Jacob R. Eckfeldt
Biografía | |
---|---|
Nacemento | Marzo de 1803. Filadelfia, Pensilvania. |
Morte | 9 de agosto de 1872 (68/69 anos) Filadelfia, Pensilvania. |
País de nacionalidade | Estadounidense. |
Relixión | Luteranismo. |
Actividade | |
Ocupación | Ensaiador da Casa da Moeda de Filadelfia |
Empregador | Casa da Moeda dos Estados Unidos |
Familia | |
Cónxuxe | Emily M. Levering (1835). |
Fillos | Frederick Eckfeldt. Jacob Bausch Eckfeldt. John Wiegand Eckfeldt. |
Pai | Adam Eckfeldt |
Descrito pola fonte | Appletons' Cyclopædia of American Biography, (sec:Eckfeldt, Jacob Reese) |
Jacob Reese Eckfeldt, nado en Filadelfia en marzo de 1803 e finado na mesma cidade o 9 de agosto de 1872, foi ensaiador de metais na Ceca de Filadelfia, da Casa da Moeda dos Estados Unidos.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos e formación
[editar | editar a fonte]Nado en Filadelfia en marzo de 1803, Jacob R. Eckfeldt era o fillo maior de Margaretta e Adam Eckfeldt (1769-1852), cuñador xefe da Casa da Moeda dos Estados Unidos en Filadelfia.[1][2][3][4]
Desde rapaz destacou o seu interese polo coñecemento da física e a mecánica, e recibiu a súa educación prinicpalmente na academia clásica do Dr. Wylie e o Sr. Engles, de moita sona naquel tempo.[2][3]
Carreira profesional
[editar | editar a fonte]O seu primeiro traballo foi na administración dunha fábrica de algodón en Trenton, na que permaneceu varios anos, e posteriormente seguiu o seu pai na súa dedicación ao servizo do Goberno e ingresou na Casa da Moeda de Filadelfia, na sala de separación de metais, ás ordes do daquela refinador e fundidor Joseph Cloud.[2] Ao longo da súa traxectoria na institución foi ascendendo ata que o presidente de Andrew Jackson lle encomendou o cargo de ensaiador xefe,[1] o 30 de abril de 1832,[5] en substitución do anterior titular, John Richardson, que chegaba á súa idade de xubilación.[3] Eckfeldt exerceu este cargo durante catro décadas, ata a súa morte.[2]
No exercicio do seu cargo, Eckfeldt beneficiouse das innovacións que outro funcionario da Casa da Moeda, Franklin Peale, levara a Filadelfia logo da súa viaxe a Europa en 1833 para visitar, entre outras, a Monnaie de Paris e a Royal Mint de Londres, e tamén das balanzas e outros instrumentos de precisión creados por Saxton.[6]
A partir do éxito das minas de ouro nos estados sureños e do aumento do comercio en Nova Orleáns, o Congreso aprobou en 1835 a creación de tres sucursais da Casa da Moeda dos estados Unidos no sur —a Ceca de Charlotte (Carolina do Norte), a Ceca de Dahlonega (Xeorxia) e a Ceca de Nova Orleáns (Luisiana)—[7] o que obrigou a Eckfeldt a impartir formación a tres ensaiadores que foron designados para eses lugares.[6]
Durante o seu mandato, Jacob R. Eckfeldt informou de problemas con certos lotes de soberanos británicos que foran enviados á Casa da Moeda para a súa recuñaxe, e sinalou que eses lotes en particular estaban por baixo dos estándares da Casa da Moeda. As autoridades inglesas negárono por "imposible", xa que a Royal Mint de Londres "non comete erros", mais a investigación resultante confirmou as conclusións ás que chegara Eckfeldt. En resposta, o Parlamento británico ordenou un exame minucioso do peso e a lei das moedas de todo o mundo, que determinou que as moedas producidas nos Estados Unidos eran máis uniformes que as doutras nacións, achado que enxalzou a reputación mundial de Eckfeldt como ensaiador.[1]
