Séculos Escuros
Séculos Escuros | |
Mapa do Reino de Galicia de c. 1603 | |
Historia | Historia de Galicia |
Cronoloxía | Cronoloxía de Galicia |
Categoría | Historia de Galicia |
Relacionados | |
Historia | Historia da lingua galega |
Artigos | Literatura galega dos Séculos Escuros |
Os Séculos Escuros son un período de decadencia da lingua e literatura galega que abrangue os séculos XVI, XVII e XVIII.[1][2][3][4][5][6][7][8][9][10] Caracterízase pola ausencia case total de literatura galega e polo estado de prostración e marxinación social da lingua galega a raíz da imposición do castelán. A lingua propia de Galicia entra nun período de decadencia e perde o seu uso nos rexistros oficiais, e dunha maneira paralela prodúcese unha enorme perda do poder político do Reino de Galicia. Porén, a existencia dalgúns documentos como o poema a Diego das Mariñas ou as perdidas Galegadas de Gregorio de Lobariñas Feixoo, escritas en galego entre os séculos XV e XVIII, desafían a percepción decadente e subliñan a resistencia cultural e lingüística en Galicia durante esta época.[11]
Decaemento político e lingüístico
[editar | editar a fonte]A perda de prestixio e usos cultos da lingua galega, durante os Séculos Escuros, tivo que ver principalmente co motivo de perda de poder político e administrativo do Reino de Galicia. As guerras sucesorias polo trono nos séculos XIV (Pedro I contra Henrique de Trastámara) e sobre todo no XV (Xoana a Beltranexa fronte á futura Isabel a Católica) fixeron que os reis de Castela e León (principalmente os Reis Católicos) restrinxisen o poder de institucións e clases sociais máis poderosas de Galicia (monolingües en galego durante practicamente toda a Idade Media):
- A nobreza galega é desprazada a Castela e substitúese por outra castelá, que non vai mudar a súa lingua pola do reino de Galicia.
- A Igrexa galega, a pesar de apoiar nos dous casos os reis gañadores, tamén foi substituída nos máis altos cargos por xente castelá-falante e pasa a depender das congregacións de Castela e Valladolid; neste caso tampouco van ter en conta a lingua maioritaria dos fregueses, á que van dar un trato de dialecto ou lingua menor.
- Ademais, hai que ter en conta que Galicia nunca contou cunha burguesía poderosa que puidese defender os intereses económicos e lingüísticos do país, como si ocorría noutras comunidades como a catalá.
- As pragas de peste e fame minguaron a poboación durante os séculos XVI e XVII, facendo que a substitución lingüística fose aínda máis rápida.
- A emigración cara ao sur. Despois da expulsión dos mouriscos, só nas Alpujarras había preto de 30.000 galegos. Castela, Andalucía, Portugal e América foron destinos dos emigrantes galegos.
- O fisco era tremendamente duro cos labregos galegos.[Cómpre referencia]
- As levas de soldados para poder formar o Imperio Español.
- Os continuos ataques piratas que arrasaban as poboacións costeiras.
- A explotación das riquezas galegas, como o corte de árbores para a construción de naves para a colonización americana.
Hai que apuntar aínda dous feitos moi relacionados cos tres anteriores:
- En 1480, durante o reinado dos Reis Católicos, dítase unha norma pola cal para exercer de escribán hai que examinarse en Toledo no Real y Supremo Consejo de Castilla, co cal para recibir a licenza hai que usar formularios en castelán. Así, a documentación privada vai mudar de lingua: nos séculos XIV e XV empregárase case exclusivamente o galego en compras-vendas, foros, testamentos, doazóns… mais agora a nova norma traerá como consecuencia que no século XVI a lingua notarial será exclusivamente a castelá. Da mesma maneira, os documentos públicos dos concellos, gremios e confrarías abandonarán a lingua galega na primeira metade do século XVI.[12]
- A imprenta deu un importante pulo á difusión das linguas nacionais, pois a partir de agora a difusión da cultura incrementouse notabelmente. Aparecen a finais do século XV obradoiros de imprenta en Mondoñedo e Monterrei[13] (o primeiro libro impreso en Galicia é o Missale auriense, en Monterrei, 1491[14]), mais a lingua empregada será o latín ou o castelán, de maneira que non aparecerá un libro impreso en galego até mediados do século XIX.
