Sacro Imperio Romano Xermánico
Sacrum Imperium Romanum (la) | |||||
Himno | Gott erhalte Franz den Kaiser (pt) (1797-1806) | ||||
---|---|---|---|---|---|
Epónimo | Imperio Romano | ||||
Localización | |||||
| |||||
Capital | Aquisgrán (962–1346) Praga (1346–1437) Viena (1497–) Praga (1583–1611) Ratisbona (1594–) Wetzlar (1689–) | ||||
Poboación | |||||
Poboación | 40.000.000 (1806) | ||||
Lingua oficial | lingua latina lingua alemá lingua italiana lingua checa lingua húngara lingua polaca | ||||
Relixión | Igrexa católica, luteranismo, Calvinismo e catolicismo | ||||
Xeografía | |||||
Comparte fronteira con | |||||
Datos históricos | |||||
Precedido por | |||||
Cronoloxía | |||||
Disolución | 6 de agosto de 1806 | ||||
Sucedido por | Confederación do Rin, Reino de Prusia e Imperio Austríaco | ||||
Organización política | |||||
Forma de goberno | monarquía electiva monarquia federal (pt) | ||||
Órgano lexislativo | Imperial Diet (en) , | ||||
Moeda | ducado | ||||
Vexa a entrada do Galizionario acerca de Sacro Imperio Romano Xermánico |
O Sacro Imperio Romano Xermánico ou sinxelamente Sacro Imperio (en alemán: Heiliges Römisches Reich Deutscher Nation "Sacro Imperio Romano da Nación Alemá", en latín: Sacrum Romanum Imperium Nationis Germaniae "Sacro Imperio Romano das Nacións Xermánicas") foi a unión política dun conglomerado de estados da Europa central, que se mantivo dende a Idade Media até inicios da Idade Contemporánea.
Formado en 962 da parte oriental das tres en que se repartiu o reino franco de Carlomagno en 843 mediante o tratado de Verdún, o Sacro Imperio foi a entidade predominante de Europa central durante case un milenio, até a súa disolución en 1806 por Napoleón Bonaparte.[1][2]
Cando a elección como emperador de Carlos V (28 de xuño de 1519) ademais dos territorios alemáns e de Holstein e Prusia, que con Riga chegaba até o golfo de Finlandia, o Sacro Imperio comprendía Bohemia, Moravia e Silesia, alcanzando con Krajina as costas do mar Adriático; polo oeste, pertencían a el, o condado libre de Borgoña (ou Franco Condado) e Savoia, aos que se sumaban Xénova, Lombardía e Toscana en terras italianas. Tamén estaban integrados no Imperio a maior parte dos Países Baixos, coa excepción do Artois e Flandres, ao oeste do río Escalda. Partindo do norte dos Alpes, levaba todo un mes atravesar o territorio imperial en sentido norte-sur ou leste-oeste.[3][4]
A denominación do Sacro Imperio variou considerabelmente ao longo dos séculos. En 1034 utilizábase a fórmula Imperio Romano para referirse ás terras baixo dominio de Conrado II e non foi até 1157, durante o reinado de Frederico I Barbarroxa, en que se empezou a usar o termo Sacro Imperio. Doutra banda, o uso do termo Emperador Romano facía referencia aos gobernadores das terras europeas do norte e comezou a usarse con Odón II (emperador entre 973 e 983). Os emperadores anteriores, dende Carlomagno (morto en 814) até Odón I o Grande (emperador entre 962 e 973), utilizaran simplemente o título de Imperator Augustus (Emperador Augusto). O termo Sacro Imperio Romano comeza a ser utilizado a partir de 1254; e o termo Sacro Imperio Romano Xermánico data de 1512, logo de moitas variacións nos últimos anos do século XV.[4][5][6][7]
Idiosincrasia do Sacro Imperio
[editar | editar a fonte]O Sacro Imperio Romano Xermánico orixinouse na Francia Oriental. Debido á súa natureza prenacional e supranacional, o Imperio nunca se converteu nun Estado nación moderno, coma no caso de España ou de Francia, polo que nunca se desenvolveu un sentimento nacional integral.
O Imperio mantivo unha organización monárquica e corporativa, dirixida por un emperador e os Estados imperiais con moi poucas institucións comúns. O poder do Imperio non se encontraba unicamente en mans do emperador nin dos príncipes electores ou dun conxunto de persoas como as que se reunían nas Dietas Imperiais; por iso, o Imperio non pode ser entendido como un Estado federal nin como unha confederación. Tampouco era unha simple aristocracia ou oligarquía. Non obstante presentaba características propias de todas estas formas estatais. A historia do Sacro Imperio está marcada pola loita en canto á súa natureza. Así coma nunca logrou crebar a obstinación rexional dos seus territorios, o Imperio caeu nunha confederación informe: a Kleinstaaterei.
O Sacro Imperio foi unha institución única na historia mundial e é por iso que a forma máis sinxela de entendelo sexa quizais definilo polas súas diferenzas respecto doutras entidades máis comúns.[8][9]
- Nunca tivo vocación de converterse en estado nación, a pesar do carácter xermánico da maior parte dos seus gobernantes e habitantes. Dende os seus inicios, o Sacro Imperio estivo constituído por diversos pobos, e unha parte substancial da súa nobreza e cargos electos procedía de fóra da comunidade xermano-falante. No seu apoxeo, o Imperio englobaba a maior parte das actuais Alemaña, Austria, Suíza, Liechtenstein, Bélxica, Países Baixos, Luxemburgo, República Checa e Eslovenia, así como o leste de Francia, o norte de Italia e oeste de Polonia. E con eles os seus idiomas, que comprendían multitude de dialectos e variantes dos que formarían o alemán, o italiano e o francés, ademais das linguas eslavas. Doutra banda, a súa división en numerosos territorios gobernados por príncipes seculares e eclesiásticos, bispos, condes, cabaleiros imperiais e cidades libres facían del, polo menos na época moderna, un territorio moito menos unido que os emerxentes estados modernos que tiña ao seu redor.[10]
- A diferenza das confederacións, o concepto de Imperio non só implicaba o goberno dun territorio específico, senón que tiña fortes connotacións relixiosas (de aí o prefixo sacro), e durante moito tempo mantivo un forte ascendente sobre outros gobernantes do orbe cristián. Até 1508, os reis alemáns (titulados como rei de romanos) non eran considerados como emperadores até que o papa, vigairo de Cristo na terra, coroábaos formalmente como tales.[11]
O imperio, xa que logo, podería describirse como unha conxunción entre un estado e unha confederación de carácter relixioso.
