Józef Piłsudski
Józef Klemens Piłsudski de Kościesza ['juzɛf piw'sutski] (axuda · info), nado en Zułów, preto de Vilna, o 5 de decembro de 1867 e finado en Varsovia o 12 de maio de 1935, foi o primeiro xefe de Estado (1918-1922), primeiro mariscal (dende 1920) e ditador (1926-1935) da Segunda República Polaca. Dende a primeira guerra mundial tivo unha grande influencia na sociedade do seu país e foi un político moi relevante na política europea.[1] É considerado o principal responsable de que Polonia conseguise a independencia en 1918 tras máis dun século de particións.[2][3][4]
Infancia e mocidade
[editar | editar a fonte]De familia nobre e composta por nove irmáns, naceu en Zułów, dentro da Polonia do Imperio Ruso (actual Lituania). A familia tivo que abandonar a cidade polos problemas económicos provocados polo seu irmán Bronisław Piłsudski quen, xunto con Aleksandr Ulianov (irmán de Lenin), tentaron atentar contra o tsar Alexandre III de Rusia.
Os Piłsudski tiveron que desfacerse das súas propiedades para facer fronte ao xuízo, polo que se mudaron a Vilnius, onde Józef se formou intelectualmente. O seu pai morreu antes de que acabase o bacharelato (Gymnasium).
Capacitado con grandes dotes de liderado, en 1894 fíxose co poder dun grupo político socialista chamado Polska Partia Socjalistyczna e fundou a revista antirrusa Robotnik (O obreiro), xornal dos socialistas polacos.
Creou unha corrente revolucionaria dentro deste partido e loitou a favor da independencia de Polonia, que entón se atopaba dividida entre a Rusia tsarista, o Imperio Austrohúngaro e Alemaña.
Actividade política
[editar | editar a fonte]En 1899 casou con Maria Juszkiewicz, e en 1900 foi capturado pola forza imperial e encerrado na Cidadela de Varsovia. Á súa esposa liberárona once meses despois. Piłsudski, para chamar a atención polo seu encarceramento, fixo unha folga de fame para así ser levado a un hospital. Despois dun mes de recuperación, burlou a garda do hospital e conseguiu fuxir. Atopouse coa súa esposa e xuntos escapáronse a Francia.
En 1904 viaxou en segredo ao Xapón, que se atopaba en situación prebélica contra o Imperio Ruso, e se prevía un ataque por parte deste. Piłsudski propuxo que o Xapón non só se centrase nunha fronte en Asia, senón que tamén o fixese dende Europa polo mar Báltico a través de Polonia. Polo tanto, mentres o Xapón atacaba o exército do Imperio ruso, sucedeuse unha avanzada cara a Moscova. Todos os militares polacos e prisioneiros políticos axudaron ás tropas xaponesas nas zonas xa liberadas por estes.
O seu intento fracasou, xa que Roman Dmowski impediu que ocorrese por medio dos seus dotes diplomáticos, pois non quería que os polacos tivesen que ver cun conflito ruso-xaponés. Dmowski e Piłsudski eran dúas persoas totalmente diferentes pero querían chegar a un destino común a través de distintos camiños. Piłsudski viviu no Xapón durante un ano, ata 1906.
Volveu a Polonia para retomar a política que deixara trala fuxida. En 1908, xunto con Kazimierz Sosnkowski creou en Leópolis unha organización secreta que tiña como misión "tentar facer o posible contra Rusia" nos conflitos militares con outros países e tamén os seus problemas internos. O 26 de setembro do mesmo ano organizou un ataque a un tren preto de Bezdanami, mentres que a partir de 1912 militou nun grupo que ten como fin a independencia de Polonia. Ese mesmo ano fixérono comandante de todas as forzas armadas polacas.
