Lexislación antitabaco en España
Desde que a mediados dos anos cincuenta do pasado século se publicaron os primeiros estudos que establecían unha relación directa entre o consumo de tabaco e o cancro de pulmón, o tabaquismo comezou a considerarse un problema de saúde pública que esixía unha regulación legal dos produtos do tabaco, entendendo como tales calquera produto destinado a ser fumado, inhalado, chupado ou mastigado constituído, aínda que sexa só en parte, por tabaco.
Co paso do tempo e trala confirmación daquelas sospeitas, as organizacións sanitarias internacionais, comezando pola OMS, elaboraron propostas e acordos que recomendaban ós estados membros a adopción de medidas de control e restrición, incluíndo medidas reguladoras dentro da lexislación de cada país. En España, o nacemento da lexislación contra o tabaco data de finais da década dos setenta.
Sexa por iniciativa propia ou por imposición de directivas europeas, foron promulgándose distintas normas que, pouco a pouco, foron regulando a publicidade e a etiquetaxe, a venda e a composición dos produtos do tabaco, así como restrinxindo os espazos onde se podía fumar. O fito máis transcendente foi a promulgación da lei 28/2005, de medidas sanitarias fronte ó tabaquismo, coñecida popularmente como lei antitabaco, que prohibiu fumar en tódolos centros de traballo e obrigou a establecer zonas libres de fume nos lugares de lecer (bares, cafeterías e establecementos de restauración) dunha superficie superior ós 100 m2. Posteriormente, en 2010, ditouse unha modificación –lei 42/2010- que estendeu a prohibición de fumar a tódolos lugares de lecer, independentemente do seu tamaño e a calquera outro local público pechado.
Estratexias da lexislación antitabaco
[editar | editar a fonte]O consumo de tabaco comeza como unha forma de socialización, xa na infancia, que busca imita-los comportamentos dos adultos, especialmente cando estes modelos se presentan como homes e mulleres de éxito, social e económico. Co tempo, a concepción do tabaco como un dos instrumentos de socialización fortalécese. De feito, o argumento dos colectivos opostos a normativas restritivas do tabaco, como a Federación Española de Hostalaría e Restauración, vai nese mesmo sentido, relacionando directamente a actividade social da concorrencia a bares, cafeterías e restaurantes co consumo de bebidas e comidas e, simultaneamente, co consumo de tabaco. As fábricas de tabaco incidiron sempre na súa publicidade nestes argumentos: fumar como símbolo de éxito e sedución.
"En las películas de la edad dorada de Hollywood, las mujeres más hermosas sostenían cigarrillos y expulsaban despacio el humo para ser más seductoras, y los hombres para ser más viriles ... Los cigarrillos eran símbolo de la emancipación femenina, igual que las faldas y las melenas cortas y los labios pintados de rojo"
En liñas xerais, as normas legais dirixidas contra o consumo do tabaco susténtase sobre dúas estratexias:
- Lexislación dirixida a regula-la produción, promoción e venda:
- Limitacións e restricións na publicidade dos produtos de tabaco, na liña de desnormaliza-lo consumo.
- Contrapublicidade mediante a inserción obrigatoria nos envases de tabaco e nos espazos onde se permite fumar de avisos de advertencia dos riscos contra a saúde derivados do consumo do tabaco.
- Redución do contido dos compoñentes adictivos (nicotina) e nocivos (alcatrán e monóxido de carbono) presentes no tabaco [2].
- Lexislación tributaria sobre os produtos do tabaco.
- Lexislación dirixida a cambia-los hábitos dos fumadores e evitar ou atrasa-la indución ó consumo de tabaco:
- Restricións na venda, tanto no número de puntos onde de permite a venda como na idade mínima para poder comprar tabaco.
- Restrición dos espazos onde se pode fumar, que actualmente exclúen calquera espazo pechado de uso público.
- Programas preventivos mediante campañas antitabaco (educación para a saúde).
- Programas e tratamentos para consegui-la deshabituación do tabaquismo.