A política dos Reis Católicos no Reino de Galicia concentrouse en medidas agresivas para a economía galega tales como a ordenanza de arrincar todas as oliveiras existentes no reino -poñendo fin a un próspero mercado cos países do norte- en detrimento da produción andaluza-castelá que se viu favorecida, así como o mantemento da prohibición de que Galicia tivese voz e voto propio dentro das Cortes de Castela, demanda que nas décadas posteriores focalizou a Xunta do Reino de Galicia onde se representaban as sete principais cidades do reino, Santiago de Compostela, A Coruña, Mondoñedo, Betanzos, Ourense, Tui e Lugo.
Todos estes factores conflúen e son comprendidos, á vez, por outra clave decisiva: a pesar de que durante toda a Idade Media Galicia viviu nun estado de práctica semi-independencia, o certo é que cando se achega o solpor medieval, o país galego carecía dun monarca privativo -logo da definitiva unión de Galicia-León e Castela en 1230- e de institucións de seu. É dicir, Galicia aparece nesa altura como un reino máis dos que conforman a coroa de Castela. Nese momento a monarquía avanzaba cara ao absolutismo ao tempo que se centralizaba no territorio castelán, e a ausencia dun poder central galego organizado que puidese servir de contrapeso determinou o afastamento dos lugares de decisión e, xa que logo, unha decisiva perda na capacidade de influencia. Galicia quedaba así como un reino cada vez máis afastado e decididamente marxinal nos proxectos dunha monarquía que, centrada en Castela, vive momentos de expansión imperial.
Usos da lingua galega
[editar | editar a fonte]Véxase o artigo Historia da lingua galega
Os séculos escuros -XVI, XVII e XVIII- teñen este nome derivado do feito de que a lingua galega practicamente non se escribiu, mentres castelán e portugués entran nun proceso de codificación e elaboración de gramáticas propias, ademais da continuación do seu prestixio adquirido anteriormente. A lingua galega, falada por toda a poboación na época medieval -desde os reis e bispos até as clases máis desfavorecidas- deixa de empregarse como lingua escrita durante o século XVI, mudada polo castelán. A pesar disto, o vehículo de comunicación oral do 95% da poboación segue sendo o galego. Nin a ideoloxía dominante, nin os medios dos que dispoñía o poder central, determinaron a unificación lingüística dos diversos reinos da monarquía hispánica.
En realidade, a unificación só se dirixiu cara ás capas sociais dominantes; mais no século XIX e no XX, dentro do estado liberal e nos seus procesos de universalización -xustiza, administración, escola, medios de comunicación...- asistiremos a un proceso decidido de acadar a unidade lingüística do nacente Estado Español.
De todos os xeitos, a conciencia na propia Galicia de "castelán como lingua dos poderosos" /vs/ "galego lingua das camadas populares" e esoutra de "castelán como lingua escrita" /vs/ "galego como lingua de exclusivo uso oral" nace xustamente durante esta longa etapa e vai ser determinante para comprendermos os procesos diglósicos que chegan ata os nosos días.
O estudoso Xosé Ramón Freixeiro Mato, a pesar dos poucos datos existentes, fala de tres grupos sociais en Galicia canto ao seu comportamento lingüístico:[15]
- Un reducido grupo monolingüe en castelán no cumio do poder político-relixioso
- Un grupo bilingüe autóctono integrado no aparato do poder
- Unha maioría monolingüe en galego.
Henrique Monteagudo sinala que o primeiro grupo atraerá ao castelán as capas sociais que procuran o ascenso, e esta extensión horizontal continuará até o século XVIII, converténdose en descendente só a partir do XIX e aínda máis no XX.
A literatura en galego practicamente quedou á marxe do Renacemento e do Barroco, coincidindo esta etapa pouco produtiva co Século de Ouro da literatura castelá. A produción en galego é minoritaria, e dela podemos salientar algunhas cartas, documentos e algunhas escasas mostras literarias que permiten comprobar como era a lingua da época. De fins do século XVI e primeiros do XVII coñécense varias cartas dirixidas a Diego Sarmiento de Acuña, conde de Gondomar, como por exemplo a que lle enviou Diego Sarmiento de Sotomayor, dicíndolle en 1605: e mais que fixese ysto nesta lingoaxe pois é de v. m. tan estimada. E tamén a través da observación das cartas, sabemos que unha parte da aristocracia galega coñecía mal o castelán e vivía instalada no galego como lingua familiar e habitual.
A pesar do escaso cultivo literario en galego, existiu unha rica lírica popular: cantigas de berce, de cego, entroidos, adiviñas, lendas, romances, contos, farsas etc. Moita desta produción popular chegou até finais do século XX (e nalgunha medida até a actualidade, aínda que con tremendas dificultades de transmisión).
