Mauro Silva
Biografía | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Nacemento | 12 de xaneiro de 1968 (56 anos) São Bernardo do Campo, Brasil | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Altura | 178 cm | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Peso | 78 kg | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Actividade | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Ocupación | futbolista | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Período de actividade | 1985 - | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Nacionalidade deportiva | Brasil | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Deporte | fútbol | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Posición de xogo | Centrocampista | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Participou en | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
1994 | Mundial de Fútbol Estados Unidos 1994 | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Mauro da Silva Gomes, nado en São Bernardo do Campo (Estado de São Paulo) o 12 de xaneiro de 1968, é un exfutbolista brasileiro. Considerado un dos futbolistas máis destacados da súa época e un dos mellores mediocentros defensivos de tódolos tempos, é o terceiro xogador con máis partidos na historia do Deportivo da Coruña (459), club no que militou durante 13 tempadas entre 1992 e 2005 e do que foi capitán.
Fichou polo Deportivo tras destacar no Bragantino, co que gañou o Campionato Paulista e co que foi subcampión do Brasileirão despois de ter ascendido pouco antes á máxima categoría. Foi un dos piares da mellor época histórica do equipo galego e é un dos tres únicos futbolistas (xunto a Fran e Donato) en conquistar os seis títulos oficiais que posúe o club (unha liga, dúas Copas do Rei e tres Supercopas de España). En 2016 foi elixido nunha votación entre os seareiros do Deportivo da Coruña como o mellor futbolista da historia do club.
Foi internacional en 59 ocasións coa selección brasileira, coa que conquistou o Mundial de 1994 nos Estados Unidos, formando un famoso dobre pivote con Dunga. Gañou tamén a Copa América de 1997 e quedou terceiro na Copa Ouro da CONCACAF de 1998, mentres que renunciou á Copa América de 2001.
Dende 2015 ocupa o cargo de vicepresidente da Federación Paulista de Fútbol.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Orixes
[editar | editar a fonte]Naceu en São Bernardo do Campo, no cinto industrial da megalópole de São Paulo, sendo o pequeno de tres irmáns.[1] Seu pai era mecánico nunha empresa do sector eléctrico e morreu nun accidente laboral cando Mauro tiña 12 anos.[2] Comezou a xogar ao fútbol na escola e en ocasións xogaba partidos nun terreo de Lula da Silva, futuro presidente do país e naquel entón líder sindical en São Bernardo do Campo.[2][3]
Guarani
[editar | editar a fonte]Foi descuberto polo Guarani, que o incorporou ás súas categorías inferiores. Súa nai aceptou que fose vivir a Campinas só se continuaba estudando, polo que ingresou nunha escola técnica de informática, onde estudou procesamento de datos.[4][5] En 1986 subiu ao primeiro equipo do Guarani, pero apenas contou con minutos, debido a varias lesións e á presenza no equipo de futbolistas de talle internacional como Ricardo Rocha, Marco Antônio Boiadeiro ou Neto, cos que o equipo se proclamou subcampión do Brasil en 1987.[6][7] Disputou sete partidos do Campionato Paulista, un do Brasileirão e tres da Copa Libertadores, competición na que debutou o 12 de xullo de 1988, nun partido ante o Universitario de Deportes no Estadio Nacional do Perú.[8]
Bragantino
[editar | editar a fonte]A finais de 1989 fichou polo Bragantino, da Série B.[9] Fíxose rapidamente coa titularidade e pouco despois da súa chegada logrou o ascenso á Série A, tras proclamarse campión da segunda categoría do fútbol brasileiro na final ante o São José.[10] Xa en 1990, con Vanderlei Luxemburgo como adestrador, conquistou o Campionato Paulista, vencendo na final ao Novorizontino.[11][12][13]
En 1991, con Carlos Alberto Parreira no banco, o equipo estivo preto de gañar o Campionato Brasileiro. Quedou segundo na primeira fase e enfrontouse nas semifinais do campionato ao Fluminense no estadio do Maracanã.[14] Diante de 74.000 espectadores, o Bragantino venceu 1-0 cun gol de Franklin e cunha destacada actuación de Mauro Silva, que lle valeu os eloxios do histórico Eusébio, presente no estadio.[11] O Bragantino certificou a eliminación do Fla no partido de volta, cun empate 1-1. Mauro Silva foi titular tamén nos dous partidos da final, nos que o São Paulo de Telê Santana acabou conseguindo o título, despois de gañar por 1-0 no Morumbi e empatar sen goles no Marcelo Stéfani.[14][11]
