Xermanismo
Xermanismo é o empréstimo lingüístico efectuado por unha lingua xermánica a calquera outra. Dado que a influencia da lingua inglesa constitúe por si mesma un caudal abundantísimo de empréstimos, resérvaselle o termo específico de anglicismo, e considéranse xermanismos os procedentes de calquera dos outros idiomas da familia, ben sexa o alemán nas súas diferentes modalidades e dialectos, ou outros como o flamengo e o holandés (que en si son variedades dialectais do baixo alemán) ou das linguas escandinavas (islandés, danés, sueco, noruegués). Estes empréstimos enténdese non só sincrónicamente, senón tamén diacronicamente e por máis que estean hoxe tan intimamente incorporados á lingua que constitúan parte do seu patrimonio histórico. Forman parte tamén, polo tanto, os empréstimos do suevo, gótico, fráncico etc.
Historia dos xermanismos
[editar | editar a fonte]Adstrato máis antigo
[editar | editar a fonte]O estadio de empréstimos xermanos máis antigos procede, fundamentalmente, de léxico que integrou o latín vulgar. Desde o século I d.C., os xermanos incorporáronse ao exército romano, e, posteriormente, asentáronse como agricultores, amén dos que con anterioridade foran introducidos no territorio imperial como escravos. No Baixo Imperio, os colonos xermanos eran xa numerosísimos, en especial nas rexións máis próximas ás fronteiras. A identificación dos empréstimos desta época faise difícil, cómpre buscar termos desa orixe entre a documentación da época, e, por outra banda, non necesariamente formaron parte do vocabulario de todas as rexións. Entre os admitidos que puideron chegar até o galego cómpre citar:
- escuma < skums, que convive con espuma < latín spuma ; esmagar < baixo latín exmagare < magan ; fresco < frisk ; gañar < *waidanjan ; gardar < wardôn ; guisa < wîsa ; guerra < werra, que substituíu a bellum ; rico < reiks e riqueza < *rîk-itia ; rocha < latín rocca < *rokko, que substituíus a colus ; roubar < raubôn; sopa < suppa ; teixo < thahsu e teixugo ; xabón / xabrón < latín sapone < saipo.[1]
Elementos suevos
[editar | editar a fonte]O reino suevo da Gallaecia e Lusitania foi cronoloxicamente o máis antigo dos fundados polos xermanos sobre as ruínas imperiais. Algo máis tardaron os visigodos, pois non instalaron a súa corte na Península Ibérica, en Toledo, até a súa derrota en Vouillé no ano 507. En 585 someteron o reino suevo. As cifras das poboacións que entraran son baixas, sobre 30.000 e 200-300.000 respectivamente, envoltos nunha masa de hispano-romanos que se calcula en 4 millóns. A súa influencia tense reducido a empréstimos vocabulares.
Vicente García de Diego compuxo unha primeira lista de posíbeis cesións suevas, que logo completou Wilhelm Reinhardt:
- britar "romper" < *briutan ; feltro < filt ; gabar "loar" ; laverca "andoriña" < *lawerko ; lisca "pedazo" ; lobio "parra baixa" < laubjo ; pouta "pata" < pauta ; trigar "empurrar" < trihan ; drola / grola "embuste".
Bastantes das palabras que suxeriran ambos están cuestionadas, porque existen tamén noutras zonas peninsulares, polo que puideron ser empréstimos góticos xerais[2]. É o caso de áscoa "brasa", drola "mentira" ou trincar "beber". Broa "pan" antes relacionado co alemán Brot, explícase agora como pertencente ao substrato indoeuropeo[3]. Noutros casos non deixaron derivados comúns, senón toponímicos, é o caso de bouro, bouryo proposto por De Diego, que vemos en Boiro, en Galicia, ou Bouro en Portugal. A conclusión á que se chega é de que practicamente o legado suevo foi nulo[4].
O problema do adstrato suevo
[editar | editar a fonte]A negatividade ao respecto do legado suevo - de xeito que practicamente é moi escasa a herdanza antiga xermánica que fica no complexo galego-portugués -, abre a cuestión de se entón foron totalmente asimilados polos visigodos ou ben houbo unha colonización goda, xa previa incluso á conquista do reino. Ao que compre contestar que nada na documentación indica algo.[5] As interrogantes acrecéntanse ao saber que practicamente toda a onomástica, que se coñece da época, e no que corresponde á Alta Idade Media, era gótica, e subsecuentemente a toponimia de posesores. Porén non hai dúbida de que o noroeste peninsular parece ser a rexión hispánica máis xermanizada se se toma en conta, polo menos, a súa densidade toponímica de orixe gótica.
Empréstimos góticos
[editar | editar a fonte]Os elementos góticos son algo máis numerosos, pero, dentro do corpus léxical, limitados. Ernst Gamillscheg reducía os empréstimos, puramente góticos, do español a só 27 palabras. Compre citar entre os que conserva o galego:
- bramar < *bramôn ; caste < *kasts ; helmo "casco de guerreiro" < helm ; estaca < ^staka ; espeto < *spitu ; fato < *fat ; gabián < *gabila ; gando < baixo latín ganatu < *ganan látego < *laittug ; luva < lôfa "palma da man" ; rapar < *hrapôn ; roupa < *raupa ; sacar < sakan ; saión < baixo latín sagione < *sagjis ; tapa < *tappa etc.