No século XVIII xurdiu o fenómeno dos "ilustrados", personalidades de alto prestixio que demostran a súa inquedanza polo subdesenvolvemento económico de Galicia e propoñen medidas renovadoras para mudar a situación. Neste grupo de intelectuais debemos salientar o padre Frei Martín Sarmiento, quen trata cuestións sobre agricultura, emigración, historia e propón medidas culturais e educativas, entre as que están a dignificación do galego:
No sé como toleran los obispos que curas que no son gallegos ni saben la lengua, tengan empleo ad curam animarum y, sobre todo, la administración del santo sacramento de la penitencia. ¿Qué es el coloquio de un penitente rústico y gallego y un confesor no gallego, sino un entremés de sordos?[16]
O aspecto máis innovador de Martín Sarmiento é o feito de defender o emprego da lingua galega na escola, nos xulgados, nas igrexas e na administración. Outro ilustrado que realiza unha fonda crítica social foi o Padre Feijoo, que equiparou a lingua galega á portuguesa e á castelá. Outras figuras como José Cornide Saavedra, Lucas Labrada ou Pedro Antonio Sánchez Vaamonde incorporan o espírito das luces na busca de solucións á problemática social e económica de Galicia. Os ilustrados teñen o mérito de impulsaren a constitución de Academias e Sociedades como a Sociedad Económica de Amigos del País (en 1784 a Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago e en 1785 a de Lugo,[17] as cales se preocuparon do perfeccionamento da industria do liño) ou o Real Consulado Marítimo da Coruña para regular o comercio con América.
José Cornide Saavedra é un dos primeiros en denunciar a situación de colonización económica e cultural que Galicia sufría, así como o desdén que, nun contexto de galegofobia, Galicia recibía polo poder central da monarquía española:
No hay provincias en España que no tengan sus fábricas de algún género de paños; solo Galicia se ha contentado con las chapuceras fábricas de buriel tosquísimo (...). Los que ya hicieron callos en esta máxima diabólica (...) son los que más se han de oponer a todo cuanto de bueno y útil se propone en favor de Galicia, porque quieren que Galicia sea país de Indias
A pesar das propostas dos ilustrados, o certo foi que no terreo cultural e lingüístico os Borbóns seguen con uniformadoras políticas centralistas, que se manifestaron en severas leis para acabar coa diversidade lingüística nos reinos que como Galicia tiñan un idioma propio diferente do castelán:
Finalmente mando que la enseñanza de las primeras letras, latinidad y retórica se haga en lengua castellana, cuidando de su cumplimiento las Audiencias y justicias respectivas.[18] 23 de maio de 1768. Carlos III de Borbón.
Para que en todo el reyno se actúe y enseñe la lengua castellana (…) y a este efecto derogo y anulo todas qualesquier resoluciones o estilos que haya en contrario.[19] 23 de maio de 1768. Carlos III de Borbón.
En ningún teatro de España se podrán representar, cantar ni bailar piezas que no sean en idioma castellano.[20] 28 de decembro de 1799. Carlos IV de Borbón.
A literatura durante os Séculos Escuros
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Literatura galega dos Séculos Escuros.
- A única mostra de prosa é Relazón da carta executoria na que se narra a morte de Pardo de Cela.
- Cómpre mencionar a poesía popular, de carácter oral que continúa a tradición lírica medieval e que foi posta por escrito tardiamente. Hai un romanceiro de temática moi variada: canción de traballo, de berce, cantares de cego, canción de romaría... Cabe destacar:
- O Pranto da Frouseira sobre a decapitación de Pardo de Cela.
- Poemas como o Saqueo de Cangas polos turcos, acontecido en 1617.
- Poesía anónima tradicional, culta, seguindo a liña da lírica trobadoresca.
- A poesía culta é escasa, as que existen son de estilo barroco-renacentista cun léxico rico e ortografía caótica. Destácanse:
- Tres sonetos do século XVI e XVII, de estilo renacentista, Soneto de Monterrei, Soneto con falda e Respice finem, os últimos tratan sobre a morte de dona Margarida de Austria-Estiria.
- Do século XVII consérvanse as Décimas ao Apóstolo Santiago de Martín Torrado Mariño, coa finalidade de combater a idea de declarar a Tareixa de Ávila copatroa de España, xunto con Santiago o Maior.
- De finais dese mesmo século consérvanse nove romances barrocos presentados ás Festas Minervais de 1697.
- Do século XVIII consérvase o Coloquio de los 24 rústicos do Padre Sarmiento, nestas coplas falan uns rapaces sobre a morte de Filipe V.
