Touro
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Estado | España | ||||
Comunidade autónoma | Galicia | ||||
Provincia | Provincia da Coruña | ||||
Capital | Fonte Díaz | ||||
Poboación | |||||
Poboación | 3.382 (2023) (29,38 hab./km²) | ||||
Xeografía | |||||
Parte de | |||||
Superficie | 115,1 km² | ||||
Altitude | 500 m | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Organización política | |||||
• Alcalde | Roberto Castro Rocamonde | ||||
Eleccións municipais en Touro | |||||
Identificador descritivo | |||||
Código postal | 15822 | ||||
Fuso horario | |||||
Código INE | 15085 | ||||
Páxina web | concellodetouro.com… | ||||
Touro é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca de Arzúa. Segundo o IGE en 2022 tiña 3.451 habitantes. O seu xentilicio é tourense.
Xeografía
[editar | editar a fonte]Ten unha superficie de 114,9 km². A capital municipal está en Fonte Díaz, parroquia de Touro, aínda que no século pasado[cando?] estivo en Soutullo, na parroquia de Fao.
Orografía
[editar | editar a fonte]O Concello de Touro presenta un perfil semellante ó resto das terras do Ulla; un relevo suave que se acentúa cara ó sur ata chegar ó val do Ulla. As maiores altitudes corresponden cos montes de Pena Cabreira, Xunqueira e o Coto de San Sebastián (parroquia de Loxo), rondando todos eles os 400 metros.
Hidrografía
[editar | editar a fonte]En canto á rede hidrográfica, á parte do mentado Ulla, atopamos os ríos Brandelos e Lañas, cos seus respectivos afluentes: Quintáns, Prevediños, Pucheiras, Rozas, Abelenda e Beseño.
Demografía
[editar | editar a fonte]Poboación 2022 | 3.451 habitantes |
---|---|
Menores de 20 anos | 10,75% |
Entre 20 e 40 anos | 17,73% |
Entre 40 e 60 anos | 28,43% |
Maiores de 60 anos | 43.09% |
Gráfica de evolución de Touro entre 1900 e 2021 |
Historia
[editar | editar a fonte]Hai restos antigos de presenza humana, aínda que moitos están sen catalogar. Na parroquia de Foxás hai varios topónimos que denotan a existencia de poboados castrexos. Da época da romanización de Galicia quedou un camiño real con dirección a Lugo.
Na toponimia atopamos por exemplo coa aldea de Castelo, en Touro, o nome etimoloxicamente podería deberse a que alí se erguera algo semellante a un castelo, e na zona dos Torreis, en Loxo poderían imaxinarse unhas fortificacións. En Foxás hai varios lugares co nome de Castro.
As terras do concello aparecen nomeadas no Códice Calixtino, promovido polo arcebispo Diego Xelmírez no século XII. As dezanove parroquias actuais estaban repartidas en cinco xurisdicións: Bendaña, Bendaña do Marqués, Budiño, Cira e Xiro da Rocha.
Trala división territorial de España en 1833 foron creados os concellos de Touro e de San Miguel de Vilar (na actualidade integrado no primeiro), pertencentes ó partido xudicial de Sar. O municipio de Touro homenaxeou a raíña Isabel II, que reinaba nese momento, incluíndo no seu escudo un i grego e un dous en números romanos.
No século XX o concello mantiña unha economía de autoconsumo, ligada ao sector primario, e un atraso tecnolóxico. Isto motivou unha grande emigración.
Cultura
[editar | editar a fonte]Patrimonio
[editar | editar a fonte]Patrimonio arquitectónico
[editar | editar a fonte]No inventario Histórico-Artístico do concello figura a igrexa parroquial de Quión, ao igual que a igrexa de Loxo, que pertencía antes aos dominicos de Santiago. Outras igrexas destacadas son a de Fao, co seu campanario inclinado; e a de Foxás, que tiña unha campá facendo soar as horas.
O concello está cheo de muíños. Moitos deles abandonados, e outros foron restaurados, como o muíño de Rozas, en Quión.
Na parroquia de Vilar atópase un pequeno cruceiro que pode ser bastante antigo polas figuras que aparecen na súa base.