Estrutura e institucións
[editar | editar a fonte]Dende a Alta Idade Media, o Sacro Imperio caracterizouse por unha peculiar coexistencia entre emperador e poderes locais. A diferenza dos gobernantes da Francia Occidental, que máis tarde se convertería en Francia, o emperador nunca obtivo o control directo sobre os estados que oficialmente rexentaba. De feito, dende os seus inicios viuse obrigado a ceder máis e máis poderes aos duques e os seus territorios. O devandito proceso empezaría no século XII, concluíndo en gran medida coa paz de Westfalia (1648).
Oficialmente, o imperio ou Reich compúñase do rei, que había de ser coroado emperador polo papa (até 1508), e os Reichsstände (Estados imperiais).
Rei dos pobos xermánicos
[editar | editar a fonte]A coroación papal de Carlomagno como emperador dos romanos en 800 constituíu o exemplo que seguiron os posteriores reis; e foi a actuación de Carlomagno defendendo o papa fronte á rebelión dos habitantes de Roma, o que iniciou a noción do emperador como protector da Igrexa católica romana.
Converterse en emperador requiría acceder previamente ao título de rei dos alemáns (Deutscher König). Dende tempos inmemoriais, os reis alemáns foran designados por elección. No século IX era elixido entre os líderes das cinco tribos máis importantes (francos, saxóns, bávaros, suabos e turinxios), posteriormente entre os duques laicos e relixiosos do reino, reducíndose finalmente aos chamados Kurfürsten (príncipes electores). Finalmente, o colexio de electores quedou establecido mediante a Bula de Ouro (1356). Inicialmente había sete electores, pero o seu número foi variando lixeiramente a través dos séculos.
Até 1508, os recentemente elixidos reis de Alemaña (oficialmente Rex Romanorum, rei de romanos) debían trasladarse a Roma para ser coroados emperadores polo papa. Porén, habitualmente o proceso demorábase até a resolución dalgúns conflitos crónicos: imporse no inestable norte de Italia, resolver disputas pendentes co patriarca romano, etc.
As tarefas habituais dun soberano, como decretar normas ou gobernar autonomamente o territorio, foron sempre, no caso do emperador, sumamente complexas. O seu poder estaba fortemente restrinxido polos diversos líderes locais. Dende finais do século XV, o Reichstag estableceuse como órgano lexislativo do imperio, unha complicada asemblea que se reunía a petición do emperador, sen unha periodicidade establecida e en cada ocasión nunha nova sede. En 1663, o Reichstag transformouse nunha asemblea permanente.
Estados Imperiais
[editar | editar a fonte]Unha entidade era considerada como un Reichsstand (estado imperial) se, conforme ás leis feudais, non tiña máis autoridade por encima que a do emperador do Sacro Imperio. Entre devanditos estados contábanse:
- Territorios gobernados por un príncipe ou duque, e nalgúns casos reis. (Aos gobernadores do Sacro Imperio, coa excepción da coroa de Bohemia, non se lles permitía ser reis de territorios dentro do imperio, pero algúns gobernaron reinos fóra do mesmo, como ocorreu durante algún tempo, co reino da Gran Bretaña, cuxo rei era tamén Príncipe elector de Hannover).
- Territorios eclesiásticos dirixidos por un bispo ou príncipe-bispo. No primeiro caso, o territorio era con frecuencia idéntico ao da diocese, recaendo no bispo tanto os poderes mundanos como os eclesiásticos. Un exemplo, entre moitos outros, podería ser o de Osnabrück. Pola súa banda, un príncipe-bispo de notable importancia no Sacro Imperio foi o bispo de Maguncia, cuxa sede episcopal atopábase na catedral desa cidade.
- Cidades libres imperiais
O número de territorios era incriblemente grande, chegando a varios centenares en tempos da Paz de Westfalia, non excedendo a extensión de moitos deles uns poucos quilómetros cadrados. O imperio nunha definición afortunada era descrito como unha alfombra feita de retrincos (Flickenteppich).
Reichstag
[editar | editar a fonte]O Reichstag era o órgano lexislativo do Sacro Imperio Romano Xermánico. Dividíase en tres tipos ou clases:
- O Consello dos electores, que incluía os electores do Sacro Imperio Romano Xermánico.
- O Consello dos príncipes, que incluía tanto laicos como eclesiásticos.
- O brazo laico ou secular: Príncipes (con título de príncipe, Gran Duque, Duque, Conde Palatino, Margrave ou Landgrave) tiñan dereito a voto; algúns tiñan varios votos ao posuír o goberno de máis dun territorio con dereito a voto. Así mesmo, o Consello incluía catro colexios que agrupaban a Condes ou Grafs: Wetterau, Suabia, Franconia, e Westfalia. Cada colexio podía emitir un voto conxunto.
- O brazo eclesiástico: Arcebispos, algúns abades e os dous grandes mestres da orde dos Cabaleiros Teutóns e dos Cabaleiros Hospitalarios (Orde de San Xoán) tiñan cada un deles un voto. Varios abades máis estaban agrupados en dous colexios: Suabia e Rin. Cada colexio tiña un voto colectivo.
- O Consello das cidades imperiais, que incluía representantes das cidades imperiais agrupados en dous colexios: Suabia e Rin, tendo cada un voto colectivo. O Consello das cidades imperiais, no entanto, non era totalmente igual ao resto, xa que non tiña dereito de voto en diversas materias como o da admisión de novos territorios.
Cortes imperiais
[editar | editar a fonte]O Imperio tamén contaba con dúas Cortes: a Reichshofrat (tamén coñecida como Consello Áulico) na corte do rei/emperador (con posterioridade asentada en Viena), e a Reichskammergericht, establecida mediante a Reforma imperial de 1495.