Foron as dúas mellores tempadas da historia do club, e Mauro Silva a estrela dun equipo no que tamén destacaban futbolistas como Gil Baiano, Mazinho Oliveira, Robert ou Marcelo.[11][12] Foi galardoado en 1991 coa Bola de Ouro, que premia ao mellor xogador do campionato brasileiro.[15] Na tempada 1992 non puido repetir os éxitos a nivel de equipo, pero foi de novo elixido no once ideal da liga brasileira.[16]
Deportivo da Coruña
[editar | editar a fonte]Arsenio e o Súper Dépor
[editar | editar a fonte]No mes de xuño de 1992, con 24 anos, foi traspasado ao Deportivo da Coruña por 250 millóns de pesetas, na que foi a primeira gran fichaxe da presidencia de Augusto César Lendoiro.[17] Pouco antes firmara un precontrato coa Roma, pero a incorporación do arxentino Claudio Caniggia completou a cota de futbolistas extracomunitarios permitidos no club italiano, polo que Mauro Silva acabou aceptando a oferta do Deportivo, aínda que non sabía nin onde estaba A Coruña.[1] O equipo acababa de salvar a categoría na promoción de permanencia, despois de disputar a súa primeira tempada na Primeira División en case dúas décadas, e reforzouse ademais de Mauro con xogadores como Aldana, Nando ou o tamén brasileiro Bebeto.
Debutou co club galego o 6 de setembro, co dorsal número "6" ás costas, na primeira xornada da tempada 1992/93, nun derbi ante o Celta de Vigo en Riazor que rematou con vitoria coruñesa por 2-0. Foi titular en 37 dos 38 partidos de liga, perdendo só un encontro por acumulación de cartóns amarelos, e foi unha peza clave para que o equipo de Arsenio lograse un histórico terceiro posto, o máis alto para o club dos últimos 43 anos.
Na seguinte campaña (1993/94) os seus números foron similares, debutou na Copa da UEFA, e ademais marcou o seu único gol coa camiseta do Deportivo. Foi nun partido ante o Valencia en Mestalla, onde aproveitou un balón de Voro dentro da área e cun disparo coa perna esquerda superou ao gardameta vasco González.[18] O Deportivo mantívose líder durante a maior parte da tempada, ata que foi superado polo Barcelona na última xornada, na que Đukić fallou un decisivo penalti contra o propio González nos últimos instantes, que lle tería dado o título ao club galego.[19] Foi o momento máis triste na carreira de Mauro Silva.[1]
Na tempada 1994/95 sufriu unha grave lesión de xeonllo que precisou dunha operación cirúrxica, e que o mantivo lonxe dos terreos de xogo durante meses. Tralo seu regreso volveu lesionarse, desta volta nun nocello, pasando de novo polo quirófano e perdendo o resto da tempada.[20][2] Deste xeito disputou só 6 partidos de liga, ademais dun da Copa do Rei, competición que o seu equipo acabou gañando tras derrotar ao Valencia na final. Xa recuperado volveu aos onces iniciais e foi un dos futbolistas máis destacados do equipo durante a seguinte década, compartindo medio do campo con xogadores como Fran, Sergio, Valerón ou os tamén brasileiros Donato, Djalminha e Flávio Conceição. Durante esa época recibiu numerosas ofertas de importantes clubs europeos, pero decidiu continuar sempre no club coruñés.[21][1]
En marzo de 1997 o adestrador Carlos Alberto Silva converteuno no novo capitán do equipo, no lugar de Fran, alegando que por cuestións lingüísticas entenderíase mellor co seu compatriota.[22] Luciu o brazalete ata o verán de 1998, cando llo devolveu de novo a Fran, pasando a ser o brasileiro o segundo capitán dende entón.[23]
Título de liga, Centenariazo e brillo en Europa
[editar | editar a fonte]Na tempada 1999/00 proclamouse campión de liga, na que foi a primeira e única ocasión que o Deportivo gañou dita competición. Mauro Silva contribuíu con 33 partidos, todos eles como titular. Na campaña seguinte, o equipo debutou na Liga de Campións, competición que disputou durante os seguintes cinco anos. Mauro Silva foi titular en 43 dos 62 partidos que o club galego xogou na máxima competición continental, entre eles as vitorias sobre o Manchester United, o Arsenal, a Juventus, o Bayern de Múnic, ou as históricas remontadas ante o PSG e o Milan.[24][25] Na tempada 2003/04 acadou as semifinais da Liga de Campións e disputou o partido de ida ante o Porto no estádio do Dragão, pero perdeu o encontro de volta por acumulación de cartóns amarelos.[26]
O 6 de marzo de 2002 foi tamén titular na final da Copa do Rei que o Deportivo lle gañou ao Real Madrid no Santiago Bernabéu o día do centenario do club branco, e que pasou á historia co nome de Centenariazo.[27]
Disputou o seu último partido como futbolista o 22 de maio de 2005, nun encontro de liga ante o Mallorca en Riazor, que acabou en derrota por 0-3, e no que tamén se despediu do club o capitán Fran.[28] O balance total de Mauro Silva no Deportivo foi de 459 partidos, 1 gol e 6 títulos. É o terceiro futbolista con máis partidos na historia do club, só por detrás do propio Fran e de Manuel Pablo, e o único xunto a Fran e Donato en estar presente en tódolos títulos oficiais do equipo.