No monte de Caroceiros, en Novefontes existen restos dun antigo templo ou monumento,ao que segundo a tradición popular asistía a veciñanza da outra bando do río Ulla para faceren enterramentos.
En escrituras do século XII fálase dun mosteiro chamado Argentario que parece ser que estaba na que é hoxe a aldea de Arenteiro, Loxo.
Pazos
[editar | editar a fonte]O máis coñecido é o pazo de Andeade, fundado a comezos do século XVIII por Pedro Antonio Verea Pacheco, casado con María Antonia Varela Lodeiro Figueroa. Foron varias as familias de renome que tiveron relación con este pazo, tal e como se pode apreciar nas armas que forman parte do seu escudo: Pacheco, Verea, Aguiar, Figueroa e Montenegro. Tamén é coñecido como a Casa Grande de Andeade, e ten unha capela.
Un dos pazos máis antigos é o de Mince, situado en Prevediños, rodeado de casas veciñais, pero que conserva tódolos elementos arquitectónicos dun pazo.
En Calvos está o pazo de Rosende. Preto del aínda se observan as vellas casas dos caseiros que traballaban para o dono do pazo. O edificio, recentemente restaurado, parece ser que ten a súa procedencia nunha construción anterior ó século XVIII. Estivo ocupado durante tempo polos Hermida, familia da que proceden os actuais propietarios. Pero no escudo de armas que se atopa na fachada, ó lado do balcón, pódense distingui-las armas dos Porras, Lemaire, Du Croc, Wander-Roer e os Hermida. Conta con hórreo restaurado, capela en bo estado, cruceiro de pedra enfronte a capela. Desde a solaina que ten a casa pola parte sur vese máis alá do río Ulla.
O Pazo de Dioño, en Cornado, é unha casa señorial cadrada rodeada de varias dependencias: hórreo, cortes, fornos, bodega etc e tamén unha ampla extensión de terreo cerrada por un alto valo de pedra. Na entrada da casa está o escudo de armas dos Aguiar e os Torre. Os elementos que aínda se observan dan idea da riqueza do pazo en tempos pasados, pero entrou en decadencia a mediados do século XX, da que dificilmente se foi sobrepoñendo, ao deixar de seren rendibles os sectores agrícola e gandeiro.
En Lobaqueiras, na parroquia de Bendaña, xa no límite do concello de Touro co de Boqueixón, hai outra casa grande. Ten a entrada principal por un camiño estreito, bordeado de eucaliptos centenarios a ámbolos lados. Antes de entrar polo portal, á esquerda está a casa dos caseiros e a dereita está a capela, que o único que conserva é a pía de pedra onde se botaba a auga bendita. Tras da capela é o cruceiro de pedra aínda ben conservado. Enmarcando o portal hai longas pedras cunha cruz na pedra superior. Na fachada da casa é o escudo coas armas dos antigos donos, entre eles están os López del Nodal que eran mariñeiros almirantes procedentes de Caldas de Reis de onde tamén procede o escudo. Na actualidade pertence ós herdeiros de Juan Fenollera Velón. Na parte de abaixo da casa hai unha longa mesa de pedra con asentos tamén de pedra ó seu redor. Un dos elementos que existen en case tódolos pazos é o pombal, cousa que non se ve en Lobagueiras. Conta cun hórreo de pequenas dimensións o que indica que, ou ben puido existir outro hórreo maior, ou que o cultivo principal das terras que rodean o pazo, que son uns oitenta ferrados da zona e chegan ata o mesmo río Ulla, non fora o millo. Segundo a tradición oral, antigamente as terras cultivadas de Bendaña pertencían a un só propietario. Hai que recordar que dúas das antigas xurisdicións da provincia de Santiago levaban o nome de Bendaña e Bendaña do Marqués.
Patrimonio cultural
[editar | editar a fonte]Touro está atravesado polo Camiño de Santiago. Son algúns os peregrinos que collen a estrada comarcal AC240, que atravesa as parroquias de Beseño, Quión, Touro, Loxo, Bama, Prevediños e Vilar.