A guerra mundial
[editar | editar a fonte]A pesar da falta de formación militar regulada, Piłsudski mandou durante a guerra a Primeira Brigada da Lexión Polaca,[5] converténdose no caudillo da loita antirrusa pola restauración dunha Polonia independente.[5] A maioría dos seus partidarios e colaboradores na súa posterior actividade política proviñan da Primeira Brigada, mentres que moitos dos seus adversarios militares pertencían á Segunda Brigada ou serviron en unidades regulares do exército austrohúngaro.[5]
Polonia independente
[editar | editar a fonte]Xefatura de Estado (1918-1922)
[editar | editar a fonte]Trala primeira guerra mundial volveu a Varsovia liberado polos alemáns da prisión de Magdeburgo (10 de novembro de 1918[6]) e foi nomeado xefe de Estado e comandante en xefe do exército polaco, converténdose na práctica en ditador de Polonia.[6] O 20 de febreiro de 1919 a nova asemblea constituínte elixida en xaneiro nomeouno oficialmente xefe do Estado.[6]
Durante ese período, loitou activamente contra o bolxevismo, dirixindo persoalmente os Exércitos polacos durante a guerra Guerra Polaco-Soviética como comandante en xefe das forzas armadas.[7]
O principal interese de Piłsudski foi o exército.[7] Impediu o nomeamento de ministros de Defensa nos primeiros gobernos polacos para manter o control persoal do mesmo,[7] e asegurouse o nomeamento dun ministro afín (antigo compañeiro de prisión durante a guerra), o xeneral Kazimierz Sosnkowski, que se mantivo no cargo a pesar dos cambios de goberno ata a primavera de 1923.[8]
O 17 de marzo de 1921 os seus rivais da dereita lograron aprobar a nova constitución de carácter marcadamente parlamentarista en que a presidencia do Estado apenas tiña poderes.[9] A súa idea era impedir que Piłsudski, cun gran prestixio que o facía o candidato evidente á presidencia, controlase a política nacional.[9] O mariscal, en resposta, negouse a presentarse ás eleccións de decembro de 1922.[10] Ese mesmo mes foi nomeado xefe do Estado maior, substituíndo a un dos seus rivais militares, o xeneral Władysław Sikorski.[8]
Cando ese mesmo mes o seu candidato e amigo persoal, Gabriel Narutowicz, foi asasinado por un mozo fanático de dereitas que confesou que preferiría asasinar a Piłsudski, este acusou a dereita de estar detrás da morte e a súa animadversión cara aos seus rivais afondou.[10] Cando a dereita, co novo apoio do Partido Campesiño Piast de Wincenty Witos, formou o primeiro gabinete na primavera de 1923 Piłsudski negouse a colaborar co novo goberno e abandonou paulatinamente os seus cargos oficiais.[11]
Ideas políticas e rivais
[editar | editar a fonte]As súas ideas políticas eran moi distintas ás de Roman Dmowski, quen cría que era posible unha autonomía dentro do Imperio ruso, ou unha alianza con este. Piłsudski, en cambio, era partidario dunha alianza con Alemaña e da creación de Estados intermedios independentes (Belarús, Ucraína) entre Rusia e Polonia. Para iso alentou dende o goberno o proxecto Międzymorze en favor dunha federación de estados de Europa Oriental ansiosos de evitar a dominación política e económica por parte de Alemaña ou da URSS; este proxecto non resultou atractivo para o resto de estados do leste europeo ao ser demasiado evidente que Piłsudski promovía unha unión baixo a dirección de Polonia, e dado que Lituania rexeitaba repetir a experiencia da República das Dúas Nacións, e o plan tampouco recibiu acollida favorable en Checoslovaquia debido a unha serie de controversias territoriais checo-polacas. A esta oposición cumpría agregar a negativa evidente da URSS de apoiar semellante plan que ameazaba a súa hexemonía en Europa Oriental.
Piłsudski enfrontouse a dous rivais principais: os seus adversarios militares dentro do Exército, que lle disputaban o control sobre o mesmo e a forma de organizar as forzas armadas,[5] e os conservadores, principalmente o Partido Nacional Democrático de Dmowski, que o odiaban como antigo socialista, combatente contra Rusia e antigo aliado de Alemaña, suposto defensor das minorías do Estado e partidario do federalismo.[9] A rivalidade entre os partidarios do mariscal e os seus opositores caracterizou a política polaca de entreguerras.
