Saltar ao contido

Mascato

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Morus bassanus»)

O mascato[2] (Morus bassanus, antes Sula bassana) é unha ave do tamaño aproximado dun ganso que forma grandes colonias de ata varios miles de parellas.

Descrición

[editar | editar a fonte]
Mascatos reprodutores.

As aves adultas pesan entre 3 e 4 quilos.[3] O corpo mide entre 87 e 100 centímetros de lonxitude e teñen unha envergadura de ás de 165 a 180 cm. As ás, longas e estreitas, miden entre 47 e 53 cm e o peteiro de 9 a 11 (medido dende a testa). O tamaño dos dous sexos é semellante.

A plumaxe dos adultos é maioritariamente de cor branca pura, coas puntas das ás escuras, con cores que van do pardo ó negro. A cabeza, as meixelas e os lados do pescozo teñen coloracións, dependendo da época do ano e do individuo, que varían entre o amarelo claro e o escuro. Nalgúns individuos pode faltar.[4] As plumas son impermeables, o que lles permite pasar períodos longos na auga. A impermeabilización conséguena untando as plumas coa secreción producida por unha glándula sebácea, que estenden polo corpo usando o peteiro ou a cabeza.[5] Na cara teñen unha área espida coa pel de cor negra, que lles dá unha expresión facial característica.

Mascato novo. A parte dianteira do corpo xa amosa a plumaxe dos adultos.

Os exemplares que acaban de empezar a voar son pardos, coas puntas das ás brancas. Teñen pintas brancas na cabeza e no lombo, e unha área en forma de V tamén desta cor na parte baixa do lombo.[6] A plumaxe das aves dun ano pode ser case completamente parda; no segundo ano de vida presentan aspectos moi variados debido ás diferentes fases da muda: poden amosar a plumaxe adulta na parte dianteira e seguir sendo pardos na posterior.[7] A plumaxe adulta definitiva aparece a partir dos cinco anos de idade.

Os pitos acabados de saír do ovo están espidos e son azuis escuros ou negros. Na segunda semana de vida cóbrense dunha penuxe branca e semellan cubertos de la.[8] Dende a quinta semana vanse cubrindo de plumas castañas escuras manchadas de branco.[4]

O bico dos mascatos é longo, forte e cónico, coa punta lixeiramente curvada cara a abaixo. A parte dianteira ten un fío aguzado. Nos adultos é gris azulado con beiras grises escuras ou negras. Nos inmaturos é acastañado.

Os ollos, grandes e dirixidos cara a adiante, teñen o iris de azul claro a gris claro, rodeado por un fino anel negro. Os catro dedos das patas están unidos por unha membrana natatoria, de coloracións que van do gris negro ó castaño negro. Ó longo dos dedos córrenlles unhas liñas amarelas que continúan por parte das patas e que xogan probablemente algún papel no aparellamento.[5] O dedo posterior é forte e volto cara a dentro, o que lles permite agarrarse con seguridade nos cantís verticais.[9]

Particularidades anatómicas

[editar | editar a fonte]
Mascato na Illa Bonaventura, no Quebec.

Os mascatos mergúllanse na auga caendo verticalmente a velocidades de mesmo 100 km/h e a súa estrutura corporal está adaptada a este feito. Carecen de furados externos do nariz e teñen furados nasais secundarios que poden pechar cando están dentro da auga. As aberturas dos oídos son moi pequenas, están cubertas de plumas e poden pecharse tamén cun sistema similar ó das fosas nasais. O esterno é moi forte e tan longo que pode protexer as entrañas do golpe contra a auga.[10]

Os pulmóns, moi desenvolvidos, teñen tamén probablemente a función de reducir as consecuencias do impacto contra a superficie e de protexer o corpo. Na parte inferior do corpo e nos lados hai sacos de aire subcutáneos. Outros sacos de aire atópanse entre o esterno e os músculos peitorais e entre as costelas e os músculos. Estes sacos están conectados cos pulmóns con canles e énchense cando a ave inspira. O aire pode ser expulsado con contraccións musculares.[11]

Os mascatos teñen unha capa de graxa subcutánea que os axuda a soportar as temperaturas baixas, ó que axuda ademais unha penuxe moi mesta e o solapamento moi apertado das plumas. A redución da circulación sanguínea nas membranas natatorias fóra da época de cría axúdalles tamén a conserva-la temperatura mentres nadan.[12]

Por aire, terra e mar

[editar | editar a fonte]
Silueta en voo.

