Saltar ao contido

Medio dólar do Centenario de Illinois

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Medio dólar do Centenario de Illinois [1][2][3]
A/: Busto de Abraham Lincoln cara á dereita.

Lenda: CENTENNIAL OF THE STATE OF ILLINOIS / IN GOD WE TRUST / LIBERTY/ 1918

R/: Aguia cunha pouta sobre o escudo e unha cinta no peteiro, tomado do selo de Illinois.

Lenda: UNITED STATES OF AMERICA / E PLURIBUS UNUM / HALF DOLLAR

O medio dólar do centenario de Illinois é unha moeda estadounidense de prata con ese valor facial emitida pola Casa da Moeda dos Estados Unidos e cuñada na Ceca de Filadelfia con data de 1918. A moeda foi emitida en conmemoración do centésimo aniversario da admisión de Illinois na Unión o 3 de decembro de 1818.

O anverso da moeda é obra do daquela gravador xefe da Casa da Moeda dos Estados Unidos George T. Morgan, e amosa o busto do presidente Abraham Lincoln, baseado nunha estatua de Andrew O'Connor. Pola súa banda, o reverso, obra do gravador axudante John R. Sinnock, é unha interpretación do Selo de Illinois.

O Estado de Illinois pretendía contar coa autorización para a emisión dunha moeda conmemorativa, no marco da celebración do centenario da súa admisión na Unión, e en 1918 presentouse un proxecto lei no Congreso para o conseguir. Non achou oposición, aínda que se introduciron varias emendas durante o proceso lexislativo. Logo de aprobada a lexislación, os dous gravadores elaboraron senllos deseños, mais o secretario do Tesouro, William G. McAdoo, exixiu cambios, que finalmente non se realizaron na súa totalidade.

As moedas cuñáronse en agosto de 1918 e vendéronse ao público polo prezo dun dólar por unidade. Conseguiuse vender toda a tiraxe de 100.000 exemplares, aínda que moitos quedaron en mans dun banco ata 1933, e os beneficios utilizáronse para sufragar os gastos das celebracións locais do centenario e tamén para axudar as persoas necesitadas por mor da primeira guerra mundial.

Inicio e trámite lexislativo

[editar | editar a fonte]

Cámara de Representantes

[editar | editar a fonte]
Loren E. Wheeler, representante republicano por Illinois, promotor do proxecto de lei para a creación da moeda.[4]

O estado de Illinois tiña a pretensión de emitir unha moeda conmemorativa do centenario do seu ingreso na Unión en 1818,[5] e o 16 de xaneiro de 1918, Loren E. Wheeler, representante dese estado, presentou na Cámara de Representantes dos EEUU un proxecto de lei, o H.R. 8764, con tal fin.[6] O proxecto foi remitido á Comisión de Moeda, Pesos e Medidas, que tivo unha sesión o 5 de marzo. Wheeler díxolle á comisión —da que non era membro— que o preferible era dispor das moedas para a súa distribución durante as celebracións da conmemoración en Illinois. El mesmo fora ver o secretario do Tesouro, William G. McAdoo, e tamén o director da Casa da Moeda dos EEUU, Raymond T. Baker, e ningún dos dous lle amosara obxección ningunha ao proxecto de lei, aínda que McAdoo lle explicara que o problema coas moedas conmemorativas era que a súa comercialización adoitaba non ser tan exitosa como se esperaba, polo que moitas pezas se acababan devolvendo á Casa da Moeda para a súa fundición. Logo de relatar o contido destas conversas na súa reunión cos funcionarios, Wheeler explicoulle aos membros da Comisión que as moedas serían adquiridas polo tesoureiro do Estado de Illinois, polo que non se producirían devolucións.[7]

Para despexar as dúbidas, o presidente da Comisión, Ashbrook, propuxo emendar o proxecto de lei de xeito que quedase claro que se trataría dun gasto a cargo de Illinois. Wheeler non tivo nada que obxectar a esta emenda e afirmou que, para evitar devolucións, sería mellor limitar a emisión a 100.000 moedas, no canto das 200.000 que figuraban no proxecto orixinal. Ashbrook preguntou daquela se as moedas se ían comercializar cun sobreprezo sobre o seu valor facial, e Wheeler negouno, indicando que circularían como calquera outra moeda ordinaria de medio dólar. Con isto concluíu a sesión pública sobre o proxecto de lei, a Comisión adoptou novas medidas en sesión executiva.[7]

As emendas propostas polo presidente da Comisión de Moeda da Cámara de Representantes, William A. Ashbrook, limitaron atiraxe da moeda a 100.000 exemplares.

