Tabaquismo
O tabaquismo é a adicción ao tabaco, provocada principalmente por un dos seus compoñentes máis activos: a nicotina. Esta adicción acaba inducindo ao abuso do seu consumo e produce doenzas nocivas para a saúde da persoa consumidora.
Segundo a OMS, o tabaco é a primeira causa de invalidez e de morte prematura no mundo. En Europa o tabaquismo provoca cada ano 1,2 millóns de mortes e está directamente relacionado coa aparición de 29 doenzas, das cales dez son diferentes tipos de cancro, e de máis do 50 % das doenzas cardiovasculares. Fumar é directamente responsable de aproximadamente o 90 % das mortes por cancro de pulmón e aproximadamente o 80 % ou o 90 % dos casos de doenza pulmonar obstrutiva crónica (DPOC) e enfisema. En España cada ano morren máis de 50.000 persoas debido ao consumo de tabaco, máis que polos accidentes de tráfico e o consumo de todas as drogas ilegais xuntas.
O tabaco
[editar | editar a fonte]O tabaco é aditivo debido principalmente ao seu compoñente activo, a nicotina, que actúa sobre o sistema nervioso central. O fumador sofre unha dependencia física e psicolóxica que xera unha síndrome de abstinencia. A nicotina xera adicción, pero ten efectos antidepresivos e de alivio sintomático da ansiedade. Non se utiliza en farmacia, porque na segunda metade do século XX se descubriron antidepresivos máis eficaces e que non crean adicción. Tampouco se emprega para o alivio sintomático da ansiedade, salvo en casos excepcionais, porque as benzodiacepinas, que son o tipo de tranquilizantes máis utilizado, tamén crean dependencia, pero considéranse máis eficaces.
É factor de risco en doenzas respiratorias e cardiovasculares, e en distintos tipos de cancro, e resulta especialmente prexudicial durante o embarazo. Ademais, non só prexudica as persoas fumadoras, senón tamén as que respiran o mesmo aire (fumadores pasivos). O tabaquismo é a principal causa de mortalidade na maioría dos países desenvolvidos a principios do século XXI, aínda que hai outros estudos que indican que estas doenzas atribuídas ao tabaco son provocadas en realidade pola contaminación industrial e química, os aditivos alimentarios e os pesticidas utilizados na agricultura.[Cómpre referencia] Ademais, o tabaco como tal é o que menos se fuma, pois case todo o que se comercializa está adulterado con substancias químicas que lle achegan dubidosas ou preocupantes propiedades, como a de ser máis aditivo ou mellorar o seu sabor, e outras que se descoñecen, porque tamén teñen fórmulas secretas.[Cómpre referencia] As industrias agregan aditivos que o tabaco puro xamais tivo, aumentando a toxicidade que de seu xa ten. Con todo, é importante salientar que o tabaco sempre causa dano, por moi puro que sexa (como o comprado a granel), polo que a única opción que reduce o risco de padecer doenzas respiratorias a idades avanzadas é simplemente non fumar.
Debido ás consecuencias (repercusión física, psicolóxica e social que xera nos consumidores), xa desde o último Congreso de Psiquiatría que tivo lugar na Habana foi considerado unha doenza máis, pois require tanto tratamento medicinal como rehabilitación psicolóxica e reeducación social. Estas dependencias son as máis difíciles de corrixir, aínda que a dependencia física é a que con maior facilidade desaparece, despois da abstinencia.
Composición fisicoquímica
[editar | editar a fonte]Actualmente, a forma de consumo máis habitual é a inhalación dos produtos de combustión do tabaco. Recoñecéronse preto de 5.000 compostos químicos nas distintas fases do fume do tabaco (gasosa, sólida ou de partículas). Considéranse ingredientes do tabaco (termo aconsellado pola OMS) todos os compoñentes do produto, mentres que as emisións dos produtos do tabaco son o que realmente capta e absorbe o fumador (que é a principal causa de mortalidade e de doenzas atribuídas ao tabaco). Actualmente, as emisións son o punto principal da regulación, aínda que os ingredientes permisibles tamén están regulados.