Etnografía
[editar | editar a fonte]En Baiobre, un dos lugares máis elevados do concello, na parroquia de Beseño, celébrase unha romaría nunha carballeira xunto á capela de Santa Sabela. Segundo a tradición, as mulleres preñadas deben coller unha tella da capela que se garda baixo os carballos.
En Brandelos, Prevediños hai unha fonte con augas medicinais, onde xente ía tomar baños. Alí fíxose unha capela, arruinada e agora restaurada por un particular, e tamén alí se facía unha festa nunha carballeira, onde tamén había feiras. Agora a romaría faise nunha capela, que en tempos pasados puido pertencer ao Conde de Altamira, en Noaio, na mesma parroquia.
Festas e celebracións
[editar | editar a fonte]- Hai feira o día 5 de cada mes en Fonte Díaz, con especial mención a de agosto, dedicada aos emigrantes.[1]
- Festa da Terceira Idade.
- Día do Neno.
- Tamén se celebra o Entroido, de especial mención o de Fao, como magostos e sardiñadas nas súas datas.
Festas parroquiais:
- San Cristovo en Beseño a última fin de semana de xullo.
- San Xoán do 24 ao 26 de xuño en Touro .
- Festas de Santa Eulalia e San Marcos en Bama o 24 de abril.
- San Breixo en Foxás o 1 de outubro.
- Santa Mariña en Circes o 18 de xullo .
- Festa do Coto de San Sebastián en Loxo.
- San Ramón en Santiso, Cornado, o último venres e sábado de agosto.
Economía
[editar | editar a fonte]Este artigo ou sección precisa dunha revisión do formato que siga o libro de estilo da Galipedia. Pode axudar a mellorar este artigo e outros en condicións semellantes. |
Sector primario
[editar | editar a fonte]Tradicionalmente o sector agrícola e gandeiro foi o sustento principal da economía tourense, ao igual que nos veciños terreos, mais na actualidade son poucos os mozos que se incorporan directamente nestes labores; existen parroquias de escasa densidade de explotacións gandeiras. Caben destacar a persistencia das hortas, como provedoras de alimentos dos fogares galegos, sendo poucas empregadas para xerar riqueza directamente; ou a matanza do porco, tan peculiar na cultura galega; ou por conseguinte tamén crianza de galiñas, ovellas, coellos.
Outro sector importante foi o da minaría, as explotacións mineiras de Río Tinto, xa fechadas, ofreceron emprego durante un corto período de tempo (1974-1986) pero, no entanto, trouxeron consigo un coste de oportunidade ao non desenvolvérense outras actividades económicas máis duradeiras no tempo. Os efectos sobre o medio ambiente aínda se perciben hoxe en día sendo o río Portapego un dos máis contaminados do estado español.
Hai algo de pesca no río Ulla o nos seus diversos afluentes que regan distintas parroquias. Tamén existe algo de caza.
Sector secundario
[editar | editar a fonte]Unha actividade notable actualmente é a elaboración dos queixos de Arzúa, nas queixarías de Murgás, en Turces, e en Bama. Ademais, a queixaría de Murgás ten incorporada unha queixaría-escola.
Sector terciario
[editar | editar a fonte]No núcleo urbano de Fonte Díaz é onde se desenvolve a maior actividade, xa que é aquí onde se concentran a maior parte dos servizos tanto públicos como privados.
Turismo
[editar | editar a fonte]Touro conta con dúas rutas homologadas de sendeirismo, a PR-G 93 ou ruta da Ribeira do Ulla, e a PR-G 121 ou ruta dos Tres Ríos. A PR-G 93 é unha ruta sendeirista lineal de 12,8 km con principio/fin en Ponte Basebe e fin/inicio xunto á estrada de San Pedro de Ribeira. O percorrido é case unha senda botánica, con mostras de distinta vexetación, destacando os castiñeiros e sobreiras. É de mención a fervenza do Inferniño e a vaira do Pozo do Pego. A ruta dos Tres Ríos é unha prolongación desta primeira, que vai desde a Ponte Basebe até a Santaia, pasando polo que son os ríos Ulla, Beseño e Lañas.[2]
Situación medio ambiental
[editar | editar a fonte]Este artigo ou sección precisa contidos, imaxes ou perspectivas globais. Por favor, universalíceo. |
A realización de certas actividades sobre o medio do concello poden provocar desequilibrios ecolóxicos que teñen efectos negativos denominados como problemas medio ambientais. Estas actividades tamén poden afectar a comunidades animais e vexetais podendo chegar incluso ao ser humano.
