Revolta xónica
A revolta xónica representou un episodio decisivo da confrontación entre gregos e persas. Foi impulsada por Aristágoras, o tirano de Mileto, no ano -499. Constituíu o primeiro conflito a grande escala entre cidades gregas e o Imperio persa. Moitas cidades ocupadas polos persas en Asia Menor e Chipre alzáronse contra os seus dominadores. Os insurrectos lograron tomar Sardes pero o contraataque persa conduciu á derrota definitiva tras a batalla naval de Lade e a ocupación de Mileto en -494.
A súa orixe foi a vontade de Darío I de controlar as fontes de aprovisionamento de trigo e de madeira para a construción naval de Grecia. Para iso debía atacar, coa axuda dos continxentes gregos xonios, en primeiro lugar, aos escitas, que crearan un poderoso imperio en Rusia meridional e cuxas relacións comerciais cos gregos eran frutuosas e activas. Estaba, sen dúbida, tamén a intención de controlar a ruta do comercio de ouro, extraído dos montes Urais ou de Siberia e co que os escitas comerciaban a grande escala. Algunhas expedicións contra os escitas acabaron nun estrepitoso fracaso, xa que estes aplicaban a táctica da terra queimada ao exército persa. O exército persa escapou do desastre e o cerco grazas á lealdade do continxente grego que gardaba a ponte sobre o Danubio (Ister).
Con todo, Darío asegurouse o dominio de Tracia mentres que o rei Amintas I de Macedonia recoñeceu o señorío de Persia (-513). En -508, a illa de Samotracia caeu baixo o xugo persa. Mesmo Atenas solicitou, cara a -508, a alianza persa. Desta campaña Darío sacou a conclusión de que podía contar coa fidelidade dos gregos xonios. Estes, estimaban en cambio que podían, sen riscos excesivos, sublevárense contra o dominio persa, posto que a expedición contra os escitas demostrara que o imperio aqueménida non era invulnerábel.
Orixes da revolta
[editar | editar a fonte]Xonia sufriu nos seus intereses esta dominación. Estaba constituída por 12 cidades gregas fundadas cara ao século -VIII[1]: Mileto, Éfeso, Focea, Clazómenas, Colofón, Priene, Teos, Quíos, Samos, Eritras, Miúnte e Lebedos[2]. A estas polis hai que engadir as cidades de Eólida, rexión situada ao noroeste de Xonia, como Esmirna. Estas cidades das que se apropiaron Ciro II, ou máis ben, o seu xeneral Harpago cara a -540[3], eran prósperas no momento da conquista. Despois, só Mileto acertara a concluír un tratado de amizade que lle asegurase unha relativa independencia. Foi, con todo, Mileto a que orixinou o levantamento de -499.
Con todo o dominio persa non era gravoso. Cada cidade conservaba as súas institucións coa condición expresa de aceptar e de manter ao tirano grego, o sátrapa ou funcionario persa que quixese enviar o "Gran Rei". Darío I e os seus sucesores respectaron os costumes dos diferentes pobos do seu imperio e encárganse ás veces de chamar á orde os funcionarios. Pero Mileto sentiu a súa prosperidade ameazada pola chegada dos persas.
Desde -512, o mar Negro era un "lago persa", e Tracia converteuse nunha satrapía. Mileto abastecíase alí de trigo e de toda clase de materias primas. A iso sumábase que as xentes de Mileto viran partir os seus "intelectuais", que fuxían ante a dominación persa. Os persas eran, a ollos de numerosos gregos xonios, bárbaros remisos aos "encantos" da civilización grega, que conservaban a súa lingua, a súa relixión e os seus costumes.
A colonización persa pechou o acceso aos mares setentrionais no momento en que Síbaris, o almacén occidental de Mileto, caeu baixo os golpes de Crotone (-510). Ademais, os persas favoreceron sistematicamente aos rivais fenicios de Tiro e Sidón.
Tras a toma de Bizancio polos persas pecharon os estreitos e o comercio cara ao Ponto Euxino. Sen dúbida, demostraba unha vontade de emancipación das cidades xónicas que lles empuxou, por unha banda, a rexeitar aos tiranos impostos polos persas, e por outra, a liberarse do xugo aqueménida. Cando a revolta estalou, tivo como primeira consecuencia, en numerosas cidades, a evicción dos tiranos e a proclamación da isonomía.
O papel de Mileto e a procura de axuda da Grecia Continental
[editar | editar a fonte]A soberanía converteuse nunha prioridade. Esta aspiración á liberdade foi teorizada por Aristágoras de Mileto. Baixo a bandeira da liberación, reuniu ás cidades xonias. O obxectivo de retomar Bizancio e Chipre aos persas parecía realista e empuxou aos gregos de Asia á revolta. Esta preparouse con gran segredo en Naxos e en Mileto. O tirano desta última era Histieo, retido en Susa por Darío I, como o seu ''compañeiro real de mesa'' medorento da súa influencia no mundo xonio, e quen dirixía a cidade na súa ausencia, era o seu xenro Aristágoras, neto dun antigo tirano da cidade[4]. Ao principio aliouse cos persas para retomar Naxos (-500), que se rebelou, pero se puxo a mal rapidamente co xeneral persa por unha afronta que este fixo a un dos seus subordinados.