Selección brasileira
[editar | editar a fonte]Foi 59 veces internacional coa selección brasileira, coa que debutou en 1991, cando aínda militaba no Bragantino. Foi nun partido amigable ante a Arxentina no estadio José Amalfitani de Buenos Aires, no que saltou ao campo como titular, formando no medio do campo xunto a Donizete e Leonardo.[29] Ese mesmo ano disputou en Chile a súa primeira Copa América, xogando todos os minutos do torneo e rematando subcampión por detrás da Arxentina.[30]
En 1994 foi convocado por Carlos Alberto Parreira para a Copa do Mundo que se celebrou nos Estados Unidos. Disputou completos tódolos encontros do combinado brasileiro, excepto a segunda parte do último partido da fase de grupos ante Suecia. Comezou formando un dobre pivote xunto a Dunga, por detrás dos mediapuntas Zinho e Raí, pero avanzado o torneo Parreira retirou a Raí para introducir un triplo pivote con Mazinho.[31] Foi titular tamén na final, e contribuíu a manter a portería a cero durante 120 minutos.[32] O partido resolveuse na quenda de penaltis, proclamándose campión o equipo brasileiro.[33]
En 1997 levantou o seu segundo título internacional, a Copa América disputada en Bolivia, despois de derrotar na final á selección anfitrioa.[34] En 1998 participou na Copa Ouro da CONCACAF, caendo nas semifinais ante os Estados Unidos.[35] Despois de máis de dous anos fóra da selección, regresou ás filas da canarinha en 2001, nun partido ante a Arxentina no estadio Monumental de Buenos Aires. Convocado por Scolari para a Copa América dese ano, acabou por renunciar á súa disputa pouco antes e viaxar a Colombia para o inicio do torneo, alegando dúbidas referentes á seguridade, debido ao conflito armado existente no país.[36]
Trala retirada
[editar | editar a fonte]Despois de colgar as botas cursou estudos de formación executiva e creou unha empresa do sector inmobiliario,[5] dedicándose tamén a asesorar a investidores galegos no Brasil.[37] Dende 2015 ocupa o cargo de vicepresidente da Federación Paulista de Fútbol.[38]
Estilo de xogo
[editar | editar a fonte]Caracterizábase pola súa gran técnica, a súa potencia física e, sobre todo, pola súa seguridade sobre o campo e a súa capacidade de mando.[39] Destacaba pola súa habilidade para roubar balóns e interceptar pases, e por perder poucas veces a posesión.[39] Indiscutible titular para adestradores e afección converteuse nun dos mellores xogadores do mundo na súa posición. Para algúns expertos do mundo do fútbol, foi un dos mellores centrocampistas defensivos da historia.[40][41]
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]En 2016 foi elixido nunha votación entre os afeccionados do Deportivo da Coruña como o mellor futbolista da historia do club.[42] En 2018 o Concello da Coruña deulle o seu nome a unha rúa do barrio de Labañou, 13 anos despois da aprobación por unanimidade da proposta nun pleno municipal.[43][44]
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Casou con Terumi Jinno, filla dun inmigrante xaponés no Brasil, á que coñeceu aos 12 anos.[45][46] A parella tivo un fillo, Mauro, nacido na Coruña.[47]
Estatísticas
[editar | editar a fonte]Mundial de Fútbol Estados Unidos 1994
[editar | editar a fonte]Partidos xogados | Minutos xogados | Goles |
---|---|---|
7 | 616 | 0 |
Palmarés
[editar | editar a fonte]- Bragantino
- Campionato Paulista (1): 1990.
