Partido Comunista
Para os distintos partidos comunistas véxase Partido Comunista (homónimos)
Un partido Comunista é aquel partido político que defende a aplicación dos principios económicos e sociais do comunismo a través da política estatal. A orixe do nome ven do Manifesto Comunista, publicado en 1848 por Karl Marx e Friedrich Engels.[1]
Segundo a teoría Leninista, o partido Comunista é o partido de vangarda da clase obreira (proletariado), goberne ou non, pero cando un partido se atopa no poder nun estado determinado, o partido ten que ser a máxima autoridade da ditadura do proletariado. As teorías de Vladimir Lenin sobre o papel que debe ter un partido Comunista desenvolvéronse a comezos do século XX en Rusia. Os socialdemócratas dividíronse nas faccións bolxeviques (que significa "maioría") e menxeviques (que significa "minoría"). Lenin, líder dos bolxeviques, sostiña que un partido revolucionario debería ser un pequeno partido de vangarda cun mando político centralizado e unha estrita política sobre os seus membros; porén, a facción menxevique, argumentaba que o partido debería ter unha base cunha gran cantidade de membros. O partido bolxevique, que co tempo se converteu no Partido Comunista da Unión Soviética, chegou ao poder en Rusia trala revolución de Outubro en 1917. Coa creación da Internacional Comunista, o concepto leninista de partido estendeuse por todo o mundo a outros partidos comunistas emerxentes.
O partido Comunista Chinés é o partido político máis grande do mundo,[2] posuíndo case 78 millóns de membros[3] ao final do 2009,o que constitúe preto do 5.6% do total da poboación da China.
Os partidos Comunistas están prohibidos en varios países: Estonia, Letonia, Lituania, Indonesia, Romanía, Corea do Sur e Turquía.[4][5]
Organizacións de masas
[editar | editar a fonte]Como a militancia do partido Comunista debería limitarse aos membros máis activos segundo a teoría de Lenin, había unha necesidade dun sistema de organizacións independentes para mobilizar apoios masivos para o partido. Polo xeral, os partidos comunistas acumularon varias organizacións auxiliares cuxos membros a miúdo non eran comunistas. En moitos países as organizacións auxiliares máis importantes dos partidos comunistas foron as súas xuventudes. Mentres durou a Internacional Comunista, as ligas xuvenís eran explicitamente comunistas, utilizando o nome de 'Liga de mozos Comunistas'. Posteriormente o concepto de liga xuvenil estendeuse a moitos países, e adoptáronse nomes como 'Liga Democrática xuvenil'.
Algúns sindicatos, estudantes, mulleres, campesiños e organizacións culturais relacionáronse cos partidos Comunistas. Tradicionalmente, estas organizacións estaban moitas veces politicamente subordinadas ao liderado do partido. Porén, en moitos organizacións deste tipo creadas polos partidos comunistas adquiriron certo grao de independencia. Nalgúns casos, as organizacións sobreviviron aos partidos en cuestión.
A nivel internacional, a Comintern traballou con varias organizacións (frontes destinadas a relacionar a organizacións nacionais dun país coas dos demais), como a Internacional Xuvenil Comunista, a Profintern, o Krestintern, o Socorro Vermello Internacional, o Sportintern etc. Estas organizacións disolvéronse cando se clausurou a Internacional Comunista. Despois da segunda guerra mundial creáronse novos organismos de coordinación internacional, como por exemplo, a Federación Mundial da Xuventude Democrática, a Unión Internacional de Estudantes, a Federación Sindical Mundial, a Federación Democrática Internacional de Mulleres ou o Consello Mundial da Paz.
Historicamente, nos países onde os países comunistas loitaban por alcanzar o poder estatal, promulgouse a formación de alianzas durante a guerra de alianzas e grupos con partidos non comunistas (como a Fronte Nacional de Liberación de Albania). Co fin da guerra, o poder do Estado non quedaba polo xeral en todos os partidos que formaban a fronte, senón pasaba normalmente ás organizacións ou partidos comunistas, mentres que o resto de partidos que formaban a fronte quedaban cun tan cunha representación simbólica no goberno, os exemplos máis coñecidos son o da Fronte Nacional de Alemaña do Leste (como exemplo histórico) e a Fronte Unida da República Popular da China (como un exemplo actual). Noutras ocasións formáronse frontes sen a participación de partidos non comunistas, como a Alianza Socialista dos Traballadores de Iugoslavia e a Fronte Nacional de Afganistán, aínda que o obxectivo era o mesmo: promover liña do partido Comunista de busca da participación cidadá e a súa mobilización para realizar diversos cometidos sen darlle o poder ás frontes.
Nome
[editar | editar a fonte]Na Internacional Comunista adoptouse un sistema de nomenclatura para os partidos Comunistas. Todos os partidos están obrigados a utilizar o termo 'Partido Comunista de (nome do país). Hoxe en día, hai moitas antigas seccións da Comintern aínda conservan este nome. Noutros caso estes cambiáronse. As causas máis habituais para este cambio era tentar evitar a represión que sufrían estes movementos por parte do estado[6] ou buscar unha maior aceptación política.
Un exemplo típico desta última é o cambio de nome de varios partidos comunistas na Europa do Leste trala segunda guerra mundial, esta busca de aceptación tamén se viu na fusión dos partidos socialdemócratas.[7] Os novos nomes utilizados na posguerra eran 'Partido Socialista', 'Partido Socialista Unificado', 'Partido Popular', 'Partido dos Traballadores' e 'Partido do Traballo'.
Os convenios sobre o nome a utilizar polos partidos comunistas diversificouse, ao igual que o propio movemento comunista, que se fragmentou debido á ruptura Sino-Soviética na década de 1960. Aqueles partidos que apoiaban a China e/ou Albania nas súas críticas ao goberno soviético, normalmente engadían palabras como 'Revolucionario' ou 'Marxista-Leninista' ao seu nome para distinguirse dos partidos prosoviéticos.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Comunismo". Online Etymology Dictionary. Consultado o 25 de marzo de 2013.
- ↑ "O Partido Comunista da China". Arquivado dende o orixinal o 11 de maio de 2010. Consultado o 25 de marzo de 2013.
- ↑ O Partido Comunista Chino ten case 78 millóns de membros
- ↑ "Proletariërs aller landen, verenigt u!". Arquivado dende o orixinal o 05 de novembro de 2020. Consultado o 25 de marzo de 2013.
- ↑ "Twintig jaar na de val van de Muur (4) :: Letse kandidaat-president voor Europese Unie heeft vuile handen". Arquivado dende o orixinal o 10 de novembro de 2013. Consultado o 25 de marzo de 2013.
- ↑ Un exemplo deste cambio de nome é o Partido Suízo do Traballo, que se fundou en 1944 para substituír ao ilegalizado Partido Comunista de Suíza.
- ↑ Esta tipo de fusións déronse en Alemaña do Leste (Partido Socialista Unificado de Alemaña), Hungría (Partido dos Traballadores Húngaros), Polonia (Partido Obreiro Unificado Polaco) e Romanía (Partido dos Traballadores Romaneses).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Partido Comunista |