Saltar ao contido

Melian

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Melian é un personaxe ficticio pertencente ó legendarium do escritor británico J. R. R. Tolkien. Aparece nas súas novelas O Silmarillion e The Children of Húrin, así como no poema épico The Lay of Leithian e nos textos Annals of Aman e Grey Annals.

Descrición e biografía

[editar | editar a fonte]

Melian é unha Maia da raza dos Ainur e parente de Yavanna. En The Lay of Leithian aparece descrita como unha dama gris, con longas e escuras trenzas que caían até os seus pés prateados.

Antes da Primeira Idade, nos Anos das Árbores, Melian abandonou os xardíns de Lórien e marchou para a Terra Media, onde se namorou do rei élfico Elu Thingol, co que gobernou o reino de Doriath. Tivo unha filla con Thingol, chamada Lúthien, que disque foi a máis fermosa entre todos os Fillos de Ilúvatar. A liña de descendencia de Melian son os semielfos.

Thingol encóntrase con Melian nas fragas de Nan Elmoth e queda cativado polo meigallo de amor de Melian durante moitos anos.[1] A súa ausencia provoca que unha gran parte dos seus seguidores fique atrás procurando por el, mentres o resto prosegue cara a Valinor.[2] Máis tarde Melian e Thingol atopan o reino de Doriath na Terra Media. A súa filla Lúthien Tinúviel casa co humano Beren. Deste xeito o sangue Maia de Melian pasa tanto aos elfos como aos homes.

Cando a guerra co Grande Inimigo, Morgoth, chega a Doriath, Melian emprega os seus poderes para defendelo cunha protección chamada a Cintura de Melian (List Melian en Sindarin). Os seus máxicos labirintos de brétemas impedían que ninguén entrase no reino sen o consentimento dela ou de Thingol, sempre que non fosen máis poderosos ca ela. Grazas ao poder premonitorio propio dos Maiar, Melian predí que un día alguén cuxo destino será máis poderoso entrará. Cando Beren chega, tal e como ela predixera, aconsella a Thingol que non envíe a Beren na procura dun Silmaril, misión que acabaría por contribuír á ruína de Doriath. Este é un dos moitos casos en que Melian, grazas á súa sabedoría e aos seus poderes premonitorios, demostra ser máis sensata có seu marido e unha verdadeira raíña das súas terras. O grande lobo maligno Carcharoth tamén atravesa a Cintura. En Doriath Melian convértese tamén en amiga e mentora de Galadriel á que ensina a arte da elaboración do Lembas. Após a marcha de Lúthien e Beren, axuda a Túrin, a súa nai e a súa irmá. Abastece a Beleg de pan Lembas e prevé a súa perdición na súa procura por Túrin. Cando Húrin volta ela é quen anula o meigallo que Morgoth impuxera sobre el.

Trala morte de Thingol, abandona a Terra Media para volver a Valinor, onde chora a perda de seu marido, encerrado nas Estancias de Mandos, e da súa filla, vítima do descoñecido destino da morte humana.

Melian e Thingol foron unha parella única, o único caso no que un Ainu casou cun elfo ou humano. Melian é tamén a única Ainu que tivo fillos nos borradores "oficiais" da obra de Tolkien, aínda que outras criaturas de natureza incerta, como Ungoliant, tamén tiveron descendencia.

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

O nome Melian é sindarin, e deriva do quenya Melyanna, que significa "querido obsequio" ou "obsequio do amor" (quenya melya, "querido, amado" < quenya mel-, "amor", e quenya anna, "obsequio, presente.")

  1. Segundo o texto Grey Annals 20 anos valianos, ou 200 anos do sol
  2. Segundo se di nas notas, ficaron atrás unha proporción de 18 a 20, ou menos da metade.