Historia de España
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde marzo de 2017.) |
Este artigo ou sección precisa dunha revisión do formato que siga o libro de estilo da Galipedia. Pode axudar a mellorar este artigo e outros en condicións semellantes. |
Este artigo ou sección precisa revisión por alguén que saiba deste tema. Se ten eses coñecementos mellore este artigo. (Desde abril de 2010.) |
Malia que non se pode falar de historia de España como tal até a fundación do estado español, este artigo refírese á historia dos territorios que ocupa actualmente.
Prehistoria
- Artigo principal: España prehistórica.
Período magdaleniano
Hai entre 25.000 e 12.000 anos fixéronse pinturas rupestres en Pinal, Peña de Cándamo, El Pendal, Pasiega, Ribadesella e Altamira. Os grupos humanos estaban organizados en torno á familia. Economía de caza e recolección.
Neolítico
Xorden a gandería e a agricultura o que propicia os primeiros asentamentos sedentarios. (Véxase arqueoloxía, antropoloxía, palinoloxía e antracoloxía). Foi tamén neste período cando se produciu un importante aumento da poboación.
7.000 ó 3.000 a. C. desigual desenvolvemento da revolución neolítica, sobre todo debido á particular xeografía ibérica. Así, na Meseta chegaron os cambios de xeito máis tardío que nas costas andaluzas, levantinas e catalás. Unha característica salientable desta época é o singular traballo da cerámica na ribeira do Mediterráneo. Os adornos dos instrumentos cerámicos estaban feitos, na súa meirande parte, con cunchas. A súa economía estaba baseada principalmente no troco.
Idade de ferro
No século IX a. C. pobos celtas procedentes de Europa central entran na península atravesando os Pireneos. Ata o século V a. C. non paran de chegar novos pobos celtas como: belones, perendones, sefes, lugones e belgas.
España prerromana
Colonización grega, fenicia e cartaxinesa
Arredor do 1100 a.C. fúndase a colonia fenicia de Gadir (Cádiz). Expansión nos seguintes anos polo Baixo Guadalquivir ata Estremadura. As colonias fenicias comezaron sendo portos fortificados. Pouco a pouco co aumento do comercio cos indíxenas comezan a fundar vilas no interior.
Tartessos (séc. IX a.C. - VI a.C.), primeira nación urbana e centralizada (Monarquía) da península. Época: baixo bronce. Lugar: Andalucía Occidental. Reis coma Argantonio utilizaban a guerreiros mercenarios celtas para afirma-lo seu poder. Economía baseada nas minas e o comercio con gregos e fenicios. Relixión semítica ó estilo fenicio. Culto á deusa Astarté de Tiro (Líbano) (a Ishtar dos Babilonios). O reino establécese na desembocadura do río Guadalquivir, no triángulo formado por Sevilla, Huelva e Cádiz. Trala decadencia do século VI a. C. ese reino herdaríano os turdetanos, xa so a influencia cartaxinesa. Destacan os sitios arqueolóxicos de Lora del Río, Camas (Sevilla), Riotinto (Huelva) e o santuario de Cancho Roano en Zalamea de la Serena (Badaxoz).
Século VI a.C. fundación de Emporion (Empúries) polos gregos fóceos. Competición comercial entre gregos e fenicios. Acúñase moeda por primeira vez na península.
Séculos VI ó III a. C. Cartago domina as colonias fenicias ibéricas.
No ano 238 a. C. Cartago, seguindo unha política de expansión imperialista, manda a Amílcar Barca desembarcar en Gadir. Atopa resistencia turdetana. O seguinte xeneral, Asdrúbal consegue o recoñecemento fronteirizo coa República Romana no río Ebro. Fundación de Cartago Nova (Cartagena).
Aníbal, fillo de Amílcar, ataca Sagunt no 219 a. C. Roma declara a guerra a Cartago, comeza a segunda guerra púnica.
Dominación romana
- Artigo principal: Hispania Romana.
A República Romana competindo contra o poder de Cartago no marco das guerras púnicas, chega no 218 a.C. á Península Ibérica. Comeza a súa conquista, que non rematará ata o 19 da nosa era. Todo este período non é uniforme, xa que ó longo de toda a dominación sempre houbo conatos de resistencia, tanto da poboación autóctona, como da pequena aristocracia hispanorromana.
As orixes administrativas españolas parten da época romana e a súa división provincial.
209 a.C.: Declive do exército de Aníbal Barca en Italia e comezo da gran conquista de Hispania por parte de Roma. Esta anexiona a península e pártea en dúas provincias: Hispania citerior e Hispania ulterior.
Do 143 a. C. ó 139 a. C. revolta lusitana contra as lexións de Roma. Viriato alcanza gran fama como caudillo.
133 a. C. os numantinos prefiren morrer abrasados que renderen a praza fronte ás tropas de Emiliano Escipión.
27 a. C. división da península en Tarraconensis, Baetica e Lusitania.
264, os suevos e os francos chegan a Tarracino (Tarragona). Son expulsados polas tropas romanas.
409, os suevos establécense na Gallaecia.
Época xermánica
Ruralización xeralizada da sociedade. Seguindo a tónica do Baixo Imperio, as cidades seguen a perder poboación en favor do campo. Cada vez máis latifundios dependen de pequenos señores feudais que teñen o poder efectivo.
585 O rei visigodo Leovixildo faise co trono do reino de Galicia. Unión política da Península Ibérica e Septimania. 586 - 601 reinado de Recaredo, enfrontamentos cos borgoñóns na Septimania e cos bizantinos en Levante. 586, alzamento suevo comandado por Malarico. 587 Recaredo, fillo de Leovixildo, convértese ó catolicismo. Unión relixiosa da península.
633 IV Concilio de Toledo. Obriga ós xudeus a se bautizaren. Os novos reis deben ser confirmados pola Igrexa.
711, batalla de Guadalete, os musulmáns desembarcan na península e derrotan a don Rodrigo.
Dominio árabe
- Véxase tamén: Abderramán III e Masacre de Granada de 1066.
Al-Andalus coincidiu con a Convivencia, unha era de relativa tolerancia relixiosa, e coa idade de ouro da cultura xudía na península ibérica.
O interese musulmán na península volveu con forza ao redor do ano 1000, cando Al-Mansur (coñecido como Almanzor), saqueó Barcelona (985). Segundo o seu fillo, outras cidades cristiás foron obxecto de numerosas incursións.
Logo da morte do seu fillo, o califato afundiuse nunha guerra civil e dividiuse nos chamados "Reinos de Taifas". Os reis das taifas competiron entre si non só na guerra, senón tamén na protección das artes e a cultura, que gozaron dunha recuperación breve. Os reinos de taifas perderan terreo fronte aos reinos cristiáns do norte e, logo da perda de Toledo en 1085, os gobernantes musulmáns de mala gana invitaron aos almorábides, que invadiron A o-Andalus desde o norte de África e estableceron un novo imperio. No século XII o Imperio almorávide rompeuse de novo, só para ser tomado pola invasión almohade, que foron derrotados na decisiva batalla das Navas de Tolosa en 1212.
A España medieval foi escenario de guerra case constante entre musulmáns e cristiáns. Os almohades, que tomaran o control dos magrebís, dos almorábides e dos territorios andaluces polo 1147, superaron con fartura aos almorábides na perspectiva fundamentalista, e trataron aos Dhimmis con dureza. O trato cara aos xudeus neste momento na península ibérica variara moito entre os distintos reinos musulmáns e cristiáns. O emirato de Granada de mediados do século XIII foi o único