Cronoloxía
[editar | editar a fonte]Dos Francos do leste á querela das investiduras
[editar | editar a fonte]Aínda que existe unha certa polémica no plano das interpretacións, o ano 962 adóitase aceptar como o da fundación do Sacro Imperio. Nese ano Odón I o Grande, era coroado emperador, recuperando de xeito efectivo unha institución desaparecida dende o século V en Europa Occidental.[12]
Algúns remontan a recuperación da institución imperial a Carlomagno e a súa coroación como emperador dos romanos en 800. Con todo, os documentos que xerou en vida a súa corte non dan un especial valor ao devandito título e seguiron utilizando principalmente o de rei dos francos. Aínda así no reino dos francos, incluíanse os territorios das actuais Francia e Alemaña, sendo esta a orixe de ambos os países.[12]
Moitos historiadores consideran que o establecemento do Imperio foi un proceso paulatino, iniciado coa fragmentación do reino franco no Tratado de Verdún de 843. Mediante este tratado repartíase o reino de Carlomagno entre os seus tres fillos. A parte oriental, e base do posterior Sacro Imperio, recaeu en Lois o Xermánico, cuxos descendentes reinarían até a morte de Lois IV o Neno, e que sería o seu último rei carolinxio.
Trala morte de Lois IV en 911, os líderes de Alemaña, Baviera, Francia e Saxonia aínda elixiron como sucesor un nobre de estirpe franca, Conrado I. Pero unha vez morto, o Reichstag reunido en 919 na cidade de Fritzlar designou o conde de Saxonia, Henrique I o Paxareiro (919–936). Coa elección dun saxón, rompían os últimos lazos co reino dos francos occidentais (aínda gobernados polos carolinxios) e en 921, Henrique I se intitulaba rex Francorum orientalum.[4][13]
Henrique nomeou o seu fillo Odón como sucesor, quen foi elixido rei en Aquisgrán en 936. A súa posterior coroación como emperador Odón I (máis tarde chamado o Grande) en 962 sinala un paso importante, xa que dende entón pasaba a ser o imperio – e non o outro reino franco aínda existente, o reino franco de occidente – quen recibiría a bendición do papa. Porén, Odón conseguiu a maior parte da súa autoridade e poder antes da súa coroación como emperador, cando na Batalla de Lechfeld (955) derrotou os maxiares, co que afastou o perigo que este pobo representaba para os territorios orientais do seu reino. Esta vitoria foi capital para o reagrupamento da lexitimidade xerárquica nunha superestrutura política que estaba disgregándose ao xeito feudal dende o século anterior.[13] O papa, pola súa banda, excomungou o rei, declarouno deposto e disolveu os xuramentos de lealdade feitos a Henrique.
Dende o momento da súa celebración, a coroación de Odón foi coñecida como a translatio imperii, a transferencia do imperio dos romanos a un novo imperio. Os emperadores xermanos considerábanse sucesores directos dos seus homólogos romanos, motivo polo que se autodenominaron Augustus. Con todo, non utilizaron o apelativo de emperadores dos romanos, probablemente para non entrar en conflito cos de Constantinopla, que aínda ostentaban dito título. O termo imperator Romanorum, só chegaría a ser de uso común máis tarde, baixo o reinado de Conrado II o Sálico (1024 a 1039).
Por estas datas, o reino oriental non era tanto un reino “alemán”, como “unha confederación” das vellas tribos xermánicas dos bávaros, alamanos, francos e saxóns. O imperio como unión política probablemente só sobreviviu debido á determinación do rei Henrique e o seu fillo Odón, quen a pesar de ser oficialmente elixidos polos líderes das tribos xermánicas, de feito tiñan a capacidade de designar os seus sucesores.
Esta situación cambiou trala morte de Henrique II o Santo en 1024 sen deixar descendencia. Conrado II, iniciador da dinastía sálica, foi elixido rei entón só tras sucesivos debates. Como se realizou a elección do rei, parece unha complicada combinación de influencia persoal, rifas tribais, herdanza e aclamación por parte daqueles líderes que eventualmente formaban parte do colexio de príncipes electores.[14]
Nesta etapa, empézase a facer evidente o dualismo entre os “territorios”, por aquel entón correspondentes aos das tribos asentadas nos países francos, e o rei/emperador. Cada rei prefería pasar a maior parte do tempo nos seus territorios de orixe. Os saxóns, por exemplo, pasaban a maior parte do tempo nos palacios ao redor das montañas do Harz, sobre todo en Goslar. Estas prácticas só cambiaron baixo Odón III (Rei en 983, emperador en 996–1002), que empezou a utilizar os bispados de todo o imperio como sedes do goberno temporal. Ademais, os seus sucesores, Henrique II o Santo, Conrado II, e Henrique III o Negro, exerceron un maior control sobre os duques dos distintos territorios. Non é casualidade xa que logo, que neste período, cambiase a terminoloxía, aparecendo as primeiras mencións como “regnum Teutonicum”.[15]
O funcionamento do imperio case quedou colapsado debido á Querela das investiduras, pola que o papa Gregorio VII promulgou a excomuñón do rei Henrique IV (Rei en 1056, emperador en 1084–1106). Aínda que o edicto retirouse en 1077, tras o paseo de Canossa, a excomuñón tivo consecuencias de grande alcance. No intervalo, os duques alemáns elixiron un segundo rei, Rodolfo de Suabia, a quen Henrique IV só puido derrocar en 1080, tras tres anos de guerra. O halo de misticismo da institución imperial quedou irremediablemente danado; o rei alemán fora humillado e, o que era máis importante, a igrexa converteuse nun actor independente dentro do sistema político do imperio.[16]
O Imperio baixo os Hohenstaufen
[editar | editar a fonte]Conrado III, rei de Alemaña chegou ao trono en 1138 e comezou unha nova dinastía, a dos Hohenstaufen. Con ela o Imperio entrou nunha época de apoxeo baixo as condicións do Concordato de Worms de 1122. Deste período cabe destacar a figura de Frederico I Barbarroxa (rei dende 1152, emperador en 1155–1190).
Baixo o seu reinado tomou forza a idea de romanidade do Imperio, como modo de proclamar a independencia do emperador respecto á Igrexa, pero simultaneamente rebautizou o Imperio como "Sacro imperio" (é dicir, "sagrado", pero baixo os ditados do rei, non do papa).
