosme de Medici.]
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Fra Filippo Lippi en As vidas, de Giorgio Vasari, edición torrentina. 1550
- www.FraFilippoLippi.org Arquivado 04 de xullo de 2019 en Wayback Machine. 75 works by Filippo Lippi
- Paul George Konody, Filippo Lippi, Londres: T.C. & E.C. Jack; Nova York: Frederick A. Stokes, 1911.
- Italian Paintings: Florentine School, a collection catalog containing information about Lippi and his works (see pages: 92–94).
- Fra Filippo Lippi at the National Gallery of Art