As ás, que como se dixo son longas e estreitas, están inseridas moi adiante no corpo, o que lles permite utilizar con eficiencia as correntes de aire para voaren. En situacións de tempo tranquilo poden acadar velocidades de ata entre 55 e 65 km/h.[13] A súa musculatura voadora está, porén, relativamente pouco desenvolvida: mentres que nas outras aves esta representa a redor dun 20% do peso total, nos mascatos non supera o 13%.[14] A consecuencia disto é que os mascatos precisan un quecemento previo para poderen comezar a voar. Ademais camiñan con dificultade, polo que non poden botar a voar dende un lugar chairo. Da auga engalan xirándose cara ao vento e axitando pesadamente as ás. Con vento maino e ondas relativamente altas vense ás veces incapacitados de voar e poden ser arrastrados a terra.[15] Coma os albatros, aproveitan mentres voan o vento producido pola parte anterior das ondas. Os mascatos só se ven terra a dentro cando son desprazados polas treboadas.

Na auga póusanse cunha mergullada plana. Poucas veces o fan estricando as patas cara a adiante, coma os pelicanos ou os corvos mariños. Na auga manteñen o corpo afundido dabondo e, en xeral, a cola erguida diagonalmente cara a arriba. Póusanse con dificultade en terra e o intento pode acabar cun choque, xa que as súas ás estreitas non permiten boas manobras de xiro, para as que se axudan coas patas e a cola. As feridas nos pés e patas cando se pousan no chan son relativamente frecuentes se non hai ventos axeitados.[16] As ás rachadas ou magoadas serían unha causa de morte frecuente entre os adultos.[17] A posición atrasada das patas no corpo dálles un andar semellante ó dos parrulos.

O repertorio acústico dos mascatos non ten grandes particularidades. A chamada típica é un rab-rab-rab, que emiten cando están a pescar e tamén no niño.[18] Emiten un berro especial cando se aproximan á colonia, o que, por causa da chegada constante de individuos á colonia, óese moi de seguido.[19] O repertorio sonoro é semellante en machos e femias.

Segundo o ornitólogo Bryan Nelson os mascatos están en condicións de recoñecer pola voz non só á parella e os propios pitos, senón tamén ós veciños de niño. Os mascatos alleos son tratados con moita agresividade.[20]

Distribución

[editar | editar a fonte]
Mapa de distribución mundial do mascato.

Os mascatos crían case sempre na beira do mar, nas costas influídas pola corrente do Golfo. As colonias do golfo de San Lourenzo e das illas da costa leste do Canadá son unha excepción. As augas preto dos cantís nos que viven teñen, no verán, temperaturas en superficie de entre 10 e 15 graos.[21] A temperatura da auga determina a área de distribución das xardas e os arenques, que son as fontes de alimentación principal dos mascatos, polo que a situación das súas colonias reprodutoras está en forte relación con eles.

Crían ata moi ó norte, en rexións que poden ser moi frías e tormentosas. De acordo co ornitólogo Bryan Nelson, a combinación de peso corporal e forza do bico, que lles permiten a captura de peixes fortes e musculosos, e a capacidade de mergullárense ata gran profundidade e capturar presas ben lonxe dos acantilados, facilítalles poder vivir nesas rexións. Ademais, poden resistir períodos longos sen comer grazas ás reservas de graxa que acumulan.[22]

O límite norte da súa área de cría depende de que as augas mariñas estean libres de xeo durante a época reprodutora. Así, mentres Groenlandia e as illas Spitzbergen lles ofrecen lugares de reprodución xeitosos, as zonas puramente árticas teñen un verán demasiado curto para que poidan poñer os ovos e criar os polos, para o que precisan entre 26 e 30 semanas.[23] O límite sur da distribución depende principalmente da presenza suficiente das súas presas habituais.[24]

Colonias de cría

[editar | editar a fonte]
Colonia de mascatos en Bonaventura, preto de Percé, Canadá.

