Saltar ao contido

Amicacina

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Amicacina.
Nome IUPAC = (2S)-4-amino-N-[(2S,3S,4R,5S)-5-amino-2-
[(2S,3R,4S,5S,6R)-4-amino-3,5-dihidroxi-
6-(hidroximetil)oxan-2-il]oxi-4-[(2R,3R,
4S,5R,6R)-6-(aminometil)-3,4,5-trihidroxi-
oxan-2-il]oxi-3-hidroxi-ciclohexil]-2-hidroxi-
butanamida.

A amicacina ou amikacina é un antibiótico do grupo dos aminoglicósidos utilizado no tratamento de diversas infeccións bacterianas [1][2]. A amicacina funciona uníndose á subunidade de 30 S do ribosoma bacteriano, interferindo coa síntese de proteínas causando erros de lectura do ARNm.

Quimicamente é un derivado semisintético da kanamicina [3] Foi preparada por Hiroshi Kawaguchi e os seus colaboradores no Xapón no ano 1972 [4][5].

Administración

[editar | editar a fonte]

A amicacina pode administrarse unha ou dúas veces ao día por vía intravenosa ou intramuscular, xa que non se absorbe oralmente. Nas persoas con insuficiencia renal, a dosificación debe axustarse de acordo coa eliminación de creatinina (que mide o grao de filtración glomerular renal ou GFR [6]), xeralmente reducindo a frecuencia das doses.

A amicacina úsase principalmente para tratar casos graves de infeccións hospitalarias por bacterias gramnegativas multirresistentes [3], como Pseudomonas aeruginosa, Acinetobacter, e Enterobacter. Tamén se inclúen no seu espectro a Serratia marcescens e a Providencia stuartii. A amicacina pode tamén utilizarse para tratar infeccións por micobacterias, como as da tuberculose cando os tratamentos de primeira liña non funcionan [7].

A amicacina pode combinarse con antibióticos beta-lactámicos para realizar unha terapia inicial previa ao diagnóstico definitivo en persoas con neutropenia e febre.

Resistencia

[editar | editar a fonte]

A amicacina é moi difícil de inactivar polos sistemas bacterianos, polo que é difícil que aparezan resistencias. A amicacina é inmune ao ataque da maioría dos encimas inactivadores bacterianos; esta protección realízaa o residuo L-hidroxiaminobuteroíl amida (L-HABA) unido ao nitróxeno en posición 3, que inhibe a acetilación, fosforilación e adenilación no anel do azucre situado a maior distancia (C-2,C-3,C-4). Para previr o desenvolvemento de resistencias bacterianas a este antibiótico extremadamente poderoso, o seu uso está estritamente regulado.

Efectos secundarios

[editar | editar a fonte]

Os efectos secundarios da amicancina son similares aos dos outros aminoglicósidos. Os efectos máis importantes son a ototoxicidade e a nefrotoxicidade. Tamén ten neurotoxicidade. Pode atravesar a placenta.[3]. Os niveis sanguíneos deste antibiótico e os marcadores da función renal (creatinina) poden ser monitorizados durante o tratamento. Ademais, as doses axústanse especificamente baseándose na eliminación renal de creatinina sérica [8] en contornos clínicos.

  1. Edson RS, Terrell CL. The aminoglycosides. Mayo Clin Proc. 1999 May;74(5):519-28. Review. PMID 10319086
  2. Thomson PLM (2008). José Antonio Solís Sánchez, ed. "Amikacina". Vademécum de genéricos intercambiables. México, D. F. Consultado o 15 de octubre de 2011. 
  3. 3,0 3,1 3,2 Drugs.com Amikacin
  4. H. Kawaguchi et al (1972) Journal of Antibiotics, 25, 695
  5. The History of Antibioticis. The Japanese story. J. Kumazawa, M. Yagizawa. [1] Arquivado 25 de setembro de 2019 en Wayback Machine.
  6. GFR Calculator at cato.at - Cockcroft-Gault Arquivado 05 de setembro de 2004 en Wayback Machine. - GFR calculation (Cockcroft-Gault formula)
  7. Amikacin in der WHO Essential Medicines Library, eingesehen am 21. Dezember 2009.
  8. Gault MH, Longerich LL, Harnett JD, Wesolowski C (1992). "Predicting glomerular function from adjusted serum creatinine". Nephron 62 (3): 249–56. PMID 1436333. doi:10.1159/000187054. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]