O éxito de cada unha destas medidas, calculado sobre a súa incidencia na diminución da prevalencia do hábito de fumar, é moi variable, polo que adoitan aplicarse combinadas.
Precedentes
[editar | editar a fonte]Década dos 70
[editar | editar a fonte]A normativa tendente a combate-lo consumo de tabaco nace en España co Real Decreto 1100/1978 que regulaba a publicidade do tabaco na televisión española. Limitaba a publicidade do tabaco -e das bebidas alcohólicas- a horarios posteriores ás 21:30 horas, é dicir, fóra do horario infantil; nunca en programas dirixidos á audiencia infantil, de contido pedagóxico ou de carácter informativo promovidos pola Administración ou organismos públicos ou tutelados polo Estado. A publicidade non podería utilizar argumentos dirixidos a menores de idade nin conter alusións á eficacia social do consumo do tabaco; tampouco poderían intervir nos anuncios os menores de 18 anos [3].
Década dos 80
[editar | editar a fonte]En 1982 publicouse un real decreto -RD 709/1982- que establecía medidas encamiñadas a protexe-la saúde dos españois fronte ós riscos inherentes ó consumo de tabaco, advertindo ó consumidor dos mesmos e buscando fórmulas para reduci-lo tabaquismo. Estas primeiras medidas consistiron na obrigatoriedade de incluír na etiquetaxe dos paquetes de tabaco a lenda "A Dirección Xeral de Saúde Pública advirte que o uso do tabaco pode ser prexudicial para a súa saúde" [4]. Moi pronto (1983) esta fórmula condicional pasou a redactarse de forma máis directa: "A Dirección Xeral de Saúde Pública advirte que o uso do tabaco é prexudicial para a súa saúde".
A norma tamén prohibía a comercialización no mercado nacional de labores de tabaco con máis de 24 mg de alcatrán ou 1,8 mg de nicotina por cigarro. Modificacións posteriores foron reducindo estas cifras, e así, a partir de 1993 prohibiuse a comercialización de tabaco con niveis superiores a 15 e 1,3 mg, respectivamente. Canto ás modalidades chamadas baixas en nicotina, light ou similares, un real decreto de 1979 establecera niveis máximos de 16 e 1 mg, que en 1988 se reduciron a 13 e 0,9 e, en 1993, a 10 e 0,8 mg, respectivamente. Estas denominacións terminaron sendo prohibidas en 2003.
Canto ás limitacións no consumo, estableceu a prohibición absoluta de fumar nos medios de transporte colectivo, urbano ou interurbano, que admitiran viaxeiros sen ocupar asento; e, nos que non se admitan, a creación de zonas reservadas para fumadores que supoñan, canto menos, o 25% dos asentos. Nos transportes ferroviarios, estas zonas reservadas establecíanse por vagóns completos. Tamén se podían reservar zonas para fumadores nos establecementos públicos e grandes locais comerciais, así como nos centros escolares e sanitarios, sempre debidamente sinalizados.
A lei 34/1988, xeral de publicidade, prohibiu a publicidade de tabacos na televisión e en todos aqueles lugares nos que estivese prohibida a súa venda e consumo [5]. Deixou prevista para unha regulamentación posterior a forma, contido e condicións da publicidade do tabaco co obxectivo de protexe-la saúde e seguridade das persoas e a non indución directa ou indirecta ó consumo, con especial atención ós ámbitos educativos, sanitarios e deportivos.
Efectivamente, o Real Decreto 192/1988 declara o tabaco como substancia nociva para a saúde das persoas e a prevalencia do dereito á saúde dos non fumadores sobre os dereitos dos fumadores. En consecuencia, concreta as advertencias que han figurar nos paquetes de tabaco e aumenta a relación de espazos nos que se prohibe fumar. No tocante ó primeiro punto, a mensaxe de advertencia será algunha das seguintes:
- As autoridades sanitarias advirten que:
- Fumar prexudica seriamente a saúde.
- Fumar provoca cancro.
- Fumar provoca enfermidades cardiovasculares.
- Fumar no embarazo dana o futuro fillo.
