Torres de Serrans
As Torres de Serrans ou Porta de Serrans eran a entrada norte á muralla do século XIV da cidade de Valencia. Cando había muralla nomeábase porta de Serrans, mais cando esta foi derrubada, ao ficar as torres exentas, pasa a chamarse popularmente torres de Serrans.
O nome de Serrans podería porvir do feito que estivesen no camiño que leva á comarca de Serrans o ben polo feito de que a maioría dos repoboadores deste barrio da cidade en tempos de Jaume I proveñen da zona de Teruel, que dalgún xeito tamén eran "serrans" para os da chaira valenciana, xa que esta cidade aragonesa atópase augas arriba do río Turia. Polo barrio do Salvador instaláronse os cataláns, e a ponte que o conecta coa outra beira do río chámase pont dels catalans (hoxe da Trinitat), polo que era lóxico que a outra ponte de máis arriba fose a ponte dos turolenses ou serrans, xa que estes instaláranse no barrio contiguo. Hai unha terceira teoría que di que podería coller o nome da principal familia que habitaba a rúa homónima.
É un grande referente da cidade de Valencia e un dos seus monumentos mellor conservados. Da antiga muralla, que se ordenou derruír a mediados do século XIX (culminando no 1865), só resta esta porta, a Porta de Quart cun un lenzo de muralla duns 30 metros, e algúns outros vestixios peor conservados, como os cimentos do Portal dels Jueus e os que se atopan na Sala de la Muralla do IVAM e no MUVIM.
Construción e estrutura
[editar | editar a fonte]Os xurados de Valencia encomendaron a súa construción ao mestre Pere Balaguer, quen se inspirou noutras portas góticas de Cataluña, como a Porta Real do Mosteiro de Poblet, que se inspiraba no estilo arquitectónico xenovés.
Comezaron as obras o 6 de abril de 1392 sobre os terreos do anterior pórtico. A composición do groso dos muros é de cantaría moi sólida, xa que a súa función principal era a de servir de fortificación. Posteriormente revestiuse de paramentos de pedra calcaria, procedente principalmente de Alginet, para darlle o acabado suntuoso que requiría a outra función de carácter representativo.
En 1397, case terminadas as obras, expúxose a necesidade de mellorar o acceso á planta nobre das torres. Por iso proxectouse a monumental escalinata de pedra, que agrandou o edificio e facilitou o seu uso nas festas de benvida. En marzo de 1398 finalizaron as obras.
O monumento está constituído por dúas torres poligonais, subdivididas ao seu contorno en tres andares, unides por un corpo central que alberga a porta propiamente dita. O uso da forma poligonal (como a semicircular no caso da Porta de Quart) débese á vantaxe defensiva deste tipos de arestas fronte os cantóns en ángulo recto que son máis vulnerábeis aos proxectís. Entre os elementos máis orixinais das Torres de Serrans destaca o corpo central de estilo gótico flamengo.
Historia e usos
[editar | editar a fonte]O seu uso principal durante moito tempo foi servir de defensa en calquera asedio ou eventual ataque á cidade, pero máis xeralmente utilizábase para cerimonias e entradas oficiais de embaixadores e de reis, e consideráballa (e aínda lla considera) como a entrada principal da cidade.
En 1586, despois do incendio da cidade, as torres reconvertéronse en prisión de nobres e cabaleiros, até o traslado dos presos ao Convent de San Agustí en 1887. A partir dese momento tivo diversas utilidades até a actualidade, como servir agora de museo ou para diversos actos.
Durante a Guerra Civil foi utilizado como depósito das obras evacuadas do Museo do Prado, tras realizarse unha necesaria adaptación para tal fin. Neste sentido, en decembro de 1936 construíuse unha bóveda de formigón armado de 90 cm de grosor sobre o chan do primeiro piso destinada a evitar que as obras de arte, aloxadas no piso máis baixo, sufrisen danos en caso de bombardeo e derrube do edificio. Sobre esta bóveda acumulouse un metro de casca de arroz (destinada a actuar como amortecedor) e, sobre ela, un metro de terra. No segundo piso acumulouse outro metro de terra e a terraza foi cuberta con sacos terreiros. Ademais instalouse un sistema automático de control da humidade e da temperatura.
Restauración
[editar | editar a fonte]Os seus usos como prisión (como no caso das Torres de Quart) fixeron que sobrevivisen ao desmantelamento da muralla, pero tamén maltrataron o edificio, especialmente na súa estrutura interior. Así, cegáronse as súas grandes arcadas abertas ao interior e perforouse o muro exterior por diversas xanelas, á vez que desaparecía a barbacana almenada que as coroaba.
En 1871, o concello decidiu encher o foso situado ante as portas, pero afectou á visión e ao aspecto das portas. Entre 1893 e 1914, a Academia de Sant Carles, levou a cabo unha restauración dirixida polo escultor e académico Josep Aixá. No ano 2002 limpouse a pedra e a porta quedou co seu aspecto actual.
Usos actuais
[editar | editar a fonte]Na actualidade as portas pódense visitar e subir arriba, dende onde aínda a día de hoxe tense unha vista formidable de Valencia. As portas de Serrans utilízanse para varios actos na cidade. Quizais o máis característico é a cridà das festas das fallas, onde, a finais de febreiro, a Falleira Maior chama aos valencianos e falleiros a comezar as fallas.