Huey P. Newton
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde outubro de 2016.) |
Nome orixinal | (en) Huey Percy Newton |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 17 de febreiro de 1942 Monroe, Estados Unidos de América (pt) |
Morte | 22 de agosto de 1989 (47 anos) Oakland, Estados Unidos de América |
Causa da morte | homicidio |
Lugar de sepultura | Evergreen Cemetery (en) |
Grupo étnico | Afroamericano |
Educación | Universidade de California Merritt College (en) Oakland Technical High School (pt) San Francisco Law School (en) |
Actividade | |
Ocupación | político, sociólogo, filósofo, Activista polos dereitos humanos |
Período de actividade | 1963 - |
Partido político | Panteras Negras |
Membro de | |
Descrito pola fonte | Biographical Dictionary of the American Left (en) |
Huey P. Newton, nado en Monroe, Louisiana, o 17 de febreiro de 1942 e finado o 22 de agosto de 1989, foi un activista afroestadounidense, cofundador e líder do Partido Pantera Negra.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Era fillo dunha labrega e dun crego baptista, tras rematar a secundaria é incapaz de ler por si mesmo, polo que ten que aprender dun xeito autodidacta. Continua a súa educación no Oakland City College, onde forma parte da Asociación Afroamericana e de fraternidade Phi Beta Sigma. Neses anos consegue integrar o primeiro curso de historia afroestadounidense como parte do programa oficial do centro.
Neses anos comeza a formarse ideoloxicamente lendo as obras de Frantz Fanon, Malcolm X, Mao Tse-tung, e o Che Guevara. Na súa estancia no centro tamén coñece a Bobby Seale, co que decide fundar o Partido Pantera Negra para a Autodefensa en outubro de 1966. Bobby Seale fica como xefe da organización e el asume o posto de director das labores defensivas.
O coñecemento legal do Código Penal de California permítelle desenvolver as teorías da autodefensa, comezando o impulso á poboación afroestadounidense para que se armasen e formasen patrullas, conforme aos seus dereitos legais, para combater a brutalidade e as agresións policiais. Crese que en parte desta doutrina estaba a idea de preparar á poboación para unha futura revolución maoísta. Newton tamén foi unha figura crucial no impulso e desenvolvemento do programa de almorzos gratuítos para nenos, un dos vértices da acción social dos Panteras Negras.
Acusación de asasinato
[editar | editar a fonte]A madrugada do 28 de outubro de 1967, Newton é abordado polo oficial de policía John Frey, un dos que trataba de desarmar e desmotivar as patrullas de autodefensa dos Panteras Negras. Nese momento outro oficial, Herbert Heanes, achégase dende atrás e ten lugar un tiroteo do que existen versións contraditorias. O resultado é que John Frey recibe catro disparos é morre pouco despois, Herbert Heanes, pola súa parte, acaba gravemente ferido con tres feridas de bala. Newton recibe un disparo no ventre e é trasladado a un hospital de Oakland, onde é encadeado á cama e detido.
Acusado de homicidio, en setembro de 1968 é condenado a prisión de 2 a 15 anos. En maio de 1970 o Xulgado de Apelación do Estado de California ordena o seu excarceramento e a celebración dun novo xuízo, no que o caso é sobresido.
Os anos nos que estivo en prisión coincidiron con algúns dos maiores acosos do FBI contra os Panteras Negras, especialmente a través de infiltracións e insidias internas que levaron a que Huey P. Newton e Bobby Seale se afastasen e comezasen a desconfiar un do outro. Newton comeza a ser acusado da súa relación co tráfico de drogas.
No 1974, Newton é acusado de novo polo asasinato dunha prostituta de 17 anos, Kathleen Smith. Newton non se presenta no xuízo e escapa a Cuba, onde permanece tres anos. Durante ese tempo pasa a engrosar a lista dos máis buscados do FBI. Ao cabo volve aos Estados Unidos alegando que o clima social cambiara e que tiña oportunidade de ter un xuízo xusto no que fora unha acusación con implicacións políticas. Finalmente é absolto deste crime.
Últimos anos e morte
[editar | editar a fonte]En 1974 obtén un título da Universidade de California, Santa Cruz. Tras ler na cadea ao biólogo evolucionista Robert Trives, fai amizade con el e publican xuntos un estudo sobre a autodecepción da tripulación do accidente aéreo Air Florida Flight 90. Doutórase en Santa Cruz cun traballo titulado "A guerra contra as Panteras: Un estudo da represión en América".
En 1985 é acusado de malversación de fondos do Estado en relación cos programas sociais dos Panteras Negras. É condenado en 1989, entre rumores de que os cartos lle servían para sustentar a súa propia adicción ao alcohol e ás drogas. Naquela época, xa a organización vivía a súa época de decadencia.
O 22 de agosto de 1989, Huey P. Newton morre tras ser tiroteado por Tyrone Robinson, un traficante de drogas de 24 anos, que non será acusado do crime até agosto de 1991. Os medios de comunicación sentaron a hipótese de que Newton podía estar envolto no tráfico de drogas, e que isto estaba no fondo do seu asasinato.