Tabaco e saúde
[editar | editar a fonte]Fumar pode ser o causante de varias doenzas, como o cancro de pulmón, a bronquite e o enfisema pulmonar. O tabaquismo recoñécese desde hai varios anos como un problema de saúde pública, debido aos danos á saúde asociados ao seu consumo (por exemplo, causan máis de medio millón de mortes ao ano no continente americano). Ademais, fumar é a causa máis frecuente de mortes que poden evitarse. Segundo os últimos informes, centos de miles de persoas morren anualmente de forma prematura debido ao tabaco. Estudos recentes indican que a exposición ao fume dos cigarros fumados por outra xente e outros produtos do tabaco produce ao ano a morte de miles de persoas que non fuman. A pesar destas estatísticas e de numerosos avisos sobre os perigos de fumar, millóns de adultos e adolescentes seguen fumando. De todos os xeitos, estanse facendo progresos: cada día son máis as persoas que deixan de fumar.
No ano 2004, a OMS estimaba en 4,9 millóns o número de mortes anuais relacionadas co consumo de tabaco. A pesar de existir unha probada relación entre tabaco e saúde, isto non impide que sexa un dos produtos de consumo legal que pode matar o consumidor asiduo.
Fumar un só cigarro dá lugar a unha elevación do ritmo cardíaco, da frecuencia respiratoria e da tensión arterial.[1] O fume produce unha reacción irritante nas vías respiratorias. A produción de moco e a dificultade de eliminalo é a causa da tose. Debido á inflamación continua prodúcese bronquite crónica. Tamén produce unha diminución da capacidade pulmonar, achegándolle á persoa fumadora maior cansazo e diminución de resistencia en relación a un exercicio corporal.
O fume do tabaco componse dunha corrente primaria ou principal, que é a que inhala directamente o fumador, e unha corrente secundaria, xerada mediante a combustión espontánea do cigarro. Identificáronse máis de 4.000 substancias nocivas no fume do cigarro, das cales polo menos 60 son probables carcinóxenos humanos, como os 4-aminobifenois, o benceno e o níquel. Outras substancias tóxicas son monóxido de carbono, dióxido de carbono, nitrosaminas e amoníaco, e outras están como partículas en suspensión (alcatráns e nicotina).[2]
Epidemioloxía
[editar | editar a fonte]Segundo a OMS existen no mundo máis de 1.250 millóns de fumadores (2010), o que representa aproximadamente un terzo da poboación maior de 15 anos. Por sexos, o 47 % dos homes e o 11 % das mulleres neste rango de idade consomen unha media de 14 cigarros por día, o que supón un total de 5.827 millóns de cigarros ao ano. O 74 % de todos os cigarros consómese en países de baixo e medio nivel de ingresos, segundo o Banco Mundial (hai que ter en conta que a maior parte da poboación mundial vive en países de baixo e medio nivel de ingresos). Tanto para homes como para mulleres, o segmento de idade en que fuma maior proporción é o abranguido entre 30 e 49 anos.
As maiores prevalencias mundiais atópanse en Vietnam, Chile, parte de África e a República Dominicana en homes (73 %, 68 % e 66 %, respectivamente), entanto que Dinamarca e Noruega preséntana na poboación feminina (37 % e 36 %, respectivamente).[Cómpre referencia] Polo seu elevado volume de poboación, a China, a India e Rusia son as que agrupan a maior parte de fumadores do mundo.
Na Unión Europea existe unha redución progresiva do consumo. Mantense a maior prevalencia en homes que en mulleres, excepto en Suecia, onde o consumo é algo maior en mulleres (22 % homes e 24 % mulleres). A maior proporción de fumadores está nos países mediterráneos.[Cómpre referencia] A prevalencia en España en todas as idades (2003) é do 36 % da poboación.
En México estímase que morren diariamente entre 123 e 165 persoas debido ao consumo de tabaco, o que converte esta adicción nun grave problema de saúde pública.