Unha asemblea imperial en 1158 en Roncaglia proclamou de forma explícita os dereitos imperiais. Aconsellada por diversos doutores da emerxente facultade de dereito da Universidade de Boloña, inspiráronse no Corpus Iuris Civilis, de onde extraeron principios como o de princeps legibus solutus ("o príncipe non está sometido á lei") do Digesto.
O feito de que as leis romanas se creasen para un sistema totalmente diferente, e que non fosen adecuadas á estrutura do Imperio, era secundario; a importancia residía no intento da corte imperial de establecer unha especie de texto constitucional.
Até a querela das Investiduras, os dereitos imperiais eran referidos de forma xenérica como “regalías”, e non foi até a asemblea de Roncaglia, cando ditos dereitos se explicitaron. A lista completa incluía dereitos de peaxe, tarifas, cuñaxe de moeda, impostos punitivos colectivos, e a investidura (elección e destitución) dos detentores de cargos públicos. Estes dereitos buscaban a súa xustificación de forma explícita no dereito romano, un acto lexislativo de profundo calado. Ao norte dos Alpes, o sistema tamén estaba ligado ao dereito feudal. Barbarroxa conseguiu así vincular os duques xermánicos (reticentes ao concepto da institución imperial, como ente unificador).[13]
Para solucionar o problema que supoñía que o emperador (tras a querela das Investiduras) non puidese continuar utilizando a igrexa como parte do seu aparello de goberno, os Hohenstaufen cederon cada vez máis territorio aos ministerialia, que formalmente eran servos non libres, dos cales Frederico esperaba fosen máis submisos que os duques locais. Utilizada inicialmente para situacióms de guerra, esta nova clase formaría a base da cabalaría, outro dos fundamentos do poder imperial.[13]
Outro paso constitutivo importante realizado en Roncaglia foi o establecemento dunha nova paz (Landfrieden) en todo o Imperio, un intento de abolir as vinganzas privadas entre os duques, ao mesmo tempo que se conseguía someter os subordinados do emperador a un sistema lexislativo e xurisdicional público, encargado da persecución dos actos delituosos, unha idea que nesa época aínda non estaba universalmente aceptada, e que se parecería ao concepto moderno do "imperio da lei".[17]
Outro novo concepto da época foi a sistemática fundación de cidades, tanto por parte do emperador como polos duques locais. Este fenómeno, xustificado polo crecemento explosivo da poboación, tamén supuxo unha forma de concentrar o poder económico en lugares estratéxicos, tendo en conta que as cidades xa existentes eran fundamentalmente de orixe romana, ou antigas sés episcopais. Entre as cidades fundadas no século XII atópanse Friburgo, modelo económico para moitas outras cidades posteriores, ou Múnic.
A loita entre os "Poderes Universais"
[editar | editar a fonte]Os chamados Poderes Universais eran o Pontificado e o Imperio, e ambos disputábanse o chamado Dominium mundi (o dominio do mundo, concepto ideolóxico con implicacións tanto terreais como transcendentes nun plano espiritual).
En 1176 produciuse a batalla de Legnano, a cal tivo unha repercusión crucial na loita que mantiñan Frederico Barbarroxa contra as comunas da Liga Lombarda (baixo a protección do papa Alexandre III). Esa batalla foi un fito dentro do prolongado conflito interno entre güelfos e xibelinos, e do que era o máis antigo existente entre os dous poderes universais: Pontificado e Imperio.
As tropas imperiais sufriron unha gran derrota e Frederico viuse forzado a firmar a paz de Venecia (1177) coa que recoñeceu a Alexandre III como papa lexítimo. Ao mesmo tempo, recoñecía ás cidades o dereito de construír murallas, de gobernarse a si mesmas (e o seu territorio circundante) elixindo libremente os seus maxistrados, de constituír unha liga e de conservar os costumes que tiñan "dende os tempos antigos". Este amplo grao de tolerancia, ao que o historiador Jacques Le Goff chama "güelfismo moderado", permitiu crear en Italia unha situación de equilibrio entre as pretensións imperiais e o poder efectivo das comunas urbanas, similar ao equilibrio logrado entre o imperio e o papado a través do Concordato de Worms (1122) que resolveu a Querela das Investiduras.
O reinado do último dos Hohenstaufen foi en moitos aspectos diferente dos seus predecesores. Frederico II Hohenstaufen subiu ao trono do Reino de Sicilia sendo aínda un neno. Mentres, en Alemaña, o neto de Barbarroxa, Filipe de Suabia, e o fillo de Henrique o León, Odón IV, disputáronlle o título de rei de romanos (rei de Alemaña). Despois de ser coroado emperador en 1220, arriscouse a un enfrontamento co papa ao reclamar poderes sobre Roma; logrou tomar Xerusalén mediante un acordo diplomático na Sexta Cruzada (1228) cando aínda pesaba sobre el a excomuñón papal. Proclamouse a si mesmo rei de Xerusalén en 1229 e tamén obtivo este título en Belén e Nazaret.
Á vez que Frederico elevaba o ideal imperial ao seu punto álxido, comezaron tamén os cambios que o levarían á súa desintegración. Por un lado, concentrouse en establecer un Estado de gran modernidade en Sicilia. Pero á vez, Frederico foi o emperador que máis poderes cedeu ante os príncipes alemáns. E isto fíxoo mediante a instauración de dous medidas de longo alcance que nunca revogaría o poder central.
Na Confoederatio cum princibus ecclesiasticis de 1220, Frederico cedeu unha serie das regalías a favor dos bispos, entre elas impostos, cuñaxe, xurisdicións, fortificacións, e máis tarde, en 1232 o Statutem in favorem principum, que foi fundamentalmente unha extensión deses privilexios ao resto dos territorios (os non eclesiásticos). Esta última cesión fíxoa para acabar coa rebelión do seu fillo Henrique, e a pesar de que moitos destes privilexios xa existiran con anterioridade, agora atopábanse cunha garantía global, para todos os duques alemáns, ao permitirlles garantir a orde ao norte dos Alpes, mentres que Frederico se limitaba ás súas bases en Italia. O documento de 1232 sinalou o momento en que por primeira vez os duques alemáns foron designados domini terrae, señores das súas terras, un cambio terminolóxico moi significativo.