Retiro oficial (1922-1926)
[editar | editar a fonte]Piłsudski rexeitou unha pensión gobernamental e retirouse á súa casa nos arredores de Varsovia, agasallo dos seus admiradores.[11] Mantívose impartindo conferencias e escribindo artigos e libros, xeralmente de contido político e moi polémicos.[11]
O goberno entregouse pronto a tratar de desfacer a obra do mariscal no Exército, tratando de sometelo ao poder civil mediante plans de reorganización dos seus adversarios,[11] á vez que se desencadeou unha campaña de desprestixio da súa figura e se o mantiña baixo vixilancia.[12] A dereita tratou de implicalo en certos xuízos por espionaxe a favor da Unión Soviética, sen éxito.[12]
Piłsudski, pola súa banda, continuou a súa dura polémica cos seus adversarios sobre o modelo de mando das forzas armadas e a súa subordinación ao goberno, que o mariscal vía como negativa e conducente á utilización das mesmas nas rivalidades partidistas, mentres que os seus opositores a consideraban necesaria para sometelas ao control democrático.[13]
A crecente tensión entre partidarios e detractores do mariscal,[14] a agudización da crise económica,[15] o empeoramento da situación internacional para Polonia coa firma dos tratados de Locarno e Berlín e a crónica inestabilidade gobernamental, na que se sucederon os gabinetes (catorce ata 1926[5]) fixeron que os admiradores do mariscal fosen vistos cada vez máis como a figura providencial para a nación, convidándoo cada vez máis abertamente a tomar o poder pola forza.[6]
En novembro de 1925 Piłsudski, trala caída do goberno de tecnócratas de Grabski, advertira o presidente da república de que non estaba disposto a admitir máis cambios no exército.[15] O presidente declarouse incapaz de pór fin á crise política.[6] A partir dese momento e durante o inverno e a primavera de 1926 a tensión creceu e os partidarios do mariscal prepararon a súa volta á política mediante un golpe de estado.
Golpe de estado e réxime autoritario (1926-1935)
[editar | editar a fonte]En maio de 1926, tras meses de preparación polos seus partidarios[16] e o apoio dalgunhas unidades militares fieis á súa persoa,[17] deu un golpe de estado, insatisfeito coa crónica inestabilidade política, o que el consideraba intromisión en asuntos militares do goberno,[5] a aguda crise económica[18] e a delicada situación internacional para Polonia.[18] As forzas políticas e sociais de esquerda, esperando a fin do control da vida política polas formacións de dereita e unha revolución social, apoiaron o golpe, aínda que axiña quedaron desilusionadas.[17]
O golpe de Piłsudski marcou o final do goberno democrático parlamentario en Polonia, símbolo do fracaso do sistema democrático na rexión nos anos posteriores, que foi substituído paulatinamente por diferentes ditaduras.[17] A partir do golpe de estado volveu exercer as súas funcións no goberno de Polonia ata a súa morte. O golpe, a pesar do seu éxito político e militar, supuxo unha desilusión para o mariscal que se vía a si mesmo como unha figura admirada por todo o país e esperara que todo o exército o seguise no canto de dividirse.[19] A imaxe de si mesmo como un gardián do benestar nacional aceptado por todas as opcións políticas esvaeceuse.[19]
Tralo golpe de estado de 1926, e ao notar que o proxecto Międzymorze tampouco recibía apoio decisivo de Gran Bretaña ou Francia, Piłsudski abandonouno, e dedicouse a dirixir o goberno de Polonia como un ditador carismático, sustentado na súa popularidade entre as masas, mais permitindo certa marxe de manobra á oposición. Para iso, Piłsudski introduciu o denominado réxime Sanacja ("curación" en polaco), onde os seus seguidores formaban unha fronte "por riba dos partidos políticos" mentres os gobernos quedaban suxeitos á aprobación de Piłsudski, convertido en ditador de facto de Polonia,[19] apoiado polos líderes militares (o "grupo dos coroneis") e polo movemento Sanacja, un partido político que evitaba conducirse como tal.
No entanto, tralo agravamento da Gran Depresión en 1930 xurdiu con maior forza unha oposición política que esixía a Piłsudski deixar o poder. En resposta, Piłsudski arrestou decenas de parlamentarios opositores ao seu réxime e encarcerounos na cidade de Brest.[20] Despois diso, Piłsudski insistiu en manter o seu réxime sobre a base do seu carisma entre as clases obreiras, e comezou a elaborar unha nova constitución que lle permitise legalizar o réxime Sanacja e perpetualo no poder. Os últimos anos do seu réxime, este perdeu o seu prestixio e apoio: ao terror policial empregado para gañar as eleccións de novembro de 1930 uniuse a brutal represión militar do nacionalismo ucraíno tamén a finais dese ano.[20] Tanto os intelectuais como os partidos de esquerda e as minorías afastáronse de Piłsudski.[20]
Froito do desexo dos seus partidarios de asegurar o réxime foi a Constitución de abril de 1935, elaborada pola camarilla de Piłsudski expresamente para que fose este líder quen se servise dela. No entanto, tal esforzo resultou van: o 12 de maio do mesmo ano morreu Piłsudski, e o réxime Sanacja quedou en mans dos coroneis ata o estalido da segunda guerra mundial.
