Saltar ao contido

Moria

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Khazad-dûm»)
Moria
Legendarium de J. R. R. Tolkien
Os emblemas de Durin I, un martelo e unha bigornia coroados por sete estrelas
Primeira apariciónO Señor dos Aneis
Información
TipoMeirande cidade dos ananos
reino subterráneo, labirinto
GobernanteFundador: Durin
LocalizaciónCentro das Montañas Bretemosas

No universo de J. R. R. Tolkien, Moria eran a máis grande mina construída polos ananos, tamén coñecida como Khazad-dûm, a Mina do Anano.

Foi fundada por Durin I o Inmortal nos albores da Primeira Idade nas covas que daban a Azanulbizar. Atopábase no centro das Montañas Bretemosas, baixo os picos Caradhras, Fanuidhol e Celebdil. Estivo bastante afastada dos demais reinos ananos durante a Primeira Idade, pero como consecuencia da ruína de Belegost e Nogrod trala Guerra da Cólera, moitos ananos emigraron a Moria, facendo desta a maior cidade anana. Foi unha gran Mina que durante moitas Idades produciu inmensas riquezas, símbolo do poderío anano na Terra Media, pero tamén causa de moitas desditas e pesares.

Durante milenios foi un gran centro de comercio ata que os habitantes da cidade escavaron demasiado fondo na busca do mithril. Un Balrog agochábase nas profundidades das Montañas Bretemosas dende a destrución de Thangorodrim, miles de anos atrás. O Balrog expulsou ós ananos de alí, e dende entón en Moria só houbo escuridade e grandes poboacións de trasgos. Estas minas aparecen na novela O Señor dos Aneis, un lugar que a Irmandade do Anel tivo que atravesar para continuar o seu camiño.