No tocante ó segundo punto, mantén as prohibicións das normas anteriores [6] e engade que non se permitirá fumar en centros de atención social destinados a menores de dezaseis anos; centros, servizos ou establecementos sanitarios; centros docentes; zonas das oficinas das Administracións públicas destinadas á atención directa ó público; locais onde se elaboren, transformen, preparen ou vendan alimentos, excepto os destinados especificamente ó consumo dos mesmos [7]; salas de uso público xeral, lectura e exposición; locais comerciais pechados con frecuente congregación de persoas; salas de teatro, cine e outros espectáculos públicos e deportivos en locais pechados; e mais en ascensores e elevadores.
Aparece tamén neste Real Decreto a primeira prohibición de fumar nos lugares de traballo pero só naqueles onde se poida combina-la nocividade do tabaco co prexuízo ocasionado polos contaminantes industriais e naqueles espazos onde traballen mulleres embarazadas. Finalmente, prohibe a venda a menores de 16 anos de tabaco e de produtos que o imiten ou induzan ó habito de fumar, co que desapareceron do mercado os cigarros de chocolate e outras lambetadas que o imitaban.
Década dos 90
[editar | editar a fonte]No ano 1992[8] modifícase de novo o texto das advertencias que deberán mostra-los paquetes de tabaco de modo que, por unha cara se indique que "As autoridades sanitarias advirten que o tabaco prexudica seriamente a saúde"; e na outra cara a unha destas fórmulas:
- Fumar provoca cancro.
- Fumar provoca enfermidades cardiovasculares.
- Fumar durante o embarazo dana o futuro fillo.
- Protexa os meniños; non lles faga respira-lo fume do tabaco.
- Fumar provoca cancro, bronquite crónica e outras enfermidades pulmonares.
- Fumar prexudica os que o rodean.
O mesmo real decreto contempla, por primeira vez, a prohibición de fumar nos voos nacionais dunha duración programada inferior a 90 minutos.
No 1996, publicouse en Galicia a lei 2/1996, sobre drogas. Interesa mencionala aquí porque define as drogas como aquelas substancias que, administradas ó organismo, estimulan, inhiben ou perturban as funcións psíquicas, prexudican a saúde e son susceptibles de xerar dependencia, e cita entre elas, especificamente, o tabaco [9]. No referido xa concretamente ó tabaco, esta lei desenvolveuse mediante o Decreto 75/2001 sobre control sanitario da publicidade, venda e consumo do tabaco. A idade mínima para comprar tabaco elévase ós 18 anos e comezan a limitarse os puntos de venda, así como as zonas nas que se permite fumar.
Prohibe a venda de produtos de tabaco nos centros sanitarios, nos centros docentes destinados a menores de 18 anos, nos centros culturais, nas instalacións e centros deportivos e, en xeral, en tódolos lugares onde estea prohibido fumar. Prohíbese fumar en hospitais e centros sanitarios e nos centros docentes, se ben permite a creación de zonas para fumadores, que deberán estar sinalizadas; nos centros de traballo onde a combinación dos contaminantes industriais co fume do tabaco incrementen o risco da saúde, onde traballen mulleres embarazadas e nas áreas das administracións públicas destinadas á atención ó público; en tódolos medios de transporte público etc.
Década do 2000
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: lei antitabaco 28/2005.
En xuño de 2001, a Unión Europea dita a Directiva 2001/37/CE relativa á aproximación das disposicións legais dos Estados membros en materia de fabricación, presentación e venda dos produtos do tabaco. Esta Directiva entrou en vixencia o 30 de setembro de 2002 [10] e esixe que a partir desa data as mensaxes de advertencia sexan máis expresivos e directos. Nunha cara aparecerá unha das seguintes mensaxes:
- Fumar mata.
- Fumar pode matar.
- Fumar prexudica gravemente a súa saúde e a dos que están ó seu redor.
e na outra, unha das seguintes mensaxes:
- Fumar acurta a vida.
- Fumar obstrúe as arterias e provoca cardiopatías e accidentes cerebrovasculares.
- Fumar provoca cancro mortal de pulmón.
- Fumar durante o embarazo prexudica a saúde do seu fillo.