Tabaco e embarazo
[editar | editar a fonte]Durante o embarazo, o tabaco multiplica o seu potencial daniño xerando non só riscos para a fumadora, senón tamén para o bebé. Entre outros riscos, aumentan os de sufrir embarazo ectópico, hemorraxias vaxinais, alteracións cardíacas, ou, no bebé, risco de nacer con baixo peso, insuficiencias respiratorias, morte súbita, infartos ou leucemia infantil.
Carcinóxenos humanos coñecidos | |
---|---|
Benceno | |
2-Naftilamina | |
4-Aminobifenil | |
Níquel | |
Polonio | |
Carcinóxenos humanos probables | |
Formaldehido | |
Hidrazida | |
Benzopireno | |
Anilina | |
Cadmio | |
Substancias tóxicas | |
Monóxido de carbono | |
Acroleína | |
Amonio | |
Óxidos de nitróxeno | |
Tabaco e cancro de pulmón | |
Principais compoñentes de fase de partículas do fume do tabaco | |
Compoñente | Concentración |
Alcatrán | 1–40 mg |
Nicotina | 1-2,50 mg |
Fenol | 20-150 mcg |
CAMECOL | 130-280 mcg |
Pireno | 50-200 mcg |
Benzo pireno | 20-40 mcg |
Existen numerosas investigacións que demostran os efectos tan nocivos do tabaquismo nas mulleres embarazadas. As fumadoras adoitan dar a luz a nenos de baixo peso (entre 150 e 250 gramos menos que as mulleres non fumadoras). Ademais, tanto a nicotina como o monóxido de carbono pasan ao corpo do feto. Demostrouse que a concentración de carboxihemoglobina é dúas veces maior no sangue do feto que no da nai. Se a nai fuma durante o derradeiros seis meses de embarazo, aumentan os riscos de morte para o bebé. As mulleres que fuman tamén corren máis risco de sufrir desprendemento prematuro de placenta. A mortalidade dos infantes é un 30 % maior nas mulleres fumadoras que nas que non fuman, e teñen tamén o dobre de abortos.[3]
Tabaco e cancro
[editar | editar a fonte]A primeira evidencia que se ten da súa relación foi suxerida en 1761 por John Hill, que describiu o desenvolvemento de pólipos larínxeos nos consumidores de rapé (dous dos casos que describiu presentaban unha transformación maligna). Esta asociación foi corroborada en multitude de ocasións desde esa época.
En 1941 os traballos de Yamagawa e Ichikawa demostran por primeira vez a natureza carcinóxena de diferentes hidrocarburos do fume de cigarros. Posteriormente, en 1950 e 1952 os traballos de Doll e Hill publicados en BMJ e usando metodoloxía do tipo estudo caso-control xa suxiren que o tabaco é a principal causa de cancro de pulmón.
O tabaco relacionouse con diferentes cancros: de pulmón, de larinxe, de orofarinxe, de esófago, de estómago, de páncreas, de fígado, de colon, de recto, de ril, de vexiga, de mama, do aparello xenital, e do sistema linfático. No fume do tabaco atópanse numerosos compostos químicos canceríxenos que proveñen da combustión, como o benceno, o benzopireno, o óxido nítrico, os derivados fenólicos e nitrosaminas, ademais de ser unha fonte importante da nicotina, que se considera un fármaco psicoaditivo.