Recibiu entón os consellos de Histieo, ordenándolle rebelarse contra Darío. Temía, sen dúbida, tamén soportar a responsabilidade do fracaso ante Naxos. Despois dun tenso consello dos milesios, onde a única voz discordante era a de Hecateo de Mileto, gran coñecedor do mundo persa grazas ás súas viaxes, un predecesor de Heródoto, opúxose ao proxecto[5]. Aristágoras esgrimiu o estandarte da rebelión (-499[6]) e apropiouse de varias naves persas e fenicias. Proclamou logo a igualdade das cidades xonias (a isonomía). Esta alianza carecía dun proxecto claro e sobre todo de medios; era necesario esperar a axuda da Grecia europea.
Aristágoras partiu, no inverno de -499, cara a Grecia continental para solicitar axuda militar. O momento era pouco propicio, pois Esparta estaba dividida pola rivalidade dos seus dous reis: Cleómenes I, que ao parecer posuía poucas calidades para o mando e goberno, e Demarato, que era o fillo segundo ao nacer (a pesar de que fose da primeira esposa do seu pai). En canto a Atenas, repúñase apenas das convulsións consecutivas á posta en práctica das reformas de Clístenes, neto de Clístenes de Sición. Finalmente, só dúas cidades contestaron á chamada: Atenas, que enviou 20 barcos, e Eretria, que enviou 5, en recoñecemento a que Mileto a axudara antigamente contra Calcis[7]. En total, non representaba máis de 2.000 homes. Para as cidades gregas de Europa, o problema quedaba afastado e os conflitos locais eran xulgados máis importantes.
Etapas do conflito
[editar | editar a fonte]Faría falta, con todo, aos persas máis de 6 anos para sufocar a rebelión. Os primeiros combates foron favorábeis aos xonios. A frota grega aniquilou á frota fenicia nun primeiro combate nas costas de Panfilia, cara a -498. En terra, os persas preparáronse a cercar a cidade de Mileto, cando Caropino, irmán de Aristágoras, coa axuda do continxente ateniense, orquestrou unha manobra de diversión e arrasou Sardes, a antiga capital de Creso, que era a sede dunha satrapía. Pero á volta, o sátrapa Artafernes, que se atopaba cercando Mileto, interceptounos na batalla de Éfeso[8][9] e logrou a vitoria (primavera de -498).
Ao final do verán do -498, o corpo expedicionario grego, ou polo menos o que quedaba del, recolleu a bagaxe para volver a Atenas e a Eretria. Esta defección non impediu á rebelión gañar amplitude. No outono de -498, o levantamento, gañou Chipre, con excepción de Amatunte, así como a Propóntide e o Helesponto até Bizancio[10]. Logo sublevouse Caria[11]. A principios do -497, a situación dos persas era crítica, pero Darío I reaccionou con celeridade e levou simultaneamente tres exércitos e unha nova frota. En cuestión dun ano (-497) a rebelión foi esmagada en Chipre e nas cidades do Helesponto. En canto aos carios, foron vencidos no río Marsias no outono de -497, a pesar da axuda dos milesios, e máis tarde en Labraunda no verán de -496. Parece que, por aquel entón, Aristágoras fuxiu a Tracia onde morreu pouco despois (-497) nun combate. En canto a Histieo, exerceu a pirataría no mar Exeo e foi morto pouco despois.
Os carios repuxéronse e inflixiron unha grave derrota aos persas no seguinte outono en Pedaso (-496). Finalmente, establecéronse longas e penosas negociacións e os carios non depuxeron as armas até o -494. Mileto atopábase entón soa.
Ao principio do ano -494, os persas concentraron as súas tropas contra Mileto. A cidade foi asaltada simultaneamente por terra e por mar. unha batalla naval, entre unhas 350 naves gregas e 600 naves fenicias, exipcias e chipriotas estendeuse ao ancho da illa de Lade durante o verán do -494 (batalla naval de Lade). Tras tratar cos persas as naves de Samos e Lesbos retíranse antes de comezar a batalla e a frota grega é aniquilada[12]. A cidade foi tomada e arrasada pouco despois e a súa poboación deportada ás beiras do Tigris. No ano -493, os persas someteron ás últimas cidades e illas rebeldes (Quíos, Lesbos e Ténedos), mentres que a súa frota navegou vitoriosa polas costas do Helesponto e de Calcedonia.
Consecuencias da derrota xónica
[editar | editar a fonte]Esta derrota arrastrou á Grecia continental, en particular a Atenas, a unha profunda reacción de tristeza. Así o poeta Frínico compuxo unha obra titulada A Toma de Mileto que facía alagar en bágoas ao público (sendo condenado o seu autor a unha multa de 1000 dracmas por lembrar acontecementos desgraciados).
A intervención militar persa en Asia Menor trouxera a Darío I cara a Occidente e suscitado quizais nel ideas expansionistas, ou polo menos, o desexo de establecer en Grecia mesma, réximes que lle fosen favorábeis. O papel xogado por Atenas e Eretria mostráronlle a necesidade de impor a súa autoridade sobre as dúas beiras do mar Exeo. Con todo, se se exceptúa a sorte de Mileto, Darío usou unha moderación relativa que impuxo un forte tributo ás cidades sublevadas pero permitíndolles a súa autonomía.
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Revolta xónica |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Heródoto ler en liña (en francés)
- Libro V da historia de Heródoto (en castelán)