Ian Stewart, Barón Stewartby
- Para outras persoas tamén chamadas Ian Stewart, véxase a páxina de homónimos Ian Stewart
Bernard Harold Ian Halley Stewart, Baron Stewartby, coñecido tamén como Lord Stewartby, nado o 10 de agosto de 1935 e finado o 3 de marzo de 2018, foi un político membro do Partido Conservador e un numismático británico. Foi membro do Parlamento desde 1974 a 1992, e da Cámara dos Lords entre 1992 e 2015.[1][2][3][4]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos
[editar | editar a fonte]Stewart era fillo do profesor Harold Charles Stewart FRSE e de Dorothy Irene Lowen, e tomou o seu primeiro nome do seu avó, Bernard Halley Stewart. [1]
Cursou o ensino secundario no Haileybury College e posteriormente graduouse no Jesus College, da Universidade de Cambridge, onde se graduou en estudos clásicos e despois fixo un mestrado de artes. En 1994 acadou o recoñecemento como membro honorario dese colexio universitario.[1][5]
Carreira política
[editar | editar a fonte]Stewart foi membro do Parlamento polo distrito electoral de Hitchin desde febreiro de 1974 ata 1983, e polo de North Hertfordshire desde 1983 ata que abandonou esta cámara en 1992. Nese período exerceu os cargos como viceministro de Defensa, secretario económico do Tesouro e Ministro das Forzas Armadas.[1]
Logo de abandonar a Cámara dos Comúns, ingresou na Cámara dos Lords, tomando o título de Barón Stewartby, de Portmoak, no distrito de Perth e Kinross, o día 20 de xullo de 1992.[6] Permaneceu na Cámara dos Lords ata o seu retiro o 12 de novembro de 2015.[1][7]
Relevancia na numismática
[editar | editar a fonte]O interese de Stewartby na moeda escocesa comezou xa na súa etapa escolar. Comezou a confeccionar unha colección de moeda escocesa mais, consciente da ausencia dunha obra completa de referencia acerca deste tema (exceptuando a xa desfasada Coinage of Scotland, publicada por Edward Burns en 1887), decidiuse a elaborala el mesmo. O resultado foi The Scottish Coinage, publicada pola editora Spink and Son en 1955.[2]
Ese interese pola numismática foi o que levou a Academia Británica a elixilo como un dos seus membros en 1981, recoñecendo as súas contribucións á numismática británica. As súas áreas de interese, ademais da moeda escocesa, foron a moeda anglosaxoa e as emisións baixomedievais inglesas. As súas publicacións acerca destes temas convertéronse de camiño en obras de referencia, aínda que Stewar non chegou a ocupar, ao longo da súa carreira, ningún posto académico.[2]
En xullo de 2007, Stewartby sufriu o roubo da súa colección de moedas escocesas, con exemplares que databan desde o século XII e que tiñan un valor estimado de 500.000 libras. Malia ofrecerse unha recompensa de 50.000 libras, as moedas non foron recuperadas.[2][8][9][10]
Vida familiar
[editar | editar a fonte]Casou con Debora Charlotte Buchan o 8 de outubro de 1966, e xuntos tiveron dúas fillas e un fillo.[1]
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]- 1956: Premio Parker Weber, da Royal Numismatic Society, de Londres.[11]
- 1970: Membro electo da Sociedade de Aunticuarios de Londres.[1][12]
- 1971: Medalla Sanford Saltus, da British Numismatic Society.[13]
- 1981: Membro electo da Academia Británica.[1][2]
- 1986: Membro electo da Real Sociedade de Edimburgo.[1][14]
- 1991: Nomeado Knight Bachelor pola Raíña Isabel II.[1][15]
- 1996: Medalla da Royal Numismatic Society.[16]
Publicacións
[editar | editar a fonte]- (1955): The Scottish Coinage. Spink and Son.
- (1983): Studies in Numismastic Method (con C. N. L. Brooke et al). Cambridge University Press. ISBN 9780521091336
- (1989): Coinage in Tenth-Century England (con C. E. Blunt et al.). Oxford University Press. ISBN 9780197260609
- (1992): A New History of the Royal Mint (con C. E. Challis et al.) Cambridge University Press. ISBN 9780521240260
- (2009): English Coins: 1180-1551. Spink & Son. ISBN 978-1902040912
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 "Bernard Harold Ian Halley Stewart, Baron Stewartby". The Peerage.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Bateson, D. (2019). "Ian Stewart". En Biographical Memoirs of Fellows of the British Academy. The British Academy. Páxinas 217-240.
- ↑ "Ian Stewart, Baron Stewartby (1935-2018)". En Coins Weekly. 14 de marzo de 2018.
- ↑ Steven, A. (2018). "Obituary - Lord Stewartby, pre-eminent expert on Scottish coins who donated his collection to the Hunterian". En The Herald. 8 de marzo.
- ↑ "Stewartby". Who's Who 2020.
- ↑ "Issue: 52998. Page: 12418". The Gazette. 23 de xullo de 1992.
- ↑ "Lord Stewartby. Parliamentary career". UK Parliament.
- ↑ "Rare coins worth £500,000 stolen". En BBC News. 9 de xullo de 2007.
- ↑ "£50,000 reward in coin theft hunt". En BBC News. 3 de novembro de 2008.
- ↑ "New evidence in 'Lord Stewartby Collection case'". En Coins Weekly. 16 de febreiro de 2012.
- ↑ "The Parkes Weber Prize". The Royal Numismatic Society.
- ↑ "Ian Howard Stewart Arquivado 07 de xuño de 2020 en Wayback Machine.". Society of Antiquaires of London.
- ↑ "Sanford Saltus Gold Medal". British Numismatic Society.
- ↑ "The Rt Hon Lord Bernard Harold Ian Halley Stewartby RD FBA FRSE". Royal Society of Edinbourgh
- ↑ "Issue: 52563. Page: 2". The Gazette. 14 de xuño de 1991.
- ↑ "The Society’s Medal". Royal Numismatic Society.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Nados en 1935
- Finados en 2018
- Membros do Parlamento do Reino Unido
- Políticos conservadores
- Membros da Academia Británica
- Membros da Sociedade de Anticuarios de Londres
- Numismáticos do Reino Unido
- Galardoados coa medalla Sanford Saltus
- Galardoados co premio Parkes Weber
- Galardoados coa medalla da Royal Numismatic Society
- Alumnos da Universidade de Cambridge