O rexurdimento dos territorios no Imperio tras os Hohestaufen
[editar | editar a fonte]Trala morte de Frederico II en 1250, comezou un período de incerteza, xa que ningunha das dinastías susceptíbeis de proporcionar un candidato á coroa se mostrou capaz de facelo, e os principais duques electores ascenderon á coroa a diversos candidatos que competían entre si. Este período coñécese habitualmente como Interregnum, e comezou en 1246 coa elección de Henrique Raspe polo partido anxevino e a elección do Guillerme de Holanda polo partido xibelino; despois de morrer este último en 1256, unha embaixada de Pisa ofreceu a coroa de rei de Romanos a Afonso X "o Sabio", quen por ser fillo de Beatriz de Suabia pertencía á familia Hohenstaufen. No entanto, a súa candidatura enfrontouse á de Ricardo de Cornualla e non prosperou. O Interregnum rematou en 1273, cando coroaron a Rodolfo I de Habsburgo.
A derrota do Imperio (plasmada na batalla de Legnano) quedara plenamente de manifiesto xa no reinado de Frederico II e ratificárase co fin dos Staufen, as graves dificultades do interregno en Alemaña, e a dación en feudo do Reino de Sicilia a Carlos I de Anjou, facendo realidade a plena potestade pontificia.
As dificultades na elección de emperador levaron á aparición dun colexio de electores fixo, os Kurfürsten, cuxa composición e procedementos se estableceron mediante a Bula de Ouro de 1356. A súa creación foi o que mellor simbolizou a crecente dualidade entre Kaiser und Reich, emperador e reino, e con isto, o fin da súa identificación como unha única cousa. Unha mostra disto témola na forma en que os reis do período pos-Staufen lograron manter o seu poder. Inicialmente, a forza do Imperio (e as súas finanzas) baseábanse en gran medida no territorio propio do Imperio, tamén chamado Reichsgut, que sempre lle pertenceu ao rei (e incluían diversas cidades imperiais). Tralo século XIII, a súa importancia diminuíu (aínda que algunhas partes se mantiveron até o remate do Imperio en 1806). No seu lugar, os Reichsgüter empeñáronse aos duques locais, co obxectivo, en ocasións, de obter diñeiro para o Imperio pero, máis frecuentemente, para recompensar a lealdade ou como modo de controlar os duques máis conflitivos. O resultado foi que o goberno dos Reichsgüter deixou de obedecer ás necesidades do rei ou dos duques.
No seu lugar, os reis, comezando por Rodolfo I de Habsburgo, confiaron nos seus territorios ou Estados patrimoniais como base para o seu poder. A diferenza dos Reichsgüter, que na súa maior parte estaban repartidos e eran dificilmente administrábeis, os seus territorios estaban comparativamente compactos e, polo tanto, eran máis fáciles de controlar. Deste modo, en 1282 Rodolfo I puxo a disposición doa seus fillos Austria e Estiria.
Con Henrique VII, a casa de Luxemburgo entrou en escena, e en 1312 foi coroado como o primeiro emperador do Sacro Imperio dende Frederico II. Despois del, todos os reis e emperadores sostivéronse grazas aos seus propios Estados patrimoniais (Hausmacht): Lois IV de Wittelsbach (rei en 1314, emperador 1328–1347) nos seus territorios de Baviera; Carlos IV de Luxemburgo, neto de Henrique VII, inaugurou o seu poder nos Estados patrimoniais de Bohemia. A raíz desta situación, aumentar o poder dos Estados e territorios do Imperio converteuse nun dos principais intereses da coroa, xa que con iso dispoñía de maior liberdade nos seus propios Estados patrimoniais.
No século XIII tamén se produciu un cambio moito máis profundo tanto de carácter estrutural coma na forma en que se administraba o país. No campo, a economía monetaria gañou terreo fronte ao troco e o pago en xornadas de traballo. Cada vez, pedíaselle máis aos campesiños o pago de tributos polas súas terras; e o concepto de "propiedade" substituíu as anteriores formas de xurisdición, aínda que seguiron moi vinculadas entre si. Nos distintos territorios do Imperio, o poder concentrouse en poucas mans: os detentores dos títulos de propiedade tamén o eran da xurisdición, da que derivaban outros poderes. Porén a xurisdición non implicaba poder lexislativo, que até o século XX foi virtualmente inexistente. As prácticas lexislativas asentábanse fundamentalmente en usos e costumes tradicionais.
Durante este período, os territorios comezaron a transformarse nos antecesores dos Estados modernos. O proceso foi moi distinto segundo o territorio, sendo máis rápido naquelas unidades que mantiñan unha identificación directa coas antigas tribos xermánicas, como Baviera, e máis lento naqueles territorios dispersos que se fundamentaban en privilexios imperiais.
Reforma imperial
[editar | editar a fonte]Trala Dieta de Colonia, en 1512 o Imperio pasou a denominarse Sacro Imperio Romano da Nación Alemá (en alemán: Heiliges Römisches Reich Deutscher Nation, e en latín: Imperium Romanum Sacrum Nationis Germanicæ).
A construción do Imperio estaba aínda lonxe de rematar a comezos do século XV, aínda que varias das súas institucións e procedementos foran establecidos pola Bula de Ouro de 1356. As regras sobre como o rei, os electores e os outros duques debían cooperar no Imperio, dependían da personalidade de cada rei. Isto demostrou ser nefasto, cando Sexismundo de Hungría, un dos últimos membros da Casa real de Luxemburgo (rei xermánico en 1410, emperador 1433–1437) e Frederico III de Habsburgo (rei xermánico en 1440, emperador 1452–1493) rexeitaron os territorios tradicionais do Imperio, residindo preferentemente nos seus Estados patrimoniais. Este é o caso de Sexismundo, que reinou como rei húngaro dende 1387, e despois de vivir en Hungría durante 23 anos foi elixido rei de romanos en 1410 sen abandonar a súa corte. Posteriormente elixírono emperador xermánico en 1433, 5 anos antes da súa morte, e nesa fase da súa vida si que tivo un papel máis activo, viaxando a Francia, Inglaterra e outros lugares europeos. Por outra parte, Frederico III de Habsburgo retirouse a Viena e dende alí dirixiu o Imperio. Sen a presenza do rei, a antiga institución do Hoftag, a asemblea dos dirixentes do reino, converteuse en inoperante, mentres que a Dieta (Reichstag) aínda non exercía como órgano lexislativo do Imperio, e o que é peor, os duques mantiñan con frecuencia disputas internas, que moitas veces desembocaban en guerras locais.