A principios do verán de 1870 Eckfeldt sufriu unha grave doenza que lle xerou unha afección cardíaca. Dado o seu estado de saúde, o 26 de abril de 1872 acudiu por derradeira vez ao seu posto de traballo na Casa da Moeda de Filadelfia.[8]
Vida persoal e familiar
[editar | editar a fonte]Jacob Eckfeldt foi bautizado e confirmado na igrexa luterana e posteriormente uniuse á presbiteriana. Ademais, participaba asiduamente na Sociedade Bíblica e en diversas actividades de beneficencia.[9]
O 19 de outubro de 1835 casou con Emily M. Levering (1810-1895),[5] con quen tivo tres fillos: Frederick, John Wiegand e Jacob Bausch.[5] Este último traballou na Ceca de Filadelfia ás ordes do seu pai en 1865.[3][4]
Eckfeldt finou en Filadelfia, vítima da doenza que padedcía os últimos anos, o 9 de agosto de 1872.[1][3][5] O seu corpo foi soterrado no cemiterio luterano de Saint Paul, en Ardmore, condado de Montgomery, Pensilvania.[10]
Honras
[editar | editar a fonte]Foi elixido membro da Sociedade Filosófica Americana en xaneiro de 1843.[1][9]
O día seguinte do seu pasamento, a Ceca de Filadelfia organizou un acto de homenaxe no que participaron entre outros, o director da US Mint James Pollock, e o daquela cuñador xefe da Ceca de Filadelfia, Archibald Loudon Snowden.[12]
A figura de Jacob R. Eckfeldt foi honrada tamén coa dedicatoria do reverso da medalla emitida en 1873 pola Comisión de Ensaios dos Estados Unidos, creada por William Barber.[5]
Publicacións
[editar | editar a fonte]Ao longo da súa traxectoria, Eckfeldt foi autor de dous traballos monográficos relacionados co seu ámbito profesional:[3][5][13][14]
- (1842). A Manual of Gold and Silver Coins of All Nations (con W. E. du Bois). Assay Office of the Mint, Filadelfia.
- (1850). New Varieties of Gold and Silver Coins, Counterfeit Coins, and Bullion (con W. E. du Bois). Filadelfia.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 Wilson, J. G.; Fiske, J. (eds). (1900).
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 Du Bois, W. (1873). Páxina 547.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 "Assayers: Jacob R. Eckfeldt". EarlyUnitedStatesCoins.com
- ↑ 4,0 4,1 "Eckfeldt Family Tree (U.S. Mint-Related)". Expo.whitman.com
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 Smith, P. (2020).
- ↑ 6,0 6,1 Du Bois, W. (1873). Páxina 548.
- ↑ Lange, D. W. (2006). History of the United States Mint and its Coinage. Whitman Pub., Atlanta. Páxina 50. ISBN 978-0-7948-1972-9
- ↑ Du Bois, W. (1873). Páxina 549.
- ↑ 9,0 9,1 Du Bois, W. (1873). Páxina 551.
- ↑ "Jacob Reese Eckfeldt". Findagrave.com
- ↑ "1873 Assay Commission Medal". Heritage Auctions. 16 de setembro de 2006.
- ↑ "In Memoria: the late Professor Eckfeldt". En The Philadelphia Inquirer. 13 de agosto de 1872. Páxina 8.
- ↑ "Jacob R. Eckfeldt". The Online Books Page.
- ↑ "Jacob R. Eckfeldt". Entities.oclc.org
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Jacob R. Eckfeldt |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Du Bois, W. (1873). "Obituary Notice of Mr Jacob R. Eckfeldt". En Proceedings of the American Philosophical Society. Vol. XII. Páxinas 547-552.
- Smith, P. (2020). "Eckfeldt, Jacob Rees". En American Numismatic Biographies. Páxinas 129-130.
- Wilson, J. G.; Fiske, J. (eds). (1900). "Eckfeldt, Jacob Reese". En Appletons' Cyclopædia of American Biography. D. Appleton, Nova York.