Vicente Celeiro
Biografía | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Nacemento | 30 de maio de 1962 (62 anos) Vilalba, España | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Actividade | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Ocupación | futbolista | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Período de actividade | 1980 - | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Deporte | fútbol | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Posición de xogo | Dianteiro | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
Vicente Celeiro Leal, coñecido simplemente como Vicente, nado en Vilalba o 30 de maio de 1962, é un exfutbolista galego. Dianteiro histórico do Deportivo da Coruña, foi xunto a Traba a principal referencia ofensiva do equipo na década de 1980. Con 82 goles, é o sétimo máximo goleador do Deportivo, e en 1988 foi autor dun dos tantos máis célebres da historia do club, evitando o descenso a Segunda B na última xornada e salvando a entidade dunha posible desaparición.[1] Militou tamén no Celta de Vigo, no Lugo e no Racing Vilalbés.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Inicios
[editar | editar a fonte]Nacido en Vilalba, comezou a xogar ao fútbol aos 11 anos nun colexio de Mondoñedo, e máis tarde ingresou na canteira do Racing Vilalbés.[2] Aos 16 anos entrou a formar parte do equipo xuvenil do Deportivo da Coruña, no que militou durante dúas campañas.[2]
Deportivo da Coruña
[editar | editar a fonte]Na tempada 1980/81 subiu ao Fabril, da man do adestrador Luis Rodríguez Vaz, e xogou co filial na Terceira División. A metade de tempada, o 25 de xaneiro de 1981, debutou co primeiro equipo na Segunda DIvisión B, nun encontro ante a Arandina no que xogou de titular debido á obrigación de aliñar un futbolista sub-20. Foi substituído por Fernando Muñoz no minuto 23 da primeira parte.[3][4]
Comezou a campaña 1981/82 nas filas do filial, pero en novembro Vaz substituíu o cesado Pepe Martínez no primeiro equipo, e o adestrador levou consigo do Fabril a Agulló e ao propio Vicente. Debutou na Segunda División na xornada 13, nunha vitoria por 2-1 ante o Burgos, e dúas semanas despois marcou o seu primeiro gol coa camiseta do primeiro equipo deportivista, recollendo unha asistencia de Traba para bater ao gardameta austríaco Hubert Baumgartner nunha vitoria por 3-0 sobre o Recreativo de Huelva en Riazor.[5]
Titular indiscutible durante os seguintes sete anos e medio, formou unha prolífica dianteira xunto a Traba nas primeiras tempadas, e máis tarde acompañou no ataque a xogadores como Verón ou Donowa. Na tempada 1982/83 anotou 12 goles e debutou coa selección española sub-21, pero viviu o momento máis duro da súa carreira deportiva cando o Deportivo sufriu unha dramática derrota na derradeira xornada ante o Rayo Vallecano en Riazor e perdeu o ascenso despois de se ter mantido entre as tres primeiras prazas durante as 21 xornadas anteriores.[6][7]
A súa mellor cifra goleadora conseguiuna na campaña 1986/87, na que marcou un total de 22 goles, sendo o terceiro máximo goleador da categoría de prata, só por detrás de Baltazar e Alzugaray. Con todo, foi na seguinte tempada, a 1987/88, na que anotou o seu gol máis célebre, co que entrou definitivamente na historia do deportivismo.[8] O equipo de Arsenio realizou unha mala campaña, ocupando postos de descenso en case tódalas xornadas da segunda volta. Chegou ao derradeiro partido na antepenúltima posición, a dous puntos da salvación, polo que debía gañar ao Racing de Santander e agardar por resultados favorables noutros encontros para evitar un descenso a Segunda División B que parecía feito. Os seus rivais directos estaban a perder os seus respectivos partidos, pero o Deportivo non conseguía desfacer o empate a cero goles en Riazor, ata que no minuto 92 un tanto de Vicente fixo cambiar a situación e consumou a salvación do club coruñés.[6][9][1]
A seguinte tempada foi a derradeira de Vicente no Deportivo, equipo que deixou no 10º posto da clasificación. Pechou a súa etapa na Coruña cun total de 325 partidos e 85 goles. No momento da súa marcha era o cuarto futbolista con máis partidos na historia do club e o seu cuarto máximo goleador histórico, ocupando na actualidade os postos 11º e 7º respectivamente en ditas clasificacións.[10]
Celta de Vigo
[editar | editar a fonte]Para a tempada 1989/90 fichou polo Celta de Vigo, buscando xogar na Primeira División despois de oito anos militando en Segunda.[6] Debutou na máxima categoría na segunda xornada, ante o Sevilla, e na súa primeira campaña en Vigo xogou un total de 18 partidos entre liga e Copa do Rei. Non conseguiu ningún tanto e o equipo acabou descendendo a Segunda División. Na seguinte tempada participou en 25 partidos e anotou 3 goles.