Durante esa mesma época, a Igrexa tamén se atopaba en crise. O conflito entre distintos papas que competían entre si só se logrou resolveu no Concilio de Constanza (1414–1418). Despois de 1419, centráronse en loitar contra a herexía husita. A idea medieval dun único Corpus christianum, no que papado e imperio eran as institucións principais, comezaba o seu declive.
A raíz destes cambios drásticos, xurdiron discusións sobre o propio papel do Imperio durante o século XV. As regras do pasado xa non eran aplicábeis, e aumentaba o clamor que pedía un reforzamento dos antigos Landfrieden.
A finais do século XV, o imperio mantivo certa influencia na política do reino de Hungría. O emperador Frederico III de Habsburgo recibiu na súa corte a Isabel, filla do falecido Sexismundo de Hungría, viúva do rei Alberte de Hungría (tamén da Casa dos Habsburgos), a cal fuxiu co seu fillo acabado de nacer e coroado como Ladislau V de Hungría ante a inestabilidade política no reino. Levou con ela a Santa Corona Húngara, o que lle causou graves problemas posteriormente ao rei Matías Corvino de Hungría, pois para que fose lexítima a súa coroación, só podía levarse a cabo con esta xoia, que conseguiu recuperar en 1463, tras pagar 80.000 floríns. Cada vez agravouse máis a situación diplomática entre Frederico e Matías, o que provocou eventuais enfrontamentos armados entre os dous Estados. A guerra contra Hungría foi un fracaso, xa que en 1485 Frederico e a súa familia se viron forzados a abandonar Viena, xa que o rei húngaro avanzara co seu Exército Negro de mercenarios e tomara a cidade austríaca. Só a repentina morte do monarca húngaro en 1490 conseguiu rematar coa ocupación húngara no ducado de Austria, permitindo que Frederico III recuperase o trono de inmediato.
As causas do rumbo que tomou este conflito atópanse dentro da política interna do Sacro Imperio Romano Xermánico. Cando Frederico III necesitou os duques para financiar a guerra contra Hungría en 1486 e á vez para que o seu fillo, o futuro Maximiliano I, fose elixido rei, atopouse coa demanda unánime dos duques de participar nunha Corte imperial.
Por primeira vez, a asemblea de electores e outros duques tomaba o nome de Dieta ou Reichstag (á que máis tarde se engadirían as cidades imperiais). Mentres que Frederico sempre rexeitou a súa convocatoria, o seu fillo, máis conciliador, convocou finalmente a Dieta en Worms en 1495, trala morte do seu pai en 1493. O rei e os duques acordaron diversas leis, comunmente coñecidas como a Reforma imperial: un conxunto de actas lexislativas para dar de novo unha estrutura a un imperio que se estaba a desintegrar. Entre outras cousas, estas actas estableceron os Estados da Circunscrición Imperial e o Reichskammergericht (Tribunal da Cámara imperial); estruturas ambas que, en distinto grao, persistiron até a fin do imperio en 1806.
De todas formas, necesitáronse algunhas décadas máis até que a nova regulamentación foi universalmente aceptada e a nova Corte comezou a funcionar. Até 1512 non rematou a formación de circunscricións imperiais. O rei ademais asegurouse de que a súa propia corte, o Reichshofrat, continuase funcionando como un órgano paralelo ao Reichskammergericht.
Crise trala Reforma protestante
[editar | editar a fonte]Cando Martiño Lutero comezou en 1517 o que máis tarde se coñecería como a Reforma protestante, moitos duques locais viron a oportunidade de opoñerse ao emperador do Sacro Imperio Romano, que dende 1519, era Carlos V, cuxos dominios comprendían gran parte de Europa e América: o Imperio español e os Países Baixos, o reino Xermánico, Austria, Italia, Tunisia e até Transilvania (en Hungría). O Imperio viuse dividido polas disputas relixiosas, co norte e o leste, así como moitas das súas maiores cidades, como Estrasburgo, Frankfurt e Nuremberg, no lado protestante, mentres que as rexións meridionais e occidentais se mantiñan maioritariamente no catolicismo. Trala abdicación de Carlos V, o Imperio dividiuse entre o seu fillo Filipe II, que ostentaría a coroa española, os Países Baixos e a herdanza italiana dos Reis Católicos, e o seu irmán Fernando. En 1526 produciuse a batalla de Mohács, onde os exércitos do reino húngaro foron derrotados polas forzas otomás do sultán Suleiman o Magnífico, e o rei Lois II de Hungría morreu en combate. En pouco tempo, o reino sen herdeiros foi ocupado polos exércitos otománs e Fernando de Habsburgo reclamou a coroa para si mesmo, xa que casara con Ana Jagellón de Hungría, irmá do falecido rei, mentres por outra parte María de Habsburgo casara co rei húngaro. A partir dese momento, a Casa dos Habsburgos reinou tamén sobre Hungría (e Bohemia, pois a coroa checa tamén fora herdada polos reis húngaros) até 1918.
Por outra parte, o norte dos Países Baixos, na súa maioría protestante, conseguiu separarse da coroa española, católica por excelencia. Tras un século de disputas, o conflito, xunto a outras disputas, derivou na Guerra dos Trinta Anos (1618–1648), que devastou o Imperio. As potencias estranxeiras, incluídas Francia e Suecia, interviñeron no conflito, reforzando o poder dos contendentes do Imperio e apoderándose de considerables zonas de territorio imperial.
O maior impacto da Reforma protestante foi a eliminación dun dos focos máis importantes de unidade nos que se sustentaba o Sacro Imperio, a unidade cristiá, ao amparo da Igrexa Romana, e que era relevante para as ambicións imperialistas dos dirixentes do Imperio. Ao ser un imperio cunha pretensión de universalidade, na que se incluía unha soa visión relixiosa, este conflito representou a ruptura definitiva da unidade cristiá da Europa Central e Occidental, e posteriormente sería case imposible que os países destas zonas europeas desenvolvesen unha política exterior especialmente soportada nunha visión definitiva do cristianismo, o que acabou co imperialismo baseado na relixión.