O 12 de marzo, Ashbrook presentou un informe en nome do seu comité no que recomendaba a aprobación do proxecto de lei, coa devandita emenda introducida para reducir a tiraxe autorizada de 200.000 a 100.000 unidades e para engadir unha declaración de que o Goberno dos Estados Unidos non sería responsable do custo dos cuños.[8]

Wheeler presentou o proxecto de lei emendado na Cámara de Representantes o 6 de abril de 1918. Foi interrogado por Claude Kitchin, de Carolina do Norte, quen preguntou se se producira unha recomendación unánime dos membros da Comisión de Moeda, e tamén se McAdoo e Baker aprobaran o proxecto de lei e se había precedentes dunha moeda de medio dólar en conmemoración do centenario dun estado —non os había—. Wheeler tranquilizou a Kitchin no tocante á unanimidade da Comisión e á aprobación de McAdoo e Baker, mais non respondeu definitivamente á pregunta do centenario, citando no seu lugar casos de emisións conmemorativas anteriores —o dólar da Exposición da Compra de Luisiana e as moedas conmemorativas da Exposición Panamá-Pacífico—. Ashbrook interveu para lle asegurar a Kitchin que a súa comisión o aprobara por unanimidade. Kitchin non fixo máis preguntas e a Cámara de Representantes aprobou o proxecto sen votación.[9]

O proxecto de lei H. R. 8742 transmitiuse entón ao Senado, onde foi remitido á Comisión de Banca e Moeda. O presidente desa comisión, Robert L. Owen, de Oklahoma, devolveuno cunha emenda ao pleno do Senado, onde se examinou o proxecto o 21 de maio de 1918. Na versión do proxecto de lei aprobado pola Cámara de Representantes dicíase que as leis relativas ás moedas menores dos Estados Unidos —o centavo e os 5 centavos— serían de aplicación tamén para esta moeda; isto cambiouse no Senado, para dicir que se aplicarían as leis relativas á moeda subsidiaria de prata —onde se encadraba o medio dólar—. O proxecto aprobouse nesta cámara sen obxeccións. Máis tarde, o senador de Illinois James Hamilton Lewis fixo unha declaración que se incluíu no Rexistro do Congreso naquel momento, aplaudindo a concesión da honra ao seu estado natal e sinalando que "máis de cen mil dos seus fillos" estaban a ser despregados nos campos de batalla da primeira guerra mundial.[10]

Como as versións aprobadas polas dúas cámaras non eran idénticas, o proxecto tivo que volver á Cámara de Representantes, onde o 25 de maio Carl Hayden, de Arizona, propuxo que se aceptase a emenda do Senado. O Presidente da Cámara, Champ Clark, considerou que o título da lei debía modificarse, por razóns que non explicou, pero Hayden non estivo de acordo e Clark non insistiu. Finalmente, o proxecto de lei emendado foi aprobado pola Cámara de Representantes,[11] e a sinatura do presidente Woodrow Wilson o 1 de xuño de 1918 converteuno na Lei pública 65-163.[6][12]

Preparación e deseño

[editar | editar a fonte]
Detalle da estatua de Lincoln, obra de Andrew O'Connor, nos terreos do Capitolio Estatal de Springfield, Illinois.

Os deseños preparáronse internamente no departamento de Gravado da Ceca de Filadelfia. O deseño do anverso, que representa a Abraham Lincoln, foi creado polo gravador xefe George T. Morgan,[13] que traballou a partir dunha fotografía dunha estatua de Lincoln deseñada por Andrew O'Connor e inaugurada en Springfield —a cidade onde Lincoln viviu durante gran parte da súa vida adulta— en agosto de 1918. Lincoln aparece sen barba, como era cando vivía en Illinois, antes de ser elixido presidente en 1860.[14] A súa presenza nesta moeda débese a que foi o residente máis famoso de Illinois.[15] No anverso tamén figuran os habituais lemas das moedas estadounidenses, LIBERTY ("Liberdade") e IN GOD WE TRUST ("En Deus confiamos"), así como a data de emisión e unha inscrición que lembra o centenario: CENTENNIAL OF THE STATE OF ILLINOIS ("Centenario do Estado de Illinois").[16]