Crese que o causante do 85 % dos cancros por causa do tabaco é o alcatrán que conteñen os cigarros estándar. Na súa cuberta pódese observar unha serie de finas liñas. Estas liñas son do alcatrán que a marca coloca a cada certa distancia para que o cigarro non chegue a apagarse e siga consumíndose de xeito continuo. [Cómpre referencia] Esta concentración provoca que un fumador de cigarros estándar teña ata cinco veces máis probabilidades de contraer cancro con respecto a outro que fume puros ou en pipa.[Cómpre referencia]
Cigarros contra tabaco a granel
[editar | editar a fonte]Segundo datos do Comisionado para o Mercado de Tabacos de España, produciuse un incremento espectacular do consumo de tabaco a granel, dun 32 % entre os anos 2008 e 2011.[4] Existe a crenza de que o tabaco a granel ten menos risco para a saúde, de que contén menos aditivos e de que é menos prexudicial. Esta falsa crenza é maior nas rapazas, segundo os datos da enquisa da Semana Sen fume da semFYC de 2012.[5]
Os fumadores de tabaco a granel mostran un maior risco de cancros de boca, farinxe e larinxe, e tamén de pulmón (de forma importante ou discreta) que os fumadores de cigarros convencionais.[6][7][8][9] Pero un estudo dá unha prevalencia similar para o cancro de boca.[10] No caso do cancro de pulmón cambiaría a proporción do tipo histolóxico, cunha maior prevalencia de adenocarcinomas[11] e cancro de pulmón de células pequenas.[12]
Nun estudo no que se analizaban as marcas máis consumidas en España demostrouse que os contidos de nicotina, alcatrán e monóxido de carbono do tabaco a granel son moi superiores aos permitidos para os cigarros convencionais, nalgúns casos ata dun 85 % máis.[13] O tabaco a granel tamén tería un maior efecto oxidativo en estudos in vitro sobre cultivos de monocitos.[14]
Tabaco e patoloxía vascular
[editar | editar a fonte]As doenzas do aparello circulatorio constitúen a primeira causa de morte na sociedade occidental. Os dous compoñentes máis importantes son as doenzas cerebrovasculares e a doenza isquémica do corazón ou enfermidade coronaria.
Está demostrado que a mortalidade por doenzas vasculares aumenta nos fumadores. O tabaco multiplica por catro a probabilidade de padecer unha doenza coronaria ou cerebrovascular.
Entre as múltiples substancias do fume do cigarro, as que presentan un maior efecto adverso son a nicotina e o monóxido de carbono (CO).
No Uruguai, despois da prohibición de fumar en espazos pechados, detectouse unha importante diminución no número de ingresos en institucións de saúde por infarto agudo de miocardio.[15]
Tabaco e patoloxía dermatolóxica
[editar | editar a fonte]O tabaco ten, fundamentalmente, un efecto de avellentamento precoz e de aparición de engurras faciais (no rostro de fumador). Para evitar este problema, os fumadores deben beber aproximadamente un 50 % máis de auga que os non fumadores, xa que o fumar produce un certo grao de deshidratación. Igualmente, un estudo detectou que o 42,2 % das persoas adictas ao tabaco desenvolveron acne non inflamatorio, doenza caracterizada pola presenza de poros pechados, quistes e puntos brancos e negros.[16]
Tabaco e patoloxía dixestiva
[editar | editar a fonte]O consumo de tabaco asociouse coa gastrite, a úlcera gastroduodenal, a esofaxite por refluxo e a hipertrofia de papilas gustativas, con déficit do sentido do gusto, así como cos cancros de boca, lingua, larinxe, esófago e páncreas.
Dependencia física da nicotina
[editar | editar a fonte]Non existe hoxe en día unha opinión unánime acerca da importancia da dependencia física á nicotina como maior ou único compoñente da adicción. Allen Carr, creador dun coñecido método para deixar de fumar, afirmaba que aínda que a ansiedade provocada pola retirada da nicotina é fisicamente real, é máis leve do que aparenta. Por tanto, esta ansiedade, aínda que existente, podería estar multiplicada na mente do fumador por factores sociais, situacións de tensión ou os seus propios temores, o que, de ser certo, agregaría un compoñente psicolóxico moi importante á adicción física.
Establécense dous graos de dependencia: dependencia moderada-intensa (consumo de máis de 20 cigarros ao día; o primeiro cigarro na primeira media hora despois de levantarse) e dependencia leve (consumo de menos de 20 cigarros ao día; o primeiro cigarro despois de media hora de levantarse).
