Hemicelulosa
A hemicelulosa é un dos polisacáridos da matriz que acompañan á celulosa na parede celular de todas as plantas terrestres e na madeira. A celulosa é cristalina, forte e resistente á hidrólise, pero a hemicelulosa ten unha estrutura aleatoria, amorfa e pouco forte. Hidrolízase doadamente con ácido diluído ou bases e con multitude de encimas hemicelulases. É moi hidratable.
As hemicelulosas son parte da fibra alimentaria e de fibras naturais e teñen moitas aplicacións nas industrias do papel e téxtil.[1]
O termo hemicelulosa foi utilizado por primeira vez por E. Schulze en 1891 para referirse aos compoñentes da célula vexetal solubles en alcali diluído ou en ácidos quentes diluídos con formación de azucres.[2]
Composición
[editar | editar a fonte]As hemicelulosas (número CAS 8024-50-8) son unha mestura de polímeros de pentosas, hexosas e ácidos urónicos [3]. Entre as hemicelulosas están o xilano, glucuronoxilano, arabinoxilano, glucomanano, e xiloglucano.
Estes polisacáridos conteñen moi diferentes monómeros, o que contrasta co único monómero da celulosa, a glicosa. Por exemplo, ademais de glicosa, os monómeros da hemicelulosa poden ser os seguintes monosacáridos de 5 e 6 carbonos: xilosa, manosa, galactosa, ramnosa, e arabinosa. As hemicelulosas conteñen a maior parte das D-pentosas, e ocasionalmente tamén pequenas cantidades de azucres L. A xilosa é sempre o azucre presente en maior proporción, pero o ácido manurónico e o ácido galacturónico tamén son frecuentes.
Os enlaces son xeralmente β(1-4), pero nos glucanos (característicos de Poales) son β(1-3, 1-4) [4].
Estrutura
[editar | editar a fonte]As hemicelulosas están incrustadas na parede celular das plantas entre as fibras de celulosa, ás veces en cadeas que forman unha matriz, onde se unen coa pectina e a celulosa para formar unha rede de fibras unidas por enlaces cruzados.
A diferenza da celulosa, a hemicelulosa consta de cadeas curtas de azucres, de 500 a 3000 unidades, o que é moito menos cós 7000–15000 residuos de glicosa das cadeas da celulosa. Ademais, a hemicelulosa é un polímero ramificado, entanto que a celulosa non está ramificada.
Biosíntese
[editar | editar a fonte]As hemicelulosas sintetízanse a partir de azucres nucleótidos no aparato de Golgi por obra de glicano sintases e glicosiltransferases [4]. Despois da síntese, as hemicelulosas son transportadas á membrana plasmática por medio de vesículas de Golgi.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Olawole O. Obembe, E. Jacobsen, Richard G.F. Visser, and Jean-Paul Vincken Cellulose-hemicellulose networks as target for in planta modification of the properties of natural fibres Biotechnology and Molecular Biology Review Vol. 1 (3), pp. 76-86, September 2006 [1]
- ↑ Access Science Hemicellulose
- ↑ Encyclopaedia Britannica Hemicellolose
- ↑ 4,0 4,1 Henrik Vibe Scheller and Peter Ulvskov. Hemicelluloses. Annual Review of Plant Biology. Vol. 61: 263-289 (Volume publication date June 2010). DOI: 10.1146/annurev-arplant-042809-112315 [2] Arquivado 10 de maio de 2016 en Wayback Machine.