Dende o punto de vista dos Estados alemáns, o Luteranismo tivo un enfoque especificamente alemán (particularmente no norte de Alemaña) con miras a converterse na Igrexa nacional de cada Estado do norte; isto foi un valioso trazo da identidade xermana, xa que constituíu un dos primeiros signos encamiñados a sustentar a idea dunha unidade do pobo alemán, na procura de converterse nun Estado-nación.
Despois da Paz de Westfalia
[editar | editar a fonte]Trala Paz de Westfalia de 1648, comezou o declive do Imperio. Supuxo a perda da maior parte do poder real do emperador e unha maior autonomía dos 350 Estados resultantes, permitindo incluso a formación de alianzas con outros Estados de forma independente; agrupáronse en torno aos grandes Estados europeos cos que compartían identidade relixiosa e influencia política, de maneira que os Estados católicos do sur se agruparon en torno a Austria-Hungría, os luteranos do norte xunto a Brandeburgo (integrante do futuro Reino de Prusia) e o Imperio Sueco, e os do oeste, maioritariamente calvinistas, ingresaron na órbita de influencia das Provincias Unidas e do Reino de Francia. Para todos os efectos, o Sacro Imperio Romano pasou a ser unha confederación de Estados de difícil cohesión e rivais entre si.
A implosión do Imperio
[editar | editar a fonte]Á morte de Carlos VI de Alemaña (1711-1740), o Imperio viuse sacudido por unha serie de crises que puxeron en evidencia a súa decadencia final. A aparición de Prusia baixo o reinado de Frederico II o Grande e as sucesivas guerras, Sucesión Austríaca e dos Sete Anos, serían as máis importantes. Dende había tempo, o futuro do Sacro Imperio estaba asociado á situación de Austria-Hungría, da súa casa reinante, os Habsburgo, e da postura que asumiran os demais corpos políticos do imperio fronte a esta, que a pesar da súa preeminencia sobre as demais casas reais do imperio, vería minguado o seu poder polas rivalidades que mantivo con outras potencias, como Francia, o Imperio Ruso, Prusia (a outra potencia xermana emerxente e integrante do Sacro Imperio) e incluso co Imperio Británico, debido ás tentativas dos Habsburgo de estender a súa influencia sobre os mares dominados por este trala decadencia naval de España, as Provincias Unidas e Portugal.
Finalmente, o 6 de agosto de 1806 o Imperio desapareceu formalmente cando o seu último emperador Francisco II (dende 1804 emperador Francisco I de Austria), a consecuencia da derrota militar contra o exército de Napoleón, decretou a supresión do Sacro Imperio coa clara intención de impedir que este se apropiase do título e a lexitimidade histórica que este levaba consigo. Os sucesores de Francisco II continuaron chamándose emperadores de Austria até 1918.
Análise
[editar | editar a fonte]O relato da historia moderna de Alemaña está xeralmente determinado por tres factores clave: o Imperio alemán, a Reforma e, na súa etapa final, a bicefalia entre Austria e Prusia. Moitos foron os intentos de explicar por que o Imperio, a diferenza da veciña Francia, nunca chegou a conseguir un poder fortemente centralizado sobre os seus territorios. Entre as razóns máis habituais inclúense:
- O Imperio foi dende os seus inicios unha entidade moi federal: Se Francia maioritariamente formara parte do imperio romano, nas partes orientais do reino franco as tribos xermánicas eran moito máis independentes e remisos a render poder a unha autoridade central. Todos os intentos de converter o cargo de rei en hereditario fracasaron, manténdose o de monarca como un cargo electivo. Por iso, cada candidato á coroa debía realizar unha serie de promesas aos electores, as chamadas Wahlkapitulationen (capitulacións electivas), garantíndolles aos distintos territorios máis e máis poder ao longo dos séculos. Revelábase entón a gran dificultade de que o Sacro Imperio tivese un sólido poder centralizado, en contraste con outros países europeos que o lograron a través da institución monárquica, que supuxo un retroceso no sistema político feudal, o que no Sacro Imperio non aconteceu na maior parte dos seus Estados ou sucedeu de forma moi dispar e tardía.
- Debido ás súas connotacións relixiosas, o Imperio como institución quedou seriamente danado polas disputas entre o papa e os reis de Alemaña, en relación á súa coroación como emperadores. Nunca estivo moi claro baixo que condicións o papa debía coroar o emperador, e especialmente como o poder universal do emperador dependía do poder do papa en materias clericais. Frecuentes disputas xiraron en torno a esta cuestión, especialmente ao longo do século XI, con motivo da querela das investiduras e o Concordato de Worms en 1122.
- O feito de que o sistema feudal do Imperio, onde o rei constituía a cúspide da chamada "pirámide feudal", fose causa ou síntoma da debilidade do Imperio, non está claro. En todo caso, a obediencia militar, que -conforme á tradición xermana- estaba intimamente ligada á concesión de terras aos vasalos, foi sempre problemática: cando o Reich tiña que ir á guerra, as decisións eran lentas e quebradizas.
- Até o século XVI, os intereses económicos do sur e o oeste do Imperio diferían notablemente dos da parte setentrional, onde estaba asentada a Hansa, a cal estaba máis vinculada a Escandinavia e o Báltico que ao resto de Alemaña. Iso obedecía particularmente a intereses económicos propios ou máis ben disímiles respecto doutros Estados do imperio, o que igualmente sucedía coa súa identidade relixiosa. Abonda recordar que o Estado máis poderoso do imperio, Austria, e a súa casa reinante e igualmente depositaria do título de emperador do Sacro Imperio até a súa supresión, os Habsburgo, eran defensores do catolicismo, e co tempo toda a súa política se encamiñará máis a salvagardar os intereses nacionais austríacos que os do trono imperial.