O reverso foi deseñado polo gravador asistente —que sucedería a Morgan como gravador xefe logo da morte deste en 1925—, John R. Sinnock.[13] É unha adaptación do Selo de Illinois: unha aguia pousada sobre un conxunto de rochas, co Sol nacente ao fondo. A ave sostén no peteiro un pergamiño co lema do estado de Illinois, STATE SOVEREIGNT, NATIONAL UNION ("Soberanía estatal, unión nacional"), e coas gadoupas suxeita o escudo federal.[17] Vese tamén unha póla de oliveira, mais sen frecha ningunha que represente a guerra, aínda que estes símbolos adoitan ir emparellados nas moedas estadounidenses. Os investigadores numismáticos Anthony Swiatek e Walter Breen suxeriron que "a súa presenza nunha moeda deseñada durante os derradeiros meses da primeira guerra mundial podería terse considerado un pouco crúa".[14] No reverso tamén aparecen as inscricións UNITED STATES OF AMERICA e o lema nacional en latín PLURIBUS UNUM ("De moitos, un"), así como a indicación do valor facial: HALF DOLLAR.[17]

O reverso da moeda baséase no Selo do Estado de Illinois.

Nun principio, o secretario do Tesouro McAdoo rexeitara as propostas. A directora interina da Casa da Moeda, Mary M. O'Reilly, escribiulle ao superintendente da Ceca de Filadelfia, Adam M. Joyce, o 24 de xuño de 1918, para lle transmitir as preocupacións do secretario do Tesouro. McAdoo "ordenou especificamente" que se eliminase o lema do estado de Illinois do pergamiño no peteiro da aguia no reverso, e que se substituíse polo lema nacional. Díxoselle a Joyce que seguise as disposicións da Lei da Moeda de 1873, que exixía que nunha face figurase a palabra LIBERTY, un deseño emblemático da liberdade e o ano de cuñaxe, e na outra face unha aguia co nome do país e a denominación da moeda.[18] Malia a orde de McAdoo, a inscrición de Illinois mantívose no pergamiño. O numismático Don Taxay, no seu libro sobre as moedas conmemorativas estadounidenses, especulou coa posibilidade de que fose a Comisión do Centenario de Illinois a que tería insistido niso.[19]

Os comentaristas posteriores eloxiaron a moeda. Taxay considerou o anverso "sen dúbida o mellor traballo que Morgan fixo nos seus corenta e oito anos na Casa da Moeda; a cabeza non só está ben debuxada, senón que hai nela un sentimento fondo e un estado de ánimo introspectivo que case fai que o observador sinta que se está a inmiscir no gran home".[20] Outros autores sobre moedas conmemorativas, como Arlie Slabaugh e David M. Bullowa, tamén admiraron a moeda de Illinois. Pola súa banda, Q. David Bowers considerou que o reverso de Sinnock era "o mellor traballo feito para unha moeda de curso legal", sen excluír a moeda de dez centavos Roosevelt (1946) e o medio dólar Franklin (1948, póstumo).[21] Bowers salientou que a grafila de ambas as faces da moeda está formado por doas e boliñas: "un atractivo substituto dos dentículos".[13]

O historiador da arte Cornelius Vermeule, no seu libro de 1971 sobre a arte das moedas e medallas estadounidenses, escribiu que:[22]

A interpretación de Morgan capturou a plasticidade inquieta do busto, [de O'Connor] unha indicación máis dos beneficios para o deseño de moedas dos bos modelos monumentais en escultura. [...] o pequeno refacho de sol á dereita [no reverso] é case unha reverencia á evolución de Roty - Saint-Gaudens - Weinman fóra da Ceca de Filadelfia no gusto numismático e a iconografía estadounidenses na xeración posterior a 1900. A composición de Sinnock pódese cualificar de convencional, mais toda a aura da moeda reflicte a arte estadounidense posterior á Guerra de Secesión, o que quizais sexa realmente apropiado para a única moeda conmemorativa [anterior a 1954] na honra de Abraham Lincoln.

Produción, distribución e coleccionismo

[editar | editar a fonte]
A xente de Illinois será perdoada se se sente un pouco "peituda" polo seu medio dólar do Centenario de Illinois. Ademais de ser unha moeda moi fermosa, é a primeira da súa clase emitida polo Goberno. Ningunha das nosas moedas de recordo anteriores se emitira para conmemorar unha ocasión, un acontecemento ou unha empresa que se circunscribise enteiramente ás fronteiras dun só estado. É claramente unha moeda de Illinois.
Frank G. Duffield, editor de The Numismatist, na convención de 1918 da American Numismatic Society en Filadelfia.[23]

Durante o mes de agosto de 1918 cuñáronse na Ceca de Filadelfia 100.058 exemplares da moeda de medio dólar do Centenario de Illinois, dos que se reservou a cantidade que excede o número redondo para a súa inspección e comprobación na reunión anual de 1919 da Comisión de Ensaios dos Estados Unidos.[24] Non houbo unha empaquetaxe oficial da moeda, aínda que uns poucos exemplares se dispuxeron formando parte de insignias para a Comisión do Centenario de Illinois.[25]