- Protexa os meniños: non lles faga respira-lo fume do tabaco.
- O seu médico ou o seu farmacéutico poden axudarlle a deixar de fumar.
- O tabaco é moi adictivo: non empece a fumar.
- Deixar de fumar reduce o risco de enfermidades mortais de corazón e pulmón.
- Fumar pode ser causa dunha morte lenta e dolorosa.
- Axuda para deixar de fumar: [número de teléfono/enderezo postal/enderezo Internet/Consulte ó seu médico ou farmacéutico].
- Fumar pode reduci-lo fluxo sanguíneo e provoca impotencia.
- Fumar provoca o avellentamento da pel.
- Fumar pode dana-lo esperma e reduce a fertilidade.
- O fume contén benceno, nitrosaminas, formaldehído e cianuro de hidróxeno.
-
Reino Unido
-
Alemaña
-
Chipre
Canto ós produtos de tabaco de uso oral ou sen combustión, a única advertencia esixida é a lenda "Este produto do tabaco pode ser nocivo para a súa saúde e crea adición".
Outra importante disposición contemplada nesta Directiva foi a prohibición de utilizar nos envases de tabaco calquera palabra, texto, marca ou imaxe que poidese da-la impresión de que algúns produtos de tabaco son menos nocivos que outros. Na práctica, isto prohibe o uso de expresións como light, ultra light, mind, baixo en nicotina ou similares, aínda que non impediu que a industria tabacaleira continuase utilizando para estas presentacións as cores branca ou azul coa que se identificaban ante o consumidor [11].
Esta Directiva foi transposta ó ordenamento xurídico español mediante o Real Decreto 1079/2002, que a recolle sen modificacións de consideración. Limita os contidos de nicotina a 1 mg por cigarro, alcatrán: 10 mg, e monóxido de carbono: 10 mg; e mantén os prazos citados para que desaparezan as denominacións light ou similares -ata o 30 de setembro de 2003- e de prórroga de comercialización -ata a mesma data de 2003 para os cigarros e ata o 30 de setembro de 2004 para outros produtos do tabaco-.
Quizais o punto de inflexión máis significativo nesta loita legal contra o tabaco foi a promulgación da lei 28/2005, que impuxo a prohibición absoluta de fumar nos lugares de traballo e obrigou a reservar un espazo libre de fumes nos establecementos de lecer que, como mínimo, tiña que supoñe-lo 70% da superficie do local.
Década do 2010
[editar | editar a fonte]En maio de 2010 aprobouse un novo real decreto -RD 639/2010- que regulaba, entre outros aspectos, a etiquetaxe e as mensaxes de advertencia. Nunha cara, e ocupando un mínimo do 30% da superficie da unidade de venda, obriga a incluír unha destas dúas advertencias xerais:
- Fumar mata.[12]
- Fumar prexudica gravemente a súa saúde e a dos que están ó seu redor.
Na outra cara, e ocupando un mínimo do 40% da superficie, unha das 14 imaxes que o Ministerio de Sanidade pon á disposición dos fabricantes (tomadas das 42 imaxes que aprobara a Unión Europea en 2005). Estas advertencias adicionais combinan texto con fotografías que mostran, como tal, un cadáver, un cancro de gorxa, un pulmón practicamente necrosado, unha caveira xunto a un rostro feminino, un feto, un cigarro curvado representando a impotencia, un grupo de espermatozoides etc.[13]
A maiores, nun lateral do paquete figurará a lenda "Prohibida a súa venda a menores de 18 anos".
Este real decreto concedeulle ós fabricantes un prazo dun ano para modifica-la etiquetaxe dos cigarros e de dous anos para outros produtos de tabaco, de modo que estas advertencias gráficas aparecerán no mercado en maio de 2011. Bélxica, Romanía e o Reino Unido xa aprobaron tamén esta forma de advertencia, así como outros 15 países de fóra da Unión Europea, como Canadá, Brasil e Australia [14].
Situacíón actual
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: lei antitabaco 42/2010.