Legado
[editar | editar a fonte]Piłsudski é, sen dúbida, unha das personaxes máis importantes da historia de Polonia do século XX, considerado por moitos como o "salvador de Polonia", por liderar a guerra de independencia contra alemáns e soviéticos e por dirixir a reconstrución dun estado polaco soberano tras máis dun século de particións. Atribúeselle tamén manter a cohesión e organización nacional de Polonia durante quince anos de independencia, a pesar da súa actitude ditatorial no contexto do réxime Sanacja.
Aínda que criticado durante o seu goberno por políticos e intelectuais polacos, a súa reputación mellorou tras a segunda guerra mundial, cando o aberto nacionalismo de Piłsudski resultou favorablemente comparado fronte ao réxime comunista polaco, fortemente influenciado pola URSS, a mesma potencia estranxeira contra a cal se loitou na guerra de expansión de 1920-1921. O réxime comunista polaco condenou formalmente o réxime e personalidade de Piłsudski ao tachalo de reaccionario e aliado dos terratenentes, pero esta clase de censuras fortaleceron certo prestixio da figura de Piłsudski fronte á subordinación do réxime polaco ante a URSS ata a época do desxeo de Khrushchev.
De feito, tralo establecemento da democracia en Polonia en 1991, Pilsudski volveu ser homenaxeado como heroe nacional debido ao restablecemento da independencia en 1918 e o seu celo no mantemento da soberanía nacional, a pesar dos cuestionamentos sobre o seu réxime ditatorial ou a represión aos seus opositores, sendo homenaxeado con numerosas estatuas e monumentos, así como con rúas e prazas dedicadas á súa memoria.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Plach 2006, p. 14.
- ↑ Lieven, 1994, p. 159.
- ↑ Lerski, 1996, p. 441.
- ↑ Held, 1992, p. 249.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 Rothschild (1962), páx. 242
- ↑ 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 Rothschild (1962), páx. 257
- ↑ 7,0 7,1 7,2 Rothschild (1962), páx. 244
- ↑ 8,0 8,1 Rothschild (1962), páx. 245
- ↑ 9,0 9,1 9,2 Rothschild (1962), páx. 246
- ↑ 10,0 10,1 Rothschild (1962), páx. 247
- ↑ 11,0 11,1 11,2 11,3 Rothschild (1962), páx. 249
- ↑ 12,0 12,1 Rothschild (1962), páx. 250
- ↑ Rothschild (1962), páx. 251
- ↑ Rothschild (1962), páx. 254
- ↑ 15,0 15,1 Rothschild (1962), páx. 256
- ↑ Rothschild (1962), páx. 258
- ↑ 17,0 17,1 17,2 Rothschild (1962), páx. 241
- ↑ 18,0 18,1 Rothschild (1962), páx. 259
- ↑ 19,0 19,1 19,2 Rothschild (1990), páx. 56
- ↑ 20,0 20,1 20,2 Rothschild (1990), páx. 64
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Józef Piłsudski |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Plach, Eva (2006). The Clash of Moral Nations: Cultural Politics in Pilsudski's Poland, 1926–1935. Athens, Ohio: Ohio University Press. ISBN 0-8214-1695-2.
- Lerski, Jerzy Jan (1996). Historical Dictionary of Poland, 966–1945. Westport, Conn.: Greenwood Press. ISBN 0-313-26007-9.
- Held, Joseph (1992). The Columbia History of Eastern Europe in the Twentieth Century. Nova York: Columbia University Press. ISBN 0-231-07697-5.
- Lieven, Anatol (1994). The Baltic Revolution: Estonia, Latvia, Lithuania and the Path to Independence. New Haven: Yale University Press. ISBN 0-300-06078-5.
- Rothschild, Joseph (1962). "The Military Background of Pilsudski's Coup D'Etat". Slavic Review 21 (2): 241–260.
- Rothschild, Joseph (1990). East Central Europe Between the Two World Wars (en inglés). University of Washington Press. ISBN 9780295953571.