- As panxoliñas son unha das manifestacións literarias con máis vitalidade e incluso traspasou as fronteiras galegas. Como autores destacan Carlos Patiño (1600-1675), frei Francisco de Santiago (1578?-1644) e Manuel Bravo de Velasco y Pantoja (1622-1660).[21]
- No teatro consérvase o Entremés famoso sobre a pesca do río Miño de Gabriel Feijoo de Araújo, unha pequena peza teatral escrita en galego e en portugués sobre os problemas fronteirizos derivados das artes pesqueiras.
- No século XVIII aparece xente culta e de espírito ilustrado que tenta borrar a imaxe pexorativa da Galicia ignorante, mísera e atrasada. Neste movemento, denominado como a Ilustración, podemos salientar as seguintes figuras:
- Diego Antonio Cernadas Castro, máis coñecido como o Cura de Fruíme, apaixonado defensor de Galicia e autor de quince composicións poéticas en galego.
- Benito Xerónimo Feijoo, que aínda que escribiu en castelán, levou a cabo traballos sobre a lingua galega, comparándoa en pé de igualdade co portugués e co castelán.
- Martín Sarmiento, tamén de expresión castelá. Estudou a arqueoloxía, a botánica, a xeografía e a pedagoxía galegas, converténdose nun grande estudoso e nun gran defensor do idioma galego, propoñendo o ensino deste.
- José Cornide Saavedra, estudoso da realidade galega e autor de tres poemas.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Landeira Yrago 1975, p. 13.
- ↑ Vilavedra 2004, p. 284.
- ↑ Portas Fernández 1993, p. 54-64.
- ↑ Ferreiro 1982, p. 45-65.
- ↑ Filgueira 1992.
- ↑ Freixeiro & Tato 1996.
- ↑ Tarrío 2000.
- ↑ Gómez & Queixas 2001, p. 79-90.
- ↑ Baldomir Cabanas 2010.
- ↑ Baldomir Cabanas 2012.
- ↑ Gago Mariño, Manuel (2023-07-11). "O manuscrito revelación". Galiciaé. Consultado o 2023-07-11.
- ↑ Portas Fernández 1993, p. 59.
- ↑ A imprenta de Monterrei comezou polo menos en 1491: Prada Allo, Alfonso (1992). "As imprentas de Monterrei" I Xornadas culturais do Val de Monterrei: comunicacións e ponencias. Verín: Asociación Cultural Monterrei.
- ↑ En 1491 estampan o Missale auriense: "La imprenta entra en el Museo do Pobo Galego". Galiciaé. 9/1/2009. Archived from the original on 09/01/2009. Consultado o 02/09/2018.
- ↑ Freixeiro 1998.
- ↑ Martín Sarmiento (1973). Pensado, José Luis, ed. Catálogo de voces y frases de la lengua gallega. Universidade de Salamanca. pp. 17–18. ISBN 84-600-5838-7.
- ↑ Pérez García 1996, p. 339.
- ↑ Monés i Pujol-Busquets, Jordi (1988). "La Ilustración en España. Algunas precisiones sociolingüísticas sobre la escolarización" (PDF). Revista de Educación (en castelán) (Ministerio de Educación y Ciencia) (extra.): 421–441. ISSN 0034-8082.
- ↑ Reixac i Carbó 1983, p. 13.
- ↑ Freire lópez 2009.
- ↑ "Mostras literarias dos Séculos Escuros" AS-PG.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Álvarez Blázquez, Xosé María (1959). Escolma de poesía galega. II. A poesía dos séculos XIV a XIX (1354-1830). Vigo: Editorial Galaxia.
- Baldomir Cabanas, Juan Javier (2010). A Literatura Galega dos Séculos Escuros e do Prerrexurdimento (PDF) (tese). UDC. Dirixida por Luciano Rodríguez
- Baldomir Cabanas, Xohán Xabier (2012). Historia da literatura dos Séculos Escuros e do Prerrexurdimento. A escrita literaria galega entre os anos finais do século XV e a década de 1840. Editorial Académica Española. ISBN 978-3-8484-5299-6.[1]
- Dobarro; Freixeiro; Marco; Martínez; Pérez (1988). Literatura galega: Séculos Escuros e Rexurdimento. Vía Láctea. ISBN 84-86531-43-8. Arquivado dende o orixinal o 13 de xaneiro de 2020. Consultado o 13 de xaneiro de 2020.
- Fernández del Riego, F. (1971) [1951]. "III. Catro séculos de decadencia". Historia da literatura galega (2ª ed.). Vigo: Editorial Galaxia. pp. 58–74.
- Ferreiro, M. (1982). "Unha ruptura na literatura galega: Os séculos escuros". A nosa literatura: unha interpretación para hoxe. AS-PG. p. 45-65. ISBN 84-300-7081-8.