A normativa básica que regula en España a venda, publicidade e o consumo de tabaco segue sendo basicamente a lei de 2005, pero a finais de 2010 aprobouse unha modificación que representou un cambio substancial: está modificación veu ditada pola lei 42/2010, en vixencia desde o 2 de xaneiro de 2011, no sentido de prohibir fumar en calquera local pechado de uso público, eliminando a posibilidade de habilitar espazos para fumadores nos bares e restaurantes.
Campañas e programas de deshabituación
[editar | editar a fonte]Un dos obxectivos da lexislación antitabaco en todo o mundo, e tamén da española, é o desenvolvemento de programas de deshabituación tabáquica, baseadas no principio de considera-lo tabaquismo como unha enfermidade adictiva e non un simple hábito. A maiores, distintos estudos poñen en evidencia que serían claramente rendibles desde unha perspectiva puramente económica, ante o aforro que representan para o Sistema Nacional de Saúde os costos directos das cinco enfermidades máis frecuentes relacionadas co consumo do tabaco: a EPOC (Enfermidade pulmonar obstrutiva crónica), a asma, o cancro de pulmón e as enfermidades coronarias e cardiovascular. A Sociedade Española de Pneumoloxía e Cirurxía Torácica (SEPAR), sobre datos da Axencia Tributaria, valora en 14.710 millóns de euros os gastos médicos totais atribuíbles ó tabaquismo, fronte a 9.266 millóns de ingresos por impostos sobre o tabaco [2]. Outros costos derivados do consumo do tabaco que se deben engadir ós anteriores son os 7.840 millóns de euros para as empresas españolas, por perda de produtividade, absentismo laboral e gastos de limpeza e mantemento das instalacións [3].
A lei 28/2005 xa establecera como obxectivo a promoción polas Administracións públicas de programas e accións de educación para a saúde e de prevención do tabaquismo (art. 11), así como o desenvolvemento de programas para a deshabituación tabáquica por parte da rede asistencial sanitaria, especialmente nas áreas de atención primaria, potenciando e promovendo a creación de unidades de deshabituación. O que se fixo neste sentido, campañas educativas e programas de asistencia, non satisfizo ós profesionais sanitarios. A modificación levada a cabo en 2010 tampouco concretou moito máis: engade ós obxectivos anteriores a potenciación ó acceso a tratamentos de deshabituación, e reserva ó Sistema Nacional de Saúde a valoración de incorporar estes tratamentos á súa carteira de servizos. Deste xeito, o financiamento público dos tratamentos para fumadores segue sendo unha reivindicación da SEPAR, que a considera prioritaria no caso dos afectados por enfermidades respiratorias e cardiovasculares e, máis adiante, para a poboación en xeral [4].
O Goberno, a través da ministra de Sanidade, Política Social e Igualdade, Leire Pajín, só se comprometeu a estuda-la posibilidade, como unha posibilidade de futuro, de que a Administración financiase as terapias precisas para as persoas que desexen deixar de fumar [15].
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ InfoTabac', número 11 (PDF)
- ↑ Hai moitos máis compoñentes nocivos no tabaco ou xerados durante a combustión do cigarro, pero os controis oficiais centráronse nestas tres substancias.
- ↑ Esta norma establecía outra medida de carácter recadador, consistente nun gravame do 100% sobre o importe do anuncio.
- ↑ A norma establecía que esta advertencia se expresase en castelán. Nas normas posteriores abriuse a porta a outras linguas mantendo que ó menos se indique en castelán.
- ↑ As mesmas limitacións aplicábanse ás bebidas cunha gradación alcohólica superior a 20 graos.
- ↑ O espazo reservado para fumadores no transporte público aumenta ata un mínimo do 50%, situado na parte posterior do vehículo.
- ↑ Evidentemente, mantén a prohibición de fumar ós manipuladores de alimentos, ditada xa en 1983.
- ↑ Real Decreto 510/1992, que se desenvolve en Galicia mediante o Decreto 113/1993.
- ↑ Ademais dos estupefacientes e psicotrópicos, as bebidas alcohólicas e os produtos de uso doméstico ou industrial, substancias volátiles e outras que sexan susceptibles de produci-los efectos propios das drogas.
