Estorniño
Neste artigo hai que completar diversas tarefas pendentes:
|
Estorniño | |||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Estorniño en Tanzania, Lamprotornis hildebrandti | |||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||
| |||||||||||||
Xénero | |||||||||||||
Preto de 30, ver texto. |
O estorniño é un paxaro común en Galicia, da orde Passeriformes, familia Sturnidae. É nome común que se aplica a distintas especies similares.[1][2][3]
Descrición
[editar | editar a fonte]Estorniño pinto
[editar | editar a fonte]O estorniño pinto (Sturnus vulgaris) mide entre 19 e 22 cm de lonxitude. A plumaxe invernal do macho é de cor negra brillante con irisacións violetas, verdes e azuis e numerosas pintas brancas ou cremosas (de cor marfil), pequenas e distribuídas por todo o corpo. As patas son rosas ou pardas e o peteiro é longo, afiado e de cor escura. En plumaxe estival non presenta esas pintas brancas na cabeza nin no peito, e o peteiro vólvese amarelo, coa base gris azulenta. Os inmaturos teñen unha cor parda cincenta, coa gorxa clara. A principal -e case única- diferenza co estorniño negro e que este é uniformemente negro (se ben, en voo, todos parecen igualmente negros).
O vo é recto e rápido, e pode realizar ocasionalmente pairos. O seu canto é un asubío agudo[4], e ás veces imita o canto doutros paxaros. Son comúns as variacións de pitidos, chasquidos e asubíos (o canto do estorniño negro é máis simple e non contén variacións).
Habita en practicamente toda Europa (agás no sur de Italia e Grecia). En España é invernante habitual, moi numeroso, pero non cría. En Galicia é común entre xullo e marzo (especialmente de novembro a febreiro), formando grandes bandos. Pódese ver en campos e cultivos, así como nos parques e xardíns urbanos. Como acontece co estorniño negro, unha imaxe común é ver grupos de ata milleiros de exemplares pousados nos cables de alta tensión.
Aliméntase de insectos, larvas, miñocas, grans e froitos, con predilección polas cereixas. O efecto sobre os cultivos agrícolas de bandadas tan numerosas explica que en 1970 fose declarado inimigo público nalgúns países mediterráneos (como Tunisia ou Grecia), onde reduciron drasticamente as colleitas de figos e olivas [5].
Fai o niño, ou aproveita os xa feitos, en buratos nas paredes, penedos e nas árbores; tamén poden aniñar entre os paus que conforman o niño das cegoñas. Unha localización actual dos niños destas aves son os paneis de sinalización sobre as autoestradas. A femia pon de catro a sete ovos, azuis, e choca, co macho, durante trece días.
-
Plumaxe invernal.
-
Plumaxe estival.
-
Área de distribución.
-
Bandada en voo.
Estorniño negro
[editar | editar a fonte]Ai estorniño do avelanedo, |
O estorniño negro (Sturnus unicolor) é de tamaño similar (19–22 cm), pero coa plumaxe, no verán, totalmente negra brillante, no macho, e máis apagada, con algunhas pintas, na femia; pode presentar tons lilas e azuis no dorso, pero non os verdosos que se citaron no estornino pinto. No inverno os dous sexos son negros agrisados e con algunhas pintas, especialmente pola parte inferior. O peteiro do macho é amarelo e as patas de cor rosa clara durante o verán, e escuro no inverno. Os inmaturos son de cor parda cincenta, con pintas e coa gorxa clara.
Diferénciase do merlo (Turdus merula), tamén negro -o macho- e de tamaño similar, en que este ten o peteiro laranxa (o do estorniño é amarelo) e que levanta a cola ó pousarse.
A especie é endémica do norte de África e a Península Ibérica, na que resulta común e moi abundante; obsérvase unha expansión cara o norte. Tamén en Galicia é sedentaria e abundante. Pódese ver nos mesmos espazos có estorniño pinto e adoitan voar en bandos mesturados de milleiros de exemplares. Este comportamento marcadamente gregario maniféstao dende que abandona o niño.