Algunhas colonias reprodutoras de mascato son usadas dende hai centos de anos. Vistos de lonxe os acantilados parecen cubertos de neve, a causa da capa mesta de niños que os cobren. Hai rexistro escrito da colonia da illa Lundy do ano 1274. Xa daquela se sinalaba que as poboacións minguaban a causa da caza e o roubo de ovos. Finalmente, a colonia desapareceu en 1909.[25] Entre as colonias meirandes están:

  • A da pena de Bass Rock na costa leste de Escocia, rexistrada dende 1448.[26] No ano 2004 contaba con máis de 48.000 niños.[27]
  • A das illas St. Kilda e Sula Sgeir, das Hébridas. St. Kilda é, cuns 60.000 niños,[27] a colonia meirande de Europa.
  • A da illa Eldey, en Islandia, onde crían entre 14.000 e 15.000 parellas. A densidade de poboación criando é tan grande que, por falta de espazo, non se ven exemplares non reprodutores.[28]

Outras colonias europeas están no suroeste de Irlanda, oeste de Noruega (illa de Runde) e no norte do mesmo país (Syltefjord, Hovflesa e Storstappen). A máis meridional é a da illa Rouzic no arquipélago das Sete Illas en Francia. En Norteamérica crían na costa de Terra Nova e en illas do golfo de San Lourenzo. A colonia meirande ten 32.000 niños,[27] e está na illa Bonaventura.

Situación

[editar | editar a fonte]

No ano 2004 contabilizáronse 45 colonias de cría e uns 361.000 niños.[29] As aves da costa escocesa constitúen a redor do 60 por cento do total. Aparentemente, a poboación aumenta anualmente entre o 3 e o 5%, malia a que este crecemento se concentra só nalgunhas colonias.[29] Para a situación actual foi decisiva a suspensión case total da caza da especie, que tiña como obxectivos a carne e as plumas. En 1939 había unhas 22 colonias e uns 83.000 niños,[23] o que significaría que as poboacións se terían multiplicado por catro dende entón. O aproveitamento polos mascatos das actividades pesqueiras crecentes en mar a fóra puido axudar tamén á recuperación da especie.

A Unión Internacional para a Conservación da Natureza, citando a del Hoyo et al (1992), indica que se estimaba a poboación total destas aves nuns 526.000 exemplares, pero, tendo en conta a poboación desta especie en Europa de acordo con BirdLife International, fai unha estimación revisada do tamaño demográfico global e sitúa a súa posible poboación entre 950.000 e 1 200 000 individuos.[30]

Alimentación e caza

[editar | editar a fonte]

Os mascatos cazan polo día, en xeral deixándose caer en picado na auga. Poden cazar preto da costa pero buscan alimento a grandes distancias delas. Sábese que aves que están criando poden pescar a distancias de ata 320 km da colonia. Un dous por cento das aves que crían na colonia escocesa de Bass Rock buscan peixe nos bancos de Dogger, a entre 280 e 320 km de distancia. Probablemente poden acadar mentres procuran comida distancias aínda máis longas, mesmo dobrando as mencionadas, pero, por norma, estas son de menos de 150 km.[31]

Mascato na procura de peixes.

Os mascatos poden localizar as súas presas dende alturas de ata 45 metros, pero de media búscanas a alturas de entre dez e vinte.[32] Cando avistan un peixe, déixanse caer en picado. Estricando as pernas, abrindo as membranas natatorias e con movementos das ás dirixen a caída.[33] Xusto antes de bateren contra a auga, pregan as ás contra o corpo. A cabeza e o pescozo entran no mar ben estricadas, e o bico fechado.[33] A velocidade nese momento é duns 100 km por hora. Pasan de media entre 5 e 7 segundos na auga, por ben que algunhas aves poden chegar ós 20 segundos.[34] A miúdo botan a voar de seguido para se volver mergullar tres ou catro metros máis adiante.

Habitualmente afondan a presa escollida e captúrana no camiño cara á superficie. Os peixes de tamaño medio son tragados empezando pola cabeza. Os pequenos poden engulilos de través ou pola cola. As bolsas de aire subcutáneas facilítanlles a saída rápida á superficie.