Actualmente para a realización de calquera actividade no medio é necesario realizar un estudo de impacto ambiental desa actividade na zona, para poder tratar e paliar os efectos ambientais e os danos que poidan producir.
Dentro do concello de Touro débense destacar os impactos que producen:
- Problemas derivados dos procesos extractivos da Mina de cobre de Río Tinto, que permaneceu aberta case unha década. Tivo repercusións na fertilidade do solo e na calidade das augas, mais dada a ausencia de contaminación de industria densa no concello, esta contaminación continúa a ser consentida hoxe en día. Que se saiba, despois de rematar co cobre da mina non se fixo absolutamente nada con esta e deixouse da man de Deus, mesmo a servir de camposanto para a maquinaria enferruxada que alí traballaba. A súa contaminación foi remitindo co lavado das augas a través do tempo e non se sabe quen ten a responsabilidade. A totalidade da mina abranxe unha pequena zona de Bama, Loxo e tamén chega ao concello do Pino; polo que a situación incerta da mina axudou ao seu abandono. Mais, hai que dicir, e este respecto, que se pode esquecer de todo isto, dos cheiros de Loxo, do dano ao río Lañas e ao Brandelos, e ao Ulla, pois o novo uso do territorio vai consistir nunha urbanización de 1.2OO vivendas, e segundo o proxecto aprobado, terase construíndo previamente un campo de golf.
- Problemas derivados da actividade agraria e gandeira. O emprego de fertilizantes e pesticidas sen control poden causar contaminación nas augas e no solo, e chegar os elementos tóxicos ao organismo humano. Tamén pode causar problemas os xurros e os procesos de ensilado, tanto polos elementos prexudiciais destes e do cheiro que producen. Recórdese tamén que o leite é moi contaminante.
- Problemas derivados dos vertidos incontrolados: bastante abundantes no concello, aínda tendo servizo de recollida, dirixindo o lixo a SOGAMA. Son aproveitados os ocos das vellas canteiras para meter, por exemplo electrodomésticos, e nalgún tempo, cemiterio de vacún. O concello define este problema como inexistente, cando é imposible non ollar un frigorífico ao pé da sinalización.
- Problemas derivados da deforestación. A porcentaxe de incendios da zona pódese considerar como relativamente baixa, mais estes son un problema nacional como no resto de Galiza. Outra preocupación a este respecto é a contaminación de especies arbóreas como o eucalipto, que diminúe a calidade do solo e a súa posterior repoboación. Porén, problemas de deforestacións non os hai en Touro, concello que posúe tamén áreas arbóreas de calidade.[Cómpre referencia]
Infraestruturas
[editar | editar a fonte]Infraestruturas educativas
[editar | editar a fonte]O centro principal de educación é o (CPI) de Fonte Díaz, situado próximo da casa do concello; impártese nel o 2º ciclo de Educación Infantil (3 – 6 anos), Primaria e Secundaria Obrigatoria (6 - 16 anos). Antes había escolas unitarias en case todas as parroquias, mais na actualidade só continúa a escola de EEI das Goritas (Loxo), que ten o 2º ciclo de Educación Infantil. O CEIP de Turces no que se impartía o 2º ciclo de Infantil e o 1º ciclo de Primaria (de 3 a 8 anos) pechou en 2010.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Galería de imaxes de Touro.
Parroquias
[editar | editar a fonte]Lugares de Touro
[editar | editar a fonte]Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Touro vexa: Lugares de Touro.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Feira dos Emigrantes en Touro". Arquivado dende o orixinal o 21 de abril de 2014. Consultado o 20 de decembro de 2011.
- ↑ Mapa das Rutas de Sendeirismo de Touro[Ligazón morta]
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Touro |