- ↑ Aínda que concedía un prazo dun ano máis para comercializa-los produtos que non cumprisen os requisitos que establecía.
- ↑ "La industria desafía a Sanidad y mantiene el color que identifica el tabaco light", en La Voz de Galicia, 30.09.2003.
- ↑ Nótese que desaparece a opción anterior de que Fumar pode matar.
- ↑ Pódese ve-la galería de posibles imaxes no Real Decreto 639/2010.
- ↑ "Las cajetillas llevarán imágenes impactantes de los daños del tabaco", en La Voz de Galicia, 15.05.2010.
- ↑ Pajín se muestra partidaria de que el Estado pague los tratamientos para dejar el tabaco [1].
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Dirección Xeral de Saúde Pública: Programa galego de promoción da vida sen tabaco. Documentos Técnicos de Saúde Pública, serie A, nº 3, 1993.
- Muñoz Molina, Antonio: "Sólo humo", en Muy Interesante, nº 319, de decembro de 2007, 14.
- Pinilla, Jaime e Negrín, Miguel Ángel: Impacto económico da regulación do consumo de tabaco no ámbito da hostalería: efectos previsibles da ampliación da lei 28/2005 [5] (en castelán)
- Lexislación
- Real Decreto 1100/1978, de 12 de maio, polo que se regula a publicidade do tabaco e bebidas alcohólicas nos medios de difusión do Estado (BOE nº 127, de 29.05. 1978) [6].
- Real Decreto 1259/1979, de 4 de abril, sobre cualificación de baixa nicotina e alcatráns nos labores de cigarros de tabaco (BOE nº 130, de 31.05.1979) [7].
- Real Decreto 709/1982, de 5 de marzo, polo que se regula a publicidade e o consumo do tabaco (BOE nº 90, de 15.04.1982) [8].
- Modificado por Real Decreto 2072/1983, de 28 de xullo.
- * Resolución de 9 de setembro de 1982, da Subsecretaría de Ordenación Educativa, pola que se ditan instrucións en cumprimento do Real Decreto 709/1982, de 5 de marzo (BOE nº 230, de 25.09.19825) [9].
- Real Decreto 2072/1983, de 28 de xullo, polo que se modifica parcialmente o Real Decreto 709/1982, de 5 de marzo, polo que se regula a publicidade e consumo do tabaco (BOE nº 186, de 5.08.1983) [10].
- Lei 34/1988, de 11 de novembro, Xeral de Publicidade (BOE nº 274, de 15.11.1988) [11].
- Real Decreto 192/1988, de 4 de marzo, sobre limitacións na venda e uso do tabaco para protección da saúde da poboación (BOE nº 59, de 9.03.1988) [12].
- Modificado por Real Decreto 1293/1999, de 23 de xullo.
- Real Decreto 510/1992, de 14 de maio, polo que se regula a etiquetaxe dos produtos do tabaco e se establecen determinadas limitacións en aeronaves comerciais (BOE nº 133, de 3.06.1992) [13]
- Decreto 113/1993, do 12 de maio, polo que se establecen normas de protección da saúde da poboación na promoción, venda e consumo dos produtos do tabaco (DOG nº 110, de 11.06.1993).
- Real Decreto 1185/1994, de 3 de xuño, sobre etiquetaxe de produtos do tabaco distintos dos cigarros e polo que se prohibe determinados tabacos de uso oral e se actualiza o réxime sancionador en materia de tabaco (BOE nº 167 de 14.07.1994) [14].
- Lei 2/1996, de Galicia, sobre drogas (BOE nº 153, de 25.06.1996) [15].
- Lei 13/1998, de 4 de maio, de Ordenación do Mercado de Tabacos e Normativa Tributaria (BOE nº 107, de 5.05.1998) [16].
- Real Decreto 1199/1999, de 9 de xullo, polo que se desenvolve a Lei 13/1998, de 4 de maio, de Ordenación do mercado de tabacos e normativa tributaria, e regúlase o estatuto concesional da rede de expendedurías de tabaco e timbre (BOE nº 166, de 13.07.1999) [17].