A cor branca dos mascatos serve de identificación para os seus conxéneres, que poden deducir a presenza dun banco de peixes polas mergulladas dun compañeiro; así é doado ver os mascatos cazar en grupo, situación que facilita as capturas.[35] Alternativamente poden buscar peixes nadando coa cabeza mergullada na auga.

Algúns estudos detectaron que a duración e dirección dos voos de pescuda de alimento eran semellantes en ámbolos sexos. Porén, había diferenzas significativas no método de pescuda entre machos e femias. Os mascatos femia son máis selectivos cós machos na elección de áreas de pescuda, e ademais tamén mergúllanse máis tempo e máis fondo, pasando máis tempo na superficie do mar cós machos.[36]

As presas

[editar | editar a fonte]

Ademais de arenques e xardas, tamén cazan outros peixes:[37] como sardiñas, bocareos, fogoeiros, bacallaus e outras especies de peixes que forman bancos. No caso das especies grandes, coma o bacallau, capturan só exemplares novos.

Como moitas gaivotas, asocian de seguida os barcos de pesca coa posibilidade de atopar comida. Xiran arredor dos barcos para pillar peixes das redes e aproveitar os restos lanzados ó mar.[38]

Reprodución

[editar | editar a fonte]
Morus bassanus

Os mascatos máis experimentados son os primeiros en volveren ás colonias de cría. A época exacta do ano depende da situación xeográfica de cada colonia: os de Bass Rock chegan a mediados de xaneiro; os de Islandia a finais de marzo ou en abril.[39] As aves que non se reproducen chegan semanas máis tarde. En xeral, o primeiro regreso á colonia (que non é forzosamente aquela en que naceron) ten lugar cando teñen dous ou tres anos.[40] Os cambios de colonia non son excepcionais, pero non se coñecen casos de mascatos que, despois de se criaren con éxito nunha colonia, cambien esta por outra.[41]

Os inmaturos permanecen nos límites da colonia. Poden chegar mesmo a facer un niño, pero ata os catro ou cinco anos non se reproducen.[42] Algúns exemplares desas idades ocupan niños baleiros que defenden con agresividade se pasan neles dous ou tres días. Se o niño aparentemente baleiro ten dono, é abandonado sen loita cando chega o propietario.[43]

A construción do niño

[editar | editar a fonte]
Mascato transportando material para o niño.

O lugar preferido para face-lo niño son as ladeiras e os acantilados das costas escarpadas. Cando non atopan estes sitios poden aniñar en grupos de illas e superficies planas, dende as que lles é máis difícil ergue-lo voo, provocando na manobra, a miúdo, a invasión da área do niño doutra parella e a reacción agresiva desta. Isto causa que o nivel de estrés na colonia sexa elevado. Os niños son, porén, construídos sempre cabo dos doutra parella e lugares axeitados quedan baleiros se están afastados da colonia.[44] En xeral a media de niños por metro cadrado é de 2,3.[45]

Os niños están feitos de algas mariñas, herbas, terra e obxectos de todo tipo que flotan sobre a auga. Decotío, son os machos os que xuntan o material. Os efectos do vento fan que os niños, que miden entre 50 e 70 cm de diámetro e uns 30 de alto, teñan que ser mantidos durante toda a cría. A súa área medra durante a reprodución polo costume dos mascatos de tirar os excrementos fóra do niño, nas beiras deste.

Conduta agresiva no niño

[editar | editar a fonte]

A agresividade na área do niño é a base para moitas pautas de conduta dos mascatos relacionadas co aparellamento. As loitas teñen lugar só entre aves do mesmo sexo. O comportamento das femias, que baixan a cabeza perante un macho agresivo, amosándolle a parte posterior do colo, fai que sexan collidas polo pescozo polos machos que defenden o niño e expulsadas. Unha femia non reacciona se un macho alleo se achega ó niño, pero deféndeo ferozmente se a que se achega é unha femia.[46] As loitas nas que participan machos que ocupan un niño por primeira vez son particularmente intensas. As consecuencias das leas poden ser importantes, acabando con feridas graves. As loitas son precedidas por xestos de ameaza, que se ven tamén fóra da estación reprodutora. Os machos amosan ós veciños a propiedade dun niño acenando coa cabeza co bico dirixido cara a abaixo[47] e as ás algo erguidas.