Empréstimos por intermediarios
[editar | editar a fonte]O grupo máis abundante de xermanismos penetrou no galego durante a Idade Media, a través doutras linguas, especialmente do francés, no cal a influencia do franco ou fráncico fora bastante forte. Temos:
- branco < francés blanc < xermano blank[6] ; cambra "espasmo muscular" < francés crampe < xermano *Kramp ; canivete < catalán ant. ou gascón canivet < franco knif ; chata e tacha < francés tache < taikn ; esquife < italiano esquife < longobardo skif ; faldra < catalán ou occitano < *falda "pregue" ; frecha < francés flèche < franco *fleuka ; gandir / galdir < occitano ant. gandir < gótico wandjan ; orgullo < catalán orgull < franco *urgoli[7] ; toalla < provenzal toalha < franco thwahlja ; tope < francés top < franco top ; tropa < francés troupe < franco *throp ; xardín < francés jardin < franco *gard.
A acción intermediaria na época medieval trouxo empréstimos de novas linguas xermanas, como o holandés ou as escandinavas, así:
- guindar < francés guinder < escandinavo vinda "izar", que acabou mudando semanticamente en galego ; trinquete < ant. triquete < francés ant. triquet < holandés striker.
Época moderna e contemporánea
[editar | editar a fonte]Os empréstimos posteriores, das épocas moderna e contemporánea, pasaron, case sempre, ao galego por intermediación doutra lingua, na maioría dos casos o castelán, mais non necesariamente, e a este chegaron, en boa medida, por medio dalgunha outra lingua interposta:
- acordeón < francés accordéon < alemán Akkordion ; arcabuz < francés arquebuse < holandés medio hakebus ; babor < francés babord < holandés bakboord ; balcón < italiano balcone < longobardo balko ; banquisa < francés banquise < alemán Eisbank ; billarda < francés billard < bille < ant. alemán *bikkil ; bloque < francés bloc < holandés medieval bloc ; buque < catalán buc < franco bûk "ventre" ; bunquer "fortificación" < alemán Bunker ; escaparate < holandés schaprade ; esquí < francés ski < noruegués ski ; estribor < francés antigo estribord < holandés stierboord ; etapa < francés étape < holandés anticuado stapel ;L garlopa < occitano garlopo < francés dialectal warlope < flamengo voorlooper x weerlucht; gravar "labrar en relevo" < francés graver < fanco *graban ; hulla < francés houille < valón < franco *hukila ; izar < francés hisser < holandés hisjen ou baixo alemán hissen[8] ; lote < francés lot < franco *lôt ; obús < francés obus < alemán haubitce ; palco < italiano palco < longobardo balko ; quilla < francés quille < escandinavo antigo kilir ; varenga < francés varangue < escandinavo ant. vrang.
Son moi poucos os vocábulos que se usan na súa forma escrita orixinaria. Así do alemán: Kaiser "emperador", Kirsch "un licor de cereixas", leit motiv "tema musical", Weltanschauung "concepción mental do mundo" e poucas máis.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Grandgent, C.H., Introduzione allo studio del latino volgare, páxs. 184-186; Ferreiro, Manuel, Gramática histórica galega, II, páx. 20; Lapesa, Rafael, Historia de la lengua española, páxs. 27-28
- ↑ Baldinger, Kurt, La formación de los dominios lingüísticos en la Península Ibérica, páx. 288
- ↑ Corominas, J., Breve diccionario etimológico de la lengua española, s.v. borona
- ↑ Mariño Paz, Ramón, op. cit., 61-62.
- ↑ Ramón Mariño Paz, ibídem, 62, sinala con brevidade o feito, e cita a J. M. Piel expresamente acerca da primeira suxestión, á par que expresa a falla de noticias
- ↑ Lapesa, Rafael, op. cit., paxs. 114-115
- ↑ Mariño Paz, Ramón, Historia da lingua galega, páx. 63, coida que a voz chegou do catalán por intermedio do castelán
- ↑ Cfr. Ferreiro, Manuel, op. cit., páx. 319, mentres Corominas, s.v., hizar, indica unha idea diferente
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Baldinger, Kurt, La formación de los dominios lingüísticos en la Península Ibérica. Madrid. Gredos. 1972
- Corominas, Joan, Breve diccionario etimológico de la lengua española. Madrid. Gredos - 84 249 1332 9
- Ferreiro Fernández, Manuel, Gramática histórica galega. II. Lexicoloxía. Santiago de Compostela. Laiovento. 1997 - 84 89896 07 0
- Grandgent, G.H, Introduzione allo studio del latino volgare. Modena. Cisalpino-Goliardica. 1986 < 1914 - ISBN 88 205 0032 9
- Lapesa, Rafael, Historia de la lengua española. Madrid. Gredos. 1988, 9ª ed., 6ª reimp - 84 249 0072 3
- Mariño Paz, Ramón, Historia da lingua galega. Santiago de Compostela, Sotelo Blanco. 1999, 2ª ed - ISBN 84 7824 333 X
- Picoche, Jacqueline, Dictionnaire étimologique du français. París. Robert. 1983 - ISBN 2 85036 009 0