A emisión non tivo moita publicidade fóra de Illinois. A comisión do centenario distribuíunas polo seu valor nominal entre os seus afiliados do condado en proporción á súa porcentaxe con respecto á poboación de Illinois, coa condición de que posteriormente as vendesen cun sobreprezo, para axudar a pagar cos beneficios acadados as celebracións locais e, no caso de que algunha xa se celebrara, para axuda de guerra.[26]

As moedas tamén foron vendidas pola Cámara de Comercio de Springfield a un dólar cada unha, aínda que algunhas chegaron a venderse por menos: o comerciante numismático texano B. Max Mehl adquiriu varios milleiros por pouco máis do seu valor nominal. Un banco local conservou 30.000 exemplares durante 15 anos e vendeunas posteriormente como consecuencia da Lei de emerxencia bancaria de 1933 cun lixeiro sobreprezo, o cal fixo que se inundase temporalmente o mercado, aínda que a desmesurada oferta foi absorbida durante o primeiro boom das moedas conmemorativas estadounidenses en 1936.[13] O seu prezo non subira desde os 1,25 dólares aos que se vendían desde aproximadamente 1925. No momento central do segundo boom das moedas conmemorativas en 1980, os exemplares sen circular vendíanse por uns 300 dólares.[27] A edición de 2017 do catálogo de Richard S. Yeoman A Guide Book of United States Coins atribúelle a esta moeda un valor no mercado numismático de entre 130 e 685 dólares, en función do seu estado de conservación.[28] Un espécime nun estado de conservación e cunha aparencia xeral excepcionais acadou os 7.040 dólares nunha poxa que tivo lugar en 2014.[29]

  1. "Illinois Centennial Half Dollar". United States Mint (USMint.gov).
  2. "½ Dollar State of Illinois Anniversary". Numista.com
  3. "1918 Illinois Centennial Half Dollar". Earlycommemorativecoins.com
  4. "Loren E. Wheeler, Ill.". Library of the Congress.
  5. (USHRCCWM) (1918). Páxina 3.
  6. 6,0 6,1 "Illinois Centennial Commemorative Coin Legislation". United States Mint (USMint.gov).
  7. 7,0 7,1 (USHRCCWM) (1918). Páxinas 3-4.
  8. "Coinage of Fifty-cent pieces in Commemoration of Admission of State of Illinois into the Union". United States House of Representatives. 12 de marzo de 1918.
  9. "Coinage of 50-Cent Pieces for Illinois Centennial". En Congressional Record - House. Vol. 56. Parte 5. 6 de abril de 1918. Páxina 4.720.
  10. "Illinois Memorial Coin". En Congressional Record - Senate. Vol. 56. Parte 7. 21 de abril de 1918. Páxinas 6.821-6.822.
  11. "Illinois Centennial 50 Cent Pieces". En Congressional Record - House. Vol. 56. Parte 7. 25 de maio de 1918. Páxina 7.087.
  12. "Public - Nº 163 - 65th Congress". En Annual Report of the Director of the Mint for the Fiscal Year Ended June 30 1918. Government Printing Office, Washington. Páxina 162.
  13. 13,0 13,1 13,2 13,3 Bowers, Q. D. (1991). Páxina 132.
  14. 14,0 14,1 Swiatek, A.; Breen, W. (1981). Páxina 109.
  15. Slabaugh, A. R. (1975). Páxina 38.
  16. Bowers, Q. D. (1991). Páxina 131.
  17. 17,0 17,1 Flynn, K. (2008). Páxina 105.
  18. Taxay, D. (1967). Páxinas 37-38.
  19. Taxay, D. (1967). Páxina 38.
  20. Taxay, D. (1967). Páxina 35.
  21. Bowers, Q. D. (1991). Páxinas 132-133.
  22. Vermeule, C. (1971). Páxinas 158-159.
  23. KLaMarre, T. S. (1989). "Morgan's Other Coin". En The Numismatist. Vol. 102. Nº 6. Xuño. Páxinas 903-905.
  24. Swiatek, A.; Breen, W. (1981). Páxina 110.
  25. Bowers, Q. D. (1991). Páxina 134.
  26. "The Illinois Centennial Half Dollar". En The Numismatist. Vol.31. Nº 10. Outubro de 1918. Páxina 401.
  27. Bowers, Q. D. (1991). Páxinas 132-134.
  28. Yeoman, R. S. (2017). Páxina 296.
  29. Yeoman, R. S. (2015). Páxina 1.124.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]