Saltar ao contido

Zenón de Elea

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaZenón de Elea

Editar o valor en Wikidata
Nome orixinal(grc) Ζήνων ὁ Ἐλεάτης Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacementoc. 490 a. C. Editar o valor en Wikidata
Velia (Grecia Antiga) Editar o valor en Wikidata
Mortec. 425 a. C. Editar o valor en Wikidata (64/65 anos)
Velia (Grecia Antiga) Editar o valor en Wikidata
Actividade
Campo de traballoFilosofía Editar o valor en Wikidata
Ocupaciónfilósofo, matemático, escritor Editar o valor en Wikidata
ProfesoresParménides de Elea Editar o valor en Wikidata
Influencias
Obra
Obras destacables

Descrito pola fontePequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron
Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron
Real'nyj slovar' klassicheskih drevnostej po Ljubkeru (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
BNE: XX1044074


Zenón de Elea[1] (aprox. 490-430 a.C.). Filósofo grego da Escola de Elea e discípulo de Parménides, hai incluso unha tradición que di que foi fillo deste último. Durante a súa vida gozou de gran respecto e fama entre os seus concidadáns, principalmente como mestre. Residente sempre en Elea, relata Platón que acudían xentes de moitos outros lugares para recibir as súas ensinanzas. Así mesmo, hai unha lenda, transmitida por Dióxenes Laercio, na que se conta como Zenón sacrificou a súa vida para intentar liberar a cidade do poder opresivo dun tirano. Descuberto como integrante dunha conxura para derrocar ó tirano foi sometido a severas torturas para que revelase o nome dos outros conspiradores. Segundo a lenda, resistiu valorosamente, e despois de nomear ó propio tirano como o principal inimigo do Estado mordeuse a lingua arrincándoa e cuspíndoa á cara do tirano. Despois disto o tirano mandou esmagar o seu corpo.

Pensamento

[editar | editar a fonte]

En opinión de Aristóteles foi o creador da dialéctica. De acordo cunha descrición que fai Platón no diálogo Parménides, Zenón serviuse da dialéctica como un instrumento para refutar a todos aqueles que se burlaban do seu mestre por negar o movemento e a pluralidade. Trátase, polo tanto, dunha dialéctica negativa, que ve na contradición un límite para o pensamento: se a partir dunha afirmación calquera podemos argumentar que de aí se deriva un absurdo, entón deberemos concluír coa negación da afirmación de partida. En lóxica isto denomínase demostración por redución ó absurdo.

Como acabamos de ver, as afirmacións que Zenón se propuña negar son dúas: a realidade do movemento e a pluralidade. É dicir, nega as certezas sensibles e de sentido común coas que vivimos todos os seres humanos.

En contra do movemento construíu catro argumentos. Segundo a testemuña de Aristóteles, o primeiro consiste en que “o movemento é falso porque o movido tería que chegar primeiro á metade de camiño, antes de poder chegar á meta”. Este razoamento presupón, primeiro, que o movemento consiste en trasladarse dun lugar a outro no espazo e, segundo, a infinita divisibilidade do espazo. Así, para percorrer un traxecto desde un punto A a un punto B, antes hai que pasar por un punto intermedio C. Pero, para chegar a C, antes hai que pasar tamén polo punto D intermedio entre A e C. E así sucesivamente sen fin. É dicir, para ir dun sitio a outro hai que pasar por unha serie infinita de puntos. Pero isto resulta absurdo, xa que así nunca sería posible chegar a ningún sitio. Polo tanto, o movemento non pode ter verdade racional.

A_______D________C________________B
       ... ∞

O segundo e o terceiro argumentos en contra do movemento, os máis célebres, son o de “Aquiles, o dos pés lixeiros” e o da “frecha voadora”. Con relación a estes argumentos comenta Sexto Empírico, con certa ironía, como Dióxenes de Sinope (o cínico) os refutaba todas as mañás: mesmo despois de levantarse, sen dicir palabra, poñíase a pasear de arriba a abaixo na súa estancia, probando así cos feitos o incrible que resultaban os argumentos de Zenón.

Respecto da pluralidade, servíase tamén de paradoxos similares para mostrar o absurdo da mesma. Consideraba que de haber unha multiplicidade de cousas, estas serían finitas e infinitas en número. Mais, como isto resulta contraditorio extraía a conclusión de que a pluralidade non existe.

En conclusión, Zenón servíase da dialéctica para asentar racionalmente o punto de vista monista e inmobilista de Parménides.

  1. "Zenón de Elea". Diciopedia do século 21 3. Edicións do Cumio, Galaxia e do Castro. 2006. p. 2256. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Paradoxos de Zenón