- Filgueira, X. (1992). "Os Séculos Escuros: silencio nas letras e riqueza na poesía popular". Actas do I Congreso Internacional da Cultura Galega. Xunta. pp. 401–408. ISBN 84-453-0595-6.
- Freixeiro, X. R.; Tato, L. (1996). "Os Séculos Escuros e a Ilustración Galega". Historia da literatura galega 1. AS-PG/A Nosa Terra. pp. 193–224. ISBN 84-89679-02-9.
- Freixeiro, X. R. (1998). Lingua galega: normalidade e conflito (2ª ed.). Santiago de Compostela: Edicións Laiovento. ISBN 84-87847-93-5. Arquivado dende o orixinal o 07 de xaneiro de 2020. Consultado o 13 de xaneiro de 2020.
- Freire López, Ana María (2009). El teatro español entre la ilustración y el romanticismo. Iberoamericana Editorial Vervuert (en castelán). ISBN 9788484894377.
- Gómez, A.; Queixas, M. (2001). "Os Séculos Escuros (XVI-XVII) e a Ilustración Galega (XVIII)". Historia xeral da literatura galega. A Nosa Terra. pp. 79–90. ISBN 84-95350-79-3. Arquivado dende o orixinal o 02/07/2017. Consultado o 13/01/2020.
- Landeira Yrago, Xosé (1975). Antoloxía de poesía galega. Dos devanceiros ao dezaoito. Editorial Galaxia. ISBN 84-7154-233-1.
- López Carreira, A. (2013). "Séculos Escuros e esplendor barroco". Historia de Galicia. Xerais. pp. 184–185. ISBN 978-84-9914-532-7. Arquivado dende o orixinal o 09 de agosto de 2016. Consultado o 13 de xaneiro de 2020.
- Monteagudo, Henrique (2016). "A invención dos Séculos Escuros". Historia das historias de Galicia. Xerais. pp. 149–179. ISBN 978-84-9121-001-6.
- Pérez García, X. M. (1996). "Idade Moderna". Nova Historia de Galicia. Editorial Tambre. pp. 235–352. ISBN 84-88681-27-5.
- Pena Sánchez, Xosé Ramón (2013). Historia da literatura galega. I. Das orixes a 1853. Edicións Xerais de Galicia. ISBN 978-84-9914-551-8.
- Portas Fernández, Manuel (1993). Língua e sociedade na Galiza (2ª ed.). A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-87674-03-8. OCLC 851292825.
- Reixac i Carbó, Baldiri (1983). Instruccions per la ensenyança de minyons (en catalán). Edicions de la Universitat de Barcelona. p. 13. ISBN 84-7528-081-1.
- Saavedra, P. (2007). A gran historia de Galicia. 17 VIII V3 A Galicia do Antigo Réxime (ca. 1480 - ca. 1835). ISBN 978-84-96931-17-6.
- Tarrío, A. (1985). "Síntesis de la historia de la literatura gallega (siglos xv-xx)" (PDF). Boletín de la Asociación Europea de Profesores de Español (en castelán) (32-33): 7–25. ISSN 1133-4444.
- Tarrío, A. (1994). Literatura galega. Aportacións a unha Historia crítica. Universitaria. Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-7507-778-1.
- Tarrío, A. (coord.) (2000). Literatura. Tomo XXXI: Os Séculos Escuros. O século XIX. Proxecto Galicia. Hércules. ISBN 978-84-89468-73-3.
- Vilavedra, Dolores, ed. (2004). Diccionario da literatura galega. Termos e institucións literarias IV. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-8288-656-8.
- "século [séculos escuros]". Diciopedia do século 21 3. Do Cumio, Galaxia e do Castro. 2006. p. 1904. ISBN 978-84-8288-942-9.
- "Séculos Escuros". Enciclopedia Galega Universal 15. Ir Indo. 1999-2002. pp. 241–242. ISBN 84-7680-288-9.
- "Séculos Escuros". Diccionario enciclopédico galego universal 55. La Voz de Galicia. 2003-2004. p. 51. ISBN 84-7680-429-6.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- "Séculos Escuros" en Galego.org.
- "Capítulo 5: Língua de reis, língua do pobo" [sic] Historias de Galicia. Televisión de Galicia. 25/3/2007
- "Séculos Escuros e Ilustración. S. XVI-XVII-XVIII (1483-1702)" Asociación Socio-Pedagóxica Galega
- Tabarés, Fernanda (7/11/2009). "Aparece un manuscrito en gallego que ilumina los «séculos escuros»". La Voz de Galicia (en castelán).