Lugo e Racing Vilalbés
[editar | editar a fonte]Na tempada 1991/92 vestiu a camiseta do Lugo na Segunda División B, disputando un total de 28 partidos nos que logrou 3 goles. Contribuíu á segunda praza do equipo adestrado por Xulio Díaz e marcou un gol na promoción,[11] que culminou co primeiro ascenso a Segunda da historia do club.
En 1992 regresou a Vilalba e ao Racing Vilalbés, no que xogou durante tres campañas na Terceira División, ata a súa retirada en 1995.
Selección nacional
[editar | editar a fonte]Foi internacional coa selección española sub-21 nunha ocasión, o 16 de febreiro de 1983, sendo o único xogador entre os seus compañeiros que militaba na Segunda División. Foi en Utrecht, nun partido de clasificación para a Eurocopa sub-21 de 1984 ante a selección dos Países Baixos, na que militaban futbolistas como Koeman, Rijkaard ou Van Basten.[12] Vicente formou na dianteira xunto a Amarilla e Urbano, e o seu equipo caeu goleado por 5-0.[13]
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Trala súa retirada do fútbol instalouse en Vigo e pasou a traballar como asesor de vendas de material médico.[14] Casou con Carmen Vidal, coa que tivo dous fillos: Borja e Adrián.[15]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 García Rey, Alberto. "La genésis del Superdépor". Revista Líbero (en castelán). Consultado o 15 de xaneiro de 2023.
- ↑ 2,0 2,1 "Vicente, seguro de triunfar". La Voz de Galicia (en castelán). 28 de xaneiro de 1981. p. 43.
- ↑ "Funcionó el marcador de Riazor". La Voz de Galicia (en castelán). 27 de xaneiro de 1981. p. 31.
- ↑ Miranda, Carlos (22 de febreiro de 2021). "Vilalba colma la añoranza". La Opinión A Coruña (en castelán). Consultado o 14 de xaneiro de 2023.
- ↑ "El Huelva "naufragó" en Riazor". La Voz de Galicia (en castelán). 15 de decembro de 1981. p. 31.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 Palleiro, Armando; Díaz, Miguel; Suárez, Luis (15 de abril de 2019). "Vicente Celeiro, mucho más que un gol mesiánico". DxT Campeón (en castelán). Consultado o 14 de xaneiro de 2023.
- ↑ Centeno, Alexandre (6 de outubro de 2012). "El Rayo que destrozó Riazor". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 14 de xaneiro de 2023.
- ↑ "#ANosaHistoria: 30 anos do gol que salvou ao Dépor". 22 de maio de 2018. Consultado o 14 de xaneiro de 2023.
- ↑ "El deportivismo celebra los 25 años del salvador gol de Vicente Celeiro". La Voz de Galicia (en castelán). 22 de maio de 2013. Consultado o 14 de xaneiro de 2023.
- ↑ "Listado de jugadores del Deportivo de La Coruña". BDFutbol (en castelán). Consultado o 14 de xaneiro de 2023.
- ↑ "Asalto al ascenso". La Voz de Galicia (en castelán). 31 de maio de 1992. p. 50.
- ↑ "Países Baixos - España 1983". BDFutbol (en castelán). Consultado o 14 de xaneiro de 2023.
- ↑ "Los «Sub-21» de Holanda batieron en toda la línea a España: 5-0". La Voz de Galicia (en castelán). 17 de decembro de 1983. p. 36.
- ↑ P. Vilar, Mónica (7 de novembro de 2019). "Vicente Celeiro, exfutbolista: «Non me gusta facerme maior»". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 14 de xaneiro de 2023.
- ↑ Portabales, Pablo (6 de novembro de 2019). "La nieta de Vicente Celeiro ¿celtista o deportivista?". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 14 de xaneiro de 2023.