- Real Decreto 1293/1999, de 23 de xullo, polo que se modifica o Real Decreto 192/1988, de 4 de marzo, sobre limitacións na venda e uso do tabaco para protección da saúde da poboación (BOE nº 188, de 7.08.1999 [18].
- Decreto 75/2001, de 22 de marzo, sobre control sanitario da publicidade, promoción, subministración, venda e consumo de produtos do tabaco (DOG nº 71, de 10.04.2001) [19].
- Directiva 2001/37/CE do Parlamento Europeo e do Consello, de 5 de xuño de 2001, relativa á aproximación das disposicións legais, regulamentarias e administrativas dos Estados membros en materia de fabricación, presentación e venda dos produtos do tabaco (DOCE nº 194, de 18.07.2001) [20].
- Real Decreto 1079/2002, de 18 de outubro, polo que se regulan os contidos máximos de nicotina, alcatrán e monóxido de carbono dos cigarros, a etiquetaxe dos produtos do tabaco, así como as medidas relativas a ingredientes e denominacións dos produtos do tabaco (BOE nº 251, de 19.10.2002) [21].
- Modificado por Real Decreto 639/2010, de 14 de maio.
- Directiva 2003/33/CE do Parlamento Europeo e do Consello, de 26 de maio de 2003, relativa á aproximación das disposicións legais, regulamentarias e administrativas dos Estados membros en materia de publicidade e de patrocinio dos produtos do tabaco (DOUE nº 152, de 20.06.2003) [22].
- Decisión da Comisión 2003/641/CE, de 5 de setembro de 2003, sobre o uso de fotografías en cor ou outras ilustracións como advertencias sanitarias nos envases de tabaco (DOUE nº L 226, de 10.09.2003) [23].
- Orde SCO/127/2004, de 22 de xaneiro, pola que se desenvolven os artigos 4 e 6 do Real Decreto 1079/2002, de 18 de outubro, polo que se regulan os contidos máximos de nicotina, alcatrán e monóxido de carbono dos cigarros, a etiquetaxe dos produtos de tabaco, así como as medidas relativas a ingredientes e denominacións dos produtos do tabaco (BOE nº 26, de 30.01.2004) [24].
- Lei 28/2005, de 26 de decembro, de medidas sanitarias fronte ó tabaquismo e reguladora da venda, a subministración, o consumo e a publicidade dos produtos do tabaco (BOE nº 309, de 27.12.2005) [25].
- Real Decreto 639/2010, de 14 de maio, polo que se modifica o Real Decreto 1079/2002, de 18 de outubro, polo que se regulan os contidos máximos de nicotina, alcatrán e monóxido de carbono dos cigarros, a etiquetaxe dos produtos do tabaco, así como as medidas relativas a ingredientes e denominacións dos produtos do tabaco (BOE nº 128, 26.05.2010) [26].
- Corrección de erros: BOE nº 135, de 3.06.2010.
- Ley 42/2010, de 30 de decembro, pola que se modifica a Lei 28/2005, de 26 de decembro, de medidas sanitarias fronte ó tabaquismo e reguladora da venda, a subministración, o consumo e a publicidade dos produtos do tabaco (BOE nº 318, de 31.12.2010) [27].
- Corrección de erros: BOE nº 10, de 12.01.2011.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Instrumento de Ratificación do Convenio Marco da OMS para o control do tabaco. Feito en Xenebra o 21 de maio de 2003 (BOE nº 35, de 10.02.2005)
- La hostelería, ante la modificación de la Ley antitabaco. Federación Española de Hostalaría e Restauración (consultado o 15.01.2011) (en castelán)
- Industria do tabaco e Hostelería (Francesc Abella Pons, 2010 (en castelán)
- Políticas de control do tabaquismo en Europa
- Guía de tratamiento del tabaquismo. SEPAR 2010 (en castelán)
- 50 mitos do tabaco (Rodrigo Córdoba e Encarna Samitier, Goberno de Aragón, 2009) (en castelán)
- Organizacións