... grupos de ata 1,5 millóns de estorniños, como é o caso de Valencia, dormen nos cascos urbanos de Huesca, Palma de Mallorca, Ourense, Barcelona, Sevilla e outras moitas cidades buscando o confort do noso aire cálido e contaminado, a cambio dun festival de manobras aéreas dignas da mellor escuadrilla de exhibiciónLuis Miguel Domínguez
O réxime alimenticio é similar ó anterior.
-
Ovos
-
Bandada de estorniños nos cables de alta tensión.
-
Área de distribución
Sinonimia
[editar | editar a fonte]En Galicia corren os sinónimos chirlo ou chirlomirlo, que fan alusión ó seu canto e á semellanza co merlo. Tamén se rexistran distintas variantes de estorniño: destorniño, estornillo, saturniño, tomillo, tornillo, tornino, tomiño ou turnino.
Rivas Quintas recolle o dito Ter menos grasa ca un asado de tomillos, aplicado a alguén que está fraco de máis, sen carnes ningunha.
Chirlo é denominación popular dunha ave mariña: o carrán común (Sterna hirundo).
Sarmiento explica así a voz Chirlos mirlos, que recolleu en Baiona:
"Hay este dicho: 'Mi marido se fué al mar: chirlos mirlos va a buscar para mi corazón sanar'. Oí copla semejante de chirlos mirlos en Madrid, a uno que no había salido de allí. Chirlos mirlos, en el país marítimo de Bayona, se llaman unas esferillas o globos de arena, aire y agua, que se forman en las orillas del mar, cuando se retira la ola que acabó de bañar la orilla. Al punto se deshacen, y al tiempo de deshacerse, meten un ruidito, y acaso a eso aludirán la voz chir- mir-, y chirlos-mirlos, por onomatopeya, al modo que por lo mismo se inventó el verbo dicho chirlar para los ratones.
Outras especies
[editar | editar a fonte]- Estorniño rosado (Sturnus roseus): presente no sueste de Europa, con aparicións esporádicas cara o oeste. Moi rara en España.
- Estorniño irisado (Onychognathus tristramii): Israel, Xordania e Península Arábiga.
- Estornino alinegro (Sturnus melanopterus): endémica da selva de Indonesia.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Conde Teira, M. A. (1999). "Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada" (PDF). Chioglossa (A Coruña) 1: 121–138. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de marzo de 2016. Consultado o 28 de setembro de 2016.
- ↑ Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (setembro de 2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar (2ª ed.). A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5.
- ↑ Definición de Estorniño no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
- ↑ Ficha na web Club de caza (en castelán)
- ↑ Luis Miguel Domínguez, px. 79.
- ↑ Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (1980). Guía das aves de Galicia. Ficha do estorniño negro. Ilustrado por Calros Silvar. Vigo: Editorial Galaxia. p. 109. ISBN 84-7154-379-6.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikispecies posúe unha páxina sobre: Estorniño |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Estorniño |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Núñez Xestoso, Manuel. As familias da avifauna galega. Gráficas Lomba, Tui, 1985. ISBN 84-398-4717-3.
- Jonsson, Lars: Aves de Europa, Omega, Barcelona 1993.
- Domínguez, Luis Miguel: Guía de la fauna callejera. Rubes Editorial, Barcelona 1994.
- Santamarina, Antón (ed. e dir.): Diccionario de diccionarios. Fundación Pedro Barrié de la Maza, Instituto da Lingua Galega, 3ª ed. 2003.
- Penas Patiño, Xosé M., Pedreira López, C. e Silvar, Calros: Guía das aves de Galicia, Baía Edicións, A Coruña 2004.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Ficha do estorniño pinto (en castelán)
- "Plaga de estorninos en Ribadeo" (La Voz de Galicia.es)