- Série B (1): 1989.
- Deportivo
- Primeira División (1): 1999/00.
- Copa do Rei (1): 1994/95, 2001/02.
- Supercopa de España (1): 1995, 2000, 2002.
- Selección brasileira
- Copa do Mundo (1): 1994.
- Copa América (1): 1997.
- Individual
- Bola de Ouro (1): 1991.
- Bola de Prata (2): 1991, 1992.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 "Mauro Silva: «Cuando pasó lo de Djukic tuve muchas dudas de que pudiéramos volver a hacer cosas grandes»" (en castelán). Consultado o 11 de xuño de 2022.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 Hermida, Xosé (28 de maio de 2005). "Fin de leyenda en el Deportivo". El País (en castelán). Consultado o 11 de xuño de 2022.
- ↑ ""Admiro a Lula da Silva, pero es mal portero..."". As (en castelán). 9 de agosto de 2004. Consultado o 11 de xuño de 2022.
- ↑ "Mauro Silva: La importancia de la educación para el fútbol" (en castelán). 6 de agosto de 2020. Arquivado dende o orixinal o 30 de outubro de 2020. Consultado o 11 de xuño de 2022.
- ↑ 5,0 5,1 Soares, Olavo (26 de outubro de 2013). "Mauro Silva: tetracampeão virou referência no mercado imobiliário" (en portugués). Consultado o 11 de xuño de 2022.
- ↑ De Andrade, Victor (1 de decembro de 2019). "Mauro Silva no Guarani" (en portugués). Consultado o 10 de xuño de 2022.
- ↑ Nascimento, Fagner (13 de xullo de 2018). "Exclusiva Mauro Silva: “Em 1994, a pressão era muito grande”" (en portugués). Consultado o 11 de xuño de 2022.[Ligazón morta]
- ↑ "Universitario de Deportes 1-1 Guarani (1988)". Transfermarkt (en inglés). Consultado o 11 de xuño de 2022.
- ↑ "Ídolo do Braga nos anos 90, Mauro Silva completou 53 anos neste dia 12 de janeiro" (en portugués). 12 de xaneiro de 2021. Consultado o 11 de xuño de 2022.
- ↑ "A decisão do título do Brasileiro da Série B de 1989 fecha o Especial sobre o São José" (en portugués). 18 de abril de 2020. Consultado o 11 de xuño de 2022.
- ↑ 11,0 11,1 11,2 11,3 "Esquadrão Imortal – Bragantino 1990-1991" (en portugués). Consultado o 10 de xuño de 2022.
- ↑ 12,0 12,1 "Preleções de Luxa e polêmica com Neto: Mauro Silva relembra título Paulista com Bragantino em 1990" (en portugués). 21 de agosto de 2020. Consultado o 10 de xuño de 2022.
- ↑ "Deu Bragantino na decisão capira". O Globo (en portugués). 27 de agosto de 1990. p. 7.
- ↑ 14,0 14,1 "Brazil 1991 Championship". rsssfbrasil.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 29 de marzo de 2009. Consultado o 10 de xuño de 2022.
- ↑ "Bola de Ouro (Placar Magazine)". rsssfbrasil.com (en inglés). Consultado o 10 de xuño de 2022.
- ↑ "Bola de Prata 1991". rsssfbrasil.com (en portugués). Consultado o 10 de xuño de 2022.
- ↑ "¡Vaya gangas!". El País (en castelán). 12 de marzo de 1995. Consultado o 10 de xuño de 2022.
- ↑ "Medio siglo de fútbol y un gol para la historia". La Voz de Galicia (en castelán). 12 de xaneiro de 2018. Consultado o 10 de xuño de 2022.
- ↑ "El histórico y fatídico penalti de Djukic cumple 25 años". Marca (en castelán). 14 de maio de 2019. Consultado o 10 de xuño de 2022.
- ↑ "El Deportivo se vuelve a quedar sin Mauro Silva hasta final de temporada". El País (en castelán). 15 de febreiro de 1995. Consultado o 10 de xuño de 2022.