Tabaquismo e cigarros electrónicos
[editar | editar a fonte]Cada se xeneraliza máis o uso do cigarro electrónico como alternativa ao cigarro tradicional.[Cómpre referencia] A pesar de que esta metodoloxía non implica directamente a consumición de tabaco, na procura da exhaustividade paga a pena mencionar a súa existencia. O cigarro electrónico é un dispositivo electrónico equipado cun vaporizador e un líquido que se vaporiza por el. Non hai cifras oficiais sobre o número de usuarios do cigarro electrónico, pero a modo de exemplo en Inglaterra, onde o fenómeno está máis estendido, a finais de 2012 a cifra de fumadores de cigarros electrónicos era duns seiscentos mil e ascendeu a un millón en 2013. Malia non haber un fluído líquido de nicotina, xeralmente o líquido vaporizado no cigarro electrónico contén esta substancia, cunha porcentaxe seleccionada polo consumidor. Por esta razón, tamén os usuarios dos cigarros electrónicos, cando inhalan este líquido que contén nicotina, están suxeitos aos efectos da adicción.
O cigarro electrónico non está baseado no fenómeno da combustión e, por tanto, non achega a inhalación de todos os canceríxenos que se emiten na combustión do tabaco e do papel. O mundo científico adoptou un enfoque cauteloso ata o de agora, sobre os efectos dos cigarros electrónicos. Con todo, hai estudos tranquilizadores: recentemente os cardiólogos europeos declararon que o cigarro electrónico non causa dano no corazón. Existe tamén un estudo conducido pola Universidade de Catania que non exclúe que o cigarro electrónico poida ser de axuda para quen queira deixar de fumar. En comparación con outros métodos, de feito, permite manter os xestos dos cigarros tradicionais, ademais de evitar os síntomas de abstinencia.
Lexislación internacional
[editar | editar a fonte]A Organización Mundial da Saúde (OMS) é o organismo internacional que abandeira e estimula o cambio de actitudes de moitos gobernos, ao mesmo tempo que trata de crear un convenio marco que subscriban os gobernos e que se comprometan a desenvolver accións máis decididas na prevención e no control do tabaquismo. O Banco Mundial, nun informe redactado e publicado en 1999, tamén se incorporou ás políticas internacionais de prevención.
As medidas iniciais da OMS, baseáronse en:
- Elaboración de informes científicos por comités de expertos
- Desenvolvemento de programas Tabaco e Saúde (1988-1995 e 1996-2000).
- Adopción de resolucións. A adoptada en 1996 insta a elaborar un Convenio Marco para a Loita Antitabáquica (CMLA), de uso como instrumento xurídico internacional
- O Convenio marco para o control do tabaco é un tratado antitabaco promovido pola Organización Mundial do Comercio (OMC) que entrou en vixencia o 27 de febreiro de 2005, tras anos de oposición e intentos de negociación da industria do tabaco.
- Diversos países de Europa ratificaron o tratado, entre eles Alemaña, Francia, o Reino Unido e España.
- Tamén o ratificaron o Uruguai, Australia, o Xapón, a India, Chile, México e o Canadá.
En prazo de cinco anos, estas nacións deberán prohibir a publicidade, a promoción e o patrocinio do consumo de tabaco.
Fumadores pasivos
[editar | editar a fonte]Son aspersoas que non fuman pero que están en contacto constante cos fumadores e inhalan o fume do cigarro. A exposición pasiva a fume alleo causa graves trastornos cardiovasculares e respiratorios, principalmente cardiopatía isquémica e cancro de pulmón. Nas mulleres embarazadas provoca baixo peso do bebé e causa morte súbita nos lactantes.[17]
A OMS declara que "O fume alleo mata" e que "Non hai un nivel seguro de exposición ao fume de tabaco".
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Dr. Jorge Lagunas Maitland (12 marzo de 2009). "TABAQUISMO" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 28 de setembro de 2015. Consultado o 1 de setembro de 2015.
- ↑ "Smoking - health risks". Arquivado dende o orixinal o 05 de novembro de 2015. Consultado o 16 de marzo de 2016.
- ↑ "Los riesgos de fumar durante el embarazo" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 13 de xuño de 2015. Consultado o 4 de xuño de 2015.