- Foi constante na política do Sacro Imperio que esta se encamiñase cara a unha política continental, isto é, que a súa política exterior fixese énfase en cuestións do continente europeo, tales como motivacións dinásticas para actuar, intentos de expansión territorial, enfrontamentos con outras potencias do continente europeo, e imperialismo baseado nunha visión de imperio de carácter universal e que inicialmente o sustentou nunha visión relixiosa determinada e en considerarse como herdeiro histórico do extinto Imperio Romano. O problema do anterior era que, ao ser unha entidade política cun poder central débil, estes motivos non favorecían ou interesaban de igual xeito a todos os Estados alemáns; inclusive había Estados alemáns cunha política inclinada cara ao mar e o comercio, tales como os que integraban a Hansa, situados no norte de Alemaña, polo tanto preto do Mar do Norte, ao igual que os que colindaban co río Rin, que os unía cos portos marítimos holandeses. Semellante diverxencia de intereses económicos só contribuía a erosionar o poder político do imperio e do seu emperador, o que en diante se traduciría en que cada Estado alemán se procurase unha política exterior propia tanto co resto do imperio coma con outros países, ás veces allea aos intereses do mesmo Sacro Imperio e dos demais Estados que o conformaban.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Holy Roman Empire, Encyclopædia Britannica En liña. Consultado o 12 de xullo de 2012.
- ↑ Joachim Ehlers: Natio 1.5 Deutschland und Frankreich, en: Lexikon des Mittelalters, Bd. 6, Sp. 1037 f.
- ↑ Joachim Whaley, ed. (2011). Germany and the Holy Roman Empire: Volume I: Maximilian I to the Peace of Westphalia, 1493-1648. Oxford University Press. pp. 17–20.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 Gascoigne, Bamber. "History of the Holy Roman Empire", en HistoryWorld.
- ↑ Martin Arbage, "Otto I", en Medieval Italy: An Encyclopedia, Routledge, 2004, p. 810 online: "Otto can be considered the first ruler of the Holy Roman empire, though that term was not used until the twelfth century."
- ↑ Rein Taagepera (setembro de 1997). "Expansion and Contraction Patterns of Large Polities: Context for Russia". International Studies Quarterly 41 (3): 475–504. doi:10.1111/0020-8833.00053.
- ↑ "Medieval Civilization: Lecture Notes". Arquivado dende o orixinal o 10 de maio de 2013. Consultado o 12 de maio de 2013.
- ↑ Whaley 2011, p. 17.
- ↑ Peter Moraw, Heiliges Reich, en: Lexikon des Mittelalters, Munich & Zurich: Artemis 1977–1999, vol. 4, col. 2025–2028.
- ↑ The Holy Roman Empire, en Heraldica.org.
- ↑ Johnson, Lonnie R. Central Europe: Enemies, Neighbors, Friends (1996), Oxford University Press, p. 23.
- ↑ 12,0 12,1 Barraclough, Geoffrey (1984). The Origins of Modern Germany. New York: W. W. Norton & Co. Inc. pp. 101–134. ISBN 978-0393301533.
- ↑ 13,0 13,1 13,2 13,3 Barraclough, Geoffrey (1984). The Origins of Modern Germany. New York: W. W. Norton & Co. Inc. p. 109. ISBN 978-0393301533.
- ↑ Barraclough, Geoffrey (1984). The Origins of Modern Germany. New York: W. W. Norton & Co. Inc. pp. 122–124. ISBN 978-0393301533.
- ↑ Barraclough, Geoffrey (1984). The Origins of Modern Germany. New York: W. W. Norton & Co. Inc. pp. 123. ISBN 978-0393301533.
- ↑ Barraclough, Geoffrey (1984). The Origins of Modern Germany. New York: W. W. Norton & Co. Inc. pp. 123–134. ISBN 978-0393301533.
- ↑ Bula Dourada de 1356
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]A Galipedia ten un portal sobre: Historia |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Sacro Imperio Romano Xermánico |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Angermeier, Heinz (1991). Das Alte Reich in der deutschen Geschichte. Studien über Kontinuitäten und Zäsuren (en alemán). Múnic: De Gruyter Oldenbourg. ISBN 978-3486558975.
- Brockmann, Stephen (2006). Nuremberg: The imaginary capital (en inglés). Rochester, NY: Camden House. ISBN 1-57113-345-3.
- Bryce, James (1968). The Holy Roman Empire. Serie Papermacs (en inglés). Londres: Macmillan. ISBN 978-0333036099.
- Coy, Jason Philip; Marschke, Benjamin; Sabean, David Warren, eds. (2010). The Holy Roman Empire, Reconsidered (en inglés). Nova York / Oxford: Berghahn. ISBN 978-1-84545-759-4.
- Deutsche Reichstagsakten
- Donaldson, George (1985). Germany: A Complete History (en inglés). Nova York: Gotham Books.
- Freiherr von Aretin, Karl Otmar (1993-2000). Das Alte Reich 1648–1806 (en alemán). (4 vols.). Stuttgart: Klett-Cotta. ISBN 978-3-608-94372-6.
- Hartmann, Peter Claus (2011). Kulturgeschichte des Heiligen Römischen Reiches 1648 bis 1806 (en alemán) (2ª ed.). Viena: Böhlau Verlag. ISBN 978-3205786849.
- Pagden, Percy (2008). World's at War: The 2,500-Year Struggle Between East and West (en inglés). Londres: Random House. p. 147. ISBN 978-0812968903.
- Schmidt, Georg (1999). Geschichte des Alten Reiches (en alemán). Múnic: C.H.Beck. ISBN 978-3406453359.
- Taylor, Bayard (1894). A history of Germany from the earliest times to the present day (en inglés). Nova York: Appleton and company.
- Whaley, Joachim (2012). Germany and the Holy Roman Empire. Serie: Oxford History of Early Modern Europe (en inglés). (2 vols.). Oxford: Oxford University Press. ISBN 9780199688821.
- Zophy, Jonathan W., ed. (1980). The Holy Roman Empire: A Dictionary Handbook (en inglés). Greenwood Press.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- A estrutura constitucional do Reich (en inglés)
- Das Heilige Reich (Museo de Historia de Alemaña. Berlín) (en alemán)
- Mapas
- O Sacro Imperio Romano Xermánico, 1138–1254
- O Sacro Imperio Romano Xermánico c. 1500
- O Sacro Imperio Romano Xermánico en 1648
- O Sacro Imperio Romano Xermánico en 1789 (mapa interactivo)