- ↑ Silva, Toni (13 de decembro de 2000). "Mauro Silva renueva con el Dépor por tres temporadas". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 11 de xuño de 2022.
- ↑ "Mauro Silva asume el mando". La Voz de Galicia (en castelán). 23 de marzo de 1997. p. 64.
- ↑ "«Irureta me pidió ser capitán»". La Voz de Galicia (en castelán). 16 de agosto de 1998. p. 48.
- ↑ "La inolvidable remontada al PSG cumple la mayoría de edad" (en castelán). 7 de marzo de 2019. Consultado o 11 de xuño de 2022.
- ↑ Gil, Jordi (9 de marzo de 2021). "La histórica remontada del Depor ante el Milan como referente" (en castelán). Consultado o 11 de xuño de 2022.
- ↑ "El Deportivo empaña un buen resultado en Oporto". El País (en castelán). 21 de abril de 2004. Consultado o 11 de xuño de 2022.
- ↑ Zárate, Óscar (7 de marzo de 2002). "La crónica". Mundo Deportivo (en castelán). p. 2. Consultado o 22 de outubro de 2021.
- ↑ "El Mallorca da un portazo al ciclo de Fran y Mauro Silva". As (en castelán). 23 de maio de 2005. Consultado o 10 de xuño de 2022.
- ↑ "Arxentina 3-3 Brasil (1991)". Transfermarkt (en inglés). Consultado o 10 de xuño de 2022.
- ↑ "Copa América 1991". rsssf.com (en inglés). Consultado o 10 de xuño de 2022.
- ↑ "Mauro Silva fue malinterpretado" (en castelán). 10 de setembro de 2012. Consultado o 11 de xuño de 2022.
- ↑ "Cuando a Diego le cortaron las piernas ganó la astucia del Chapulín" (en castelán). 7 de xuño de 2018. Consultado o 10 de xuño de 2022.
- ↑ "1999 FIFA World Cup". FIFA (en inglés). Consultado o 10 de xuño de 2022.
- ↑ "Copa América 1997". rsssf.com (en inglés). Consultado o 10 de xuño de 2022.
- ↑ "CONCACAF Championship, Gold Cup 1998". rsssf.com (en inglés). Consultado o 10 de xuño de 2022.
- ↑ Miguélez, José (11 de xullo de 2011). "El fútbol contra el miedo". El País (en castelán). Consultado o 11 de xuño de 2022.
- ↑ "¿Qué fue de Mauro Silva? Del 'Superdépor' a las altas esferas de los directivos". Cadena SER (en castelán). 7 de xaneiro de 2021. Consultado o 11 de xuño de 2022.
- ↑ "Mauro Silva no optará a presidir el Depor". DxT Campeón (en castelán). 10 de maio de 2019. Consultado o 11 de xuño de 2022.
- ↑ 39,0 39,1 Segurola, Santiago. "Mauro Silva, el maestro de lo invisible". Líbero (en castelán). Consultado o 11 de xuño de 2022.
- ↑ "Los mejores centrocampistas de la historia del fútbol" (en castelán). 7 de abril de 2020. Consultado o 10 de xuño de 2022.
- ↑ "Maldini: “El mejor mediocentro que he visto nunca es Mauro Silva”" (en castelán). 16 de xullo de 2020. Consultado o 10 de xuño de 2022.
- ↑ "Mauro Silva recibirá un homenaje de la afición en el Deportivo-Málaga". Marca (en castelán). 14 de abril de 2017. Consultado o 11 de xuño de 2022.
- ↑ "Mauro Silva inaugura una calle con su nombre arropado por el Deportivo". La Opinión A Coruña (en castelán). 12 de abril de 2018. Consultado o 11 de xuño de 2022.
- ↑ "Mauro Silva xa ten a rúa que A Coruña lle debía". 12 de abril de 2018. Consultado o 11 de xuño de 2022.
- ↑ Hermida, Xosé (20 de decembro de 1999). "El yerno del samurai". El País (en castelán). Consultado o 11 de xuño de 2022.
- ↑ Hermida, Xosé (23 de xullo de 2000). "Un jugador genial; un tipo corriente". El País (en castelán). Consultado o 11 de xuño de 2022.
- ↑ "Mauro xa está na Coruña". 30 de xullo de 2000. Consultado o 11 de xuño de 2022.