Khamûl
Khamûl é un personaxe ficticio que pertence ao legendarium creado polo escritor británico J. R. R. Tolkien e que aparece na súa novela O Señor dos Aneis. É un dos nove Nazgûl, o segundo en poder despois do Rei Bruxo e tras el, o que percibía a presenza do Anel Único de forma maior. Malia iso, era o Nazgûl que máis detestaba a luz do Sol e o seu poder diminuía con ela.
Tamén era chamado "O Oriental" e "A Sombra do Leste", o que parece indicar que nun principio era un Señor dos Homes do Leste.
Historia
[editar | editar a fonte]Sauron nomeou a Khamûl lugartenente de Dol Guldur trala súa volta a Mordor, e foi alí, xunto con outros dous Nazgûl, que traballou para el como mensaxeiro.
No ano 3018 da Terceira Idade, Khamûl reuniuse co resto dos Nazgûl no Campo de Celebrant para iniciar a procura do Anel Único. Polos seus espías, Khamûl pescudara que Gollum escapara da prisión dos Elfos de Thranduil e que a aldea Hobbit dos Vales do Anduin, onde Gollum vivira anteriormente, estaba baleira. Polo tanto, a única información que tiñan eran os nomes "a Comarca" e "Bulseiro", que Gollum mencionou cando os servos de Sauron o torturaron para que lles revelase onde se atopaba o Anel.
Tras moitos días de procura, Khamûl logrou atopar a Comarca e dirixiuse a Hobbiton en busca de "Bulseiro". Khamûl falou con Hamfast Gamllí, o pai de Sam Gamllí, que lle informou de que Frodo Bulseiro se mudara a Gamoedo. Tras saquear a casa que serviu de tapadeira para que Frodo e Sam marchasen sen espertar rumores na Comarca, Khamûl perseguiu aos hobbits e alcanzounos na Embarcadoiro de Gamoburgo. Pero os hobbits xa cruzaran o río Baranduin, e Khamûl non puido seguilos, pois temía a auga.
Khamûl e outros catro Nazgûl atoparon novamente os hobbits en Amon Sûl, o Cumio do Vento, pero Aragorn escorrentounos. Máis tarde levaríao por diante a corrente do río Bruinen, que Elrond levantou para que os Nazgûl non alcanzasen a Glorfindel e a Frodo.
Non se sabe se participou nos acontecementos da Guerra do Anel, aínda que poida que acudise cos exércitos de Dol Guldur aos distintos ataques que realizaron. O que é seguro é que foi destruído xunto ao resto dos Nazgûl o 25 de marzo do 3019 da Terceira Idade, cando o Anel Único foi destruído e Sauron derrotado.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]A Galipedia ten un portal sobre: Terra Media |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- J. R. R. Tolkien (1998). O Señor dos Aneis. Edicións Minotauro. ISBN 978-84-450-7179-3.
- J. R. R. Tolkien (1988). Unfinished Tales of Númenor and Middle-earth. Edicións Minotauro. ISBN 84-450-7291-9.