Saltar ao contido

Reuters

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Reuters
Logo
Tipoaxencia de noticias e negocio
Data de fundaciónoutubro de 1851
Fundador(es)Paul Julius Reuter
Nomeado en referencia aPaul Julius Reuter
Director/aStephen J. Adler
Nº de empregados2.500 Editar o valor en Wikidata
Organización matrizThomson Reuters
Organización subsidiariaReuters TV
SedeLondres
PaísReino Unido
Na rede
https://www.reuters.com, https://jp.reuters.com, https://uk.reuters.com/, https://fr.reuters.com, https://ru.reuters.com/, https://in.reuters.com e https://cn.reuters.com/
Facebook: Reuters Twitter: Reuters Instagram: reuters Telegram: ReutersWorldChannel Youtube: UChqUTb7kYRX8-EiaN3XFrSQ Editar o valor en Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Reuters é unha axencia de noticias con sede no Reino Unido, coñecida por subministrar información a medios de comunicación e mercados financeiros. Está presente en máis de 201 cidades[1][2] de 94 países e achega información en máis de vinte linguas. Reuters é unha das maiores axencias de noticias do mundo.[3]

Aínda que é coñecida polo seu labor como axencia de noticias, isto só supón o 10 % dos ingresos totais do grupo. A principal actividade de Reuters consiste en proporcionar información aos mercados financeiros, como os valores dos tipos de interese e prezos de accións, ademais de ofrecer investigacións, análise e produtos de mercadeo que permiten aos axentes a compravenda de divisas e accións por computador. Entre os seus competidores están Bloomberg L.P. e Dow Jones Newswires. Desde 2008, fai parte de Thomson Reuters.[4]

Paul Julius Reuter, fundador da axencia Reuters
Sede de Reuters en Londres

Paul Julius Reuter traballaba nunha editorial de Berlín e viuse involucrado na distribución de panfeltos radicais das revolucións de 1848. Estas publicacións chamaron moito a atención e en 1850 desenvolveu o prototipo dun servizo de novas en Aquisgrán empregando pombas mensaxeiras e unha liña de telégrafo,[5] cando se deu de conta de que con esta tecnoloxía a difusión de novas era cada vez máis rápida. Nun principio a liña conectaba con Berlín, mais ao pouco tempo Reuter decatouse de que a difusión a Bruxelas, un dos centros financeiros europeos no século XIX, lle proporcionaría máis beneficios.

Un ano despois, Reuter marchou a Londres onde tratou de desenvolver un cable telegráfico submarino que atravesase o canal da Mancha e conectase Dover con Calais. Tras varios intentos fracasados, o "telégrafo submarino" comezou a funcionar a finais de 1851, e o empresario negociou coa Bolsa de Londres o intercambio de información financeira do resto de Europa, algo que tamén fixo na Bolsa de París. En 1865, o seu negocio pasou a ser oficialmente unha sociedade limitada so o nome de Reuter's Telegram Company.[6]

Ao longo dos anos, a compañía gañou reputación, sendo a primeira en Europa que informou do asasinato de Abraham Lincoln,[5][7] e estableceu unha rede completa de correspondentes por todo o mundo, así como un negocio de compra e venda de información. Reuters mantivo a súa condición de corporación ata 1984,[8] cando pasou a ser unha sociedade anónima que comezou a cotizar na Bolsa de Londres[7] e no índice Nasdaq dos Estados Unidos.[5] Os seus estatutos prohibían que unha persoa puidese posuír máis do 15 % das accións, para evitar que a axencia puidese sucumbir aos intereses dun único propietario.

A partir da década de 1980, a axencia medrou con moita rapidez grazas á elaboración e subministración de información empresarial e financeira, e procurou ampliar o seu campo de información a outros medios como a radio, a televisión e Internet. En 2007, The Thomson Corporation alcanzou un acordo de unión con Reuters para formar Thomson Reuters. Thomson fíxose co 53 % do capital da nova compañía, polo que a restrición do 15 % foi suprimida.[9]

Historicamente, o cuartel xeral de Reuters sitúase en Londres. Aínda que desde 1939 ata comezos do século XXI a axencia se localizaba nun edificio deseñado por Sir Edwin Lutyens en Fleet Street, trasladouse en 2005 a unha instalación máis grande situada en Canary Wharf, ao leste da capital.

  1. "Home - Reuters News - The Real World in Real Time". Reuters News Agency (en inglés). Consultado o 13 de decembro de 2020. 
  2. "Careers". www.reuters.tv. Arquivado dende o orixinal o 02 de decembro de 2019. Consultado o 14 de xaneiro de 2019. 
  3. "News agency". Encyclopædia Britannica. 23 de agosto de 2002. Consultado o 18 de febreiro de 2017. 
  4. "About us". Reuters. Consultado o 14 de xaneiro de 2019. 
  5. 5,0 5,1 5,2 "Reuters (news agency)". Encyclopædia Britannica. 26 de marzo de 2010. Consultado o 3 de novembro de 2012. 
  6. "Reuters, de mensajes en palomas a grupo multimedia" (en castelán). El Economista. Consultado o 3 de marzo de 2010. 
  7. 7,0 7,1 Allen, Katie (4 de maio de 2017). "Reuters: a brief history". The Guardian. Arquivado dende o orixinal o 11 de outubro de 2017. Consultado o 19 de febreiro de 2017. 
  8. Read, Donald (1999). The Power of News: The History of Reuters. Oxford University Press. ISBN 978-0198207689. doi:10.1093/acprof:oso/9780198207689.001.0001. 
  9. "Thomson se compromete a mantener principios de Reuters para asegurar fusión" (en castelán). El Economista. Consultado o 3 de marzo de 2010. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]