Emparellamento

[editar | editar a fonte]
"Mirando cara ó ceo", ritual de saúdo dos mascatos.
"Esgrima".
Aparellamento.

Despois de ocupar un lugar de cría os machos tentan atraer unha femia sen parella. Estas, que teñen en xeral catro ou cinco anos, sobrevoan a colonia varias veces antes de pousárense. A postura do seu corpo, co pescozo moi estricado, informa ós machos da súa disposición a ser cortexada. Os machos fano sacudindo a cabeza, de xeito semellante a cando marcan o niño, pero coas ás pechadas.

As parellas son monógamas e duran moitos anos, se non toda a vida. As aves sepáranse despois de criaren, pero volven xuntarse ó ano seguinte. En caso de morte dun dos membros o outro abandona a zona de cría e xúntanse ós solteiros que buscan unha parella.

Os mascatos defenden con moita agresividade o territorio ó redor do seu niño. A distancia entre cada un deles é de aproximadamente o dobre da que permitiría a un mascato chegar dende o seu niño ó dun veciño.

O ovo e os polos

[editar | editar a fonte]

Os mascatos poñen só un ovo de forma oval e dun peso medio de 104,5 gramos.[48] En comparanza con outras aves mariñas, o peso é moi pequeno.[49] Os casos de niños con dous ovos corresponden, ben a postas de dúas femias ou a ovos roubados doutros niños veciños. Os mascatos poñen un ovo novo en caso de perderen o primeiro. O tempo de incubación é de entre 42 e 46 días. Cando están chocando, os mascatos rodean o ovo coas membranas natatorias, moi ben irrigadas. O proceso de rompe-la casca pode durar ata 36 horas. Cando vai comezar, a ave incubadora solta o ovo das membranas natatorias, xa que, de mantelo entre elas, o ovo podería romperse bruscamente baixo o peso do adulto cando o polo empeza a furalo. De feito esta é unha causa de morte frecuente nos polos das aves que crían por primeira vez.[50] As membranas natatorias serven tamén para acubillar os polos, que só en ocasións excepcionais son deixados sós polos pais. Os polos non vixiados son, a miúdo, atacados e asasinados por outros mascatos.[51]

Os polos máis novos son alimentados con alimento semidixerido regurxitado polos adultos. Os máis vellos reciben peixes máis enteiros. A forte tendencia dos pitos a non se moveren do niño e a non axita-las ás para pedir alimento como fan outras aves, minimiza o perigo de caeren dende os acantilados.[52]

Os adultos alimentan as crías durante unhas 11 ou 12 semanas, ata que os mascatos novos se ven con forzas para abandonar definitivamente o niño. Ó redor dos 75 días de vida pairan dende os acantilados ó mar, o que marca o punto final do vínculo familiar.[53] Os mascatos novos, que pesan nese momento uns catro quilos, non son aínda capaces de voar con soltura, o que, unido ó seu peso, non lles permite regresar ós acantilados. As súas reservas de graxa fan que poidan pasar ata 2 ou 3 semanas sen comer. O salto do niño á auga causa, en condicións de mal tempo, que algúns mascatos sufran feridas mortais ó bateren contra as rochas.[54]

Os novos son atacados polos adultos se se moven polas beiras da zona de cría, polo que permancen no mar aprendendo a pescar e a voar ata que están en condicións de facelo con soltura. Se se dan malas condicións meteorolóxicas nese tempo, pode morrer un número moi alto de mascatos novos.[55]

Migracións

[editar | editar a fonte]

Os mascatos novos emigran con dirección ó sur a distancias importantes das colonias de cría, chegando en ocasións case ó Ecuador. No segundo ano de vida parte deles volven xa á colonia, á que chegan máis tarde cás aves reprodutoras, para abandonala de novo en dirección sur contra a fin da época de cría. Nesta segunda emigración percorren, porén, distancias menores.

Os adultos, acabada a cría, espállanse con dirección pouco prefixada e mantéñense a distancias de entre 800 e 1.600 km da zona de cría. Polo de agora non hai probas de que cada colonia teña unha zona de invernada específica. Moitos adultos atópanse no oeste do Mediterráneo, ó que chegan pasando sobre o estreito de Xibraltar e evitando no posible voar sobre terra firme. Outros seguen a costa atlántica de África chegando ata o golfo de Guinea. No caso dos mascatos do Canadá, o límite sur das emigracións dos exemplares inmaturos está no golfo de México. Os adultos non se desprazan tan lonxe.[31]

  1. "Morus bassanus". 2010 IUCN Red List of Threatened Species. Versión 2010.4. Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Arquivado dende o orixinal o 20/09/2011. Consultado o 26/11/2010. 
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para mascato.
  3. Reinsch, 1969 S. 15 e Nelson, 2005, S. 587
  4. 4,0 4,1 Reinsch, 1969, S. 13
  5. 5,0 5,1 Nelson, 2005, S. 133
  6. Nelson, 2002, S. 9
  7. Reinsch, S. 14f
  8. Reinsch, 1969, S. 61
  9. Reinsch, S. 9
  10. Reinsch, S. 16
  11. Reinsch, 1969, S. 16
  12. Nelson, 2005, S. 134
  13. Nelson, 2002, S. 27
  14. Nelson, 2005, S. 130
  15. Nelsons, 2002, S. 27
  16. Reinsch, S. 63
  17. Nelson, 2005, S. 158. Nelson advirte que, de todos xeitos, estes datos están recollidos principalmente nunha soa colonia.
  18. Nelson, 2005, S. 129
  19. Nelson, 2002, S. 27f.
  20. Nelson, 2005, S. 129f e 310
  21. Reinsch, 1969, S. 35 – 49
  22. Nelson, 2002, S. 24
  23. 23,0 23,1 Nelson, 2005, S. 315
  24. Nelson, 2005, S. 138
  25. Reinsch, S. 33 e S. 99f
  26. Reinsch, 1969, S. 33
  27. 27,0 27,1 27,2 Nelson, 2005, S. 311
  28. Reinsch, 1969, S. 31
  29. 29,0 29,1 Nelson, 2005, S. 312
  30. Morus bassanus Arquivado 20 de setembro de 2011 en Wayback Machine.. 2010 IUCN Red List of Threatened Species. Versión 2010.4. Unión Internacional para a Conservación da Natureza.
  31. 31,0 31,1 Nelson, 2005, S. 320
  32. Reinsch, 1969, S. 54
  33. 33,0 33,1 Reinsch, 1969, S. 53
  34. Nelson, 2005, S. 321
  35. Nelson, 2005, S. 141
  36. Sex-specific foraging behaviour in a monomorphic seabird, Proceedings of the Royal Society 269 (1501), pp. 1687-1693, agosto de 2002.
  37. Reinsch, S. 50
  38. Reinsch, 1969, S. 51
  39. Reinsch, 1969, S. 56 f.
  40. Nelson, 2002, XIII
  41. Nelson, 2002, S. 37
  42. Reinsch, 1969, S. 56
  43. Reinsch, 1969, S. 75
  44. Reinsch, 1969, S. 74
  45. Nelson, 2005, S. 328
  46. Nelson, 2005, S. 326
  47. Reinsch, 1969, S. 77
  48. Reinsch, 1969, S. 59
  49. Nelson, 2005, S. 150
  50. Nelson, 2005, S. 153 e 332
  51. Nelson, 2005, S. 334
  52. Reinsch, 1969, S. 73
  53. Nelson, 2002, S. XIII
  54. Nelson, 2005, S. 334 f
  55. Reinsch, 1969, S. 88f

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Josep del Hoyo et al.: Handbook of the Birds of the World, Band 1 (Ostrich to Ducks). Lynx Edicions, 1992, ISBN 84-87334-10-5
  • J. Bryan Nelson: The Atlantic Gannet, Fenix Books LTd, Norfolk 2002, ISBN 0-9541191-0-X
  • J. Bryan Nelson: Pelicans, Cormorants and their relatives Oxford University Press, 2005, ISBN 0-19-857727-3
  • Hans Heinrich Reinsch: Der Basstölpel, Ziemsen Verlag, 1969

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]