- ↑ Comisionado para el Mercado de Tabacos. Ministerio de Hacienda y Administraciones Públicas. Gobierno de España., ed. "El Mercado de Tabacos > Estadísticas". Arquivado dende o orixinal o 20 de xuño de 2012. Consultado o 31 de maio de 2012.
- ↑ semFYC, ed. (22 de maio de 2012). "Resultados de una encuesta realizada en centros de salud de España a fumadores y no fumadores".
- ↑ De Stefani E, Oreggia F, Rivero S, Fierro L. Cancer. 1992 Aug 1;70(3):679-82., ed. "Hand-rolled cigarette smoking and risk of cancer of the mouth, pharynx, and larynx.".
- ↑ Menvielle G, Luce D, Goldberg P, Bugel I, Leclerc A. Eur J Cancer Prev. 2004 Jun;13(3):165-72., ed. "Smoking, alcohol drinking and cancer risk for various sites of the larynx and hypopharynx. A case-control study in France.".
- ↑ Rolke HB, Bakke PS, Gallefoss F. Clin Respir J. 2009 Jul;3(3):152-60., ed. "Relationships between hand-rolled cigarettes and primary lung cancer: a Norwegian".
- ↑ Benhamou S, Benhamou E, Tirmarche M, Flamant R. J Natl Cancer Inst. 1985 Jun;74(6):1169-75., ed. "Lung cancer and use of cigarettes: a French case-control study.".
- ↑ Franco EL, Kowalski LP, Oliveira BV, Curado MP, Pereira RN, Silva ME, Fava AS, Torloni H. Int J Cancer. 1989 Jun 15;43(6):992-1000., ed. "Risk factors for oral cancer in Brazil: a case-control study.".
- ↑ Kubina M, Hédelin G, Charloux A, Purohit A, Pauli G, Quoix E. Rev Mal Respir. 1999 Sep;16(4):539-49., ed. "[Do patients with squamous cell carcinoma or adenocarcinoma of the lung have different smoking histories?].".
- ↑ De Stéfani E, Fierro L, Larrinaga MT, Balbi JC, Ronco A, Mendilaharsu M. Lung Cancer. 1994 Sep;11(3-4):191-9., ed. "Smoking of hand-rolled cigarettes as a risk factor for small cell lung cancer in men: a case-control study from Uruguay.".
- ↑ Castaño Calduch, Tania; Hebert Jiménez, Céline; Campo San Segundo, María Teresa; Ysa Valle, Miguel & Pons Carlos-Roca, Agustín (2012). "Tabaco de liar: una prioridad de salud pública y consumo". Gaceta Sanitaria (en castelán) 23 (3). ISSN 0213-9111. Consultado o 31 de maio de 2012.
- ↑ Kocyigit A, Selek S, Celik H, Dikilitas M. Mutat Res. 2011 Apr 3;721(2):136-41. Epub 2011 Feb 2., ed. "Mononuclear leukocyte DNA damage and oxidative stress: the association with smoking of hand-rolled and filter-cigarettes.".
- ↑ Impacto de la prohibición de fumar en espacios cerrados sobre los ingresos por infarto agudo de miocardio en Uruguay, Rev Med Urug 2010; 26: 206-215
- ↑ "¿Fuma?". Arquivado dende o orixinal o 16 de marzo de 2008. Consultado o 16 de marzo de 2016.
- ↑ Organización Mundial da Saúde (xullo de 2015).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Tabaquismo |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Allen Carr. Es fácil dejar de fumar si sabes cómo. Espasa Calpe, 1996. ISBN 84-239-8979-8
- Allen Carr. The only way to stop smoking permanently. Penguin Books. ISBN 9780140244755
- Arthur Rowshan. El método Rowshan para dejar de fumar. Editorial Planeta. ISBN 9788408068310
- Gilbert Lagrue. Dejar de fumar. Alianza Editorial. 1999. ISBN 8420667366
- Sandoya Sebrié, Edgardo. "Impacto de la prohibición de fumar en espacios cerrados sobre los ingresos por infarto agudo de miocardio en Uruguay." (pdf). Rev Med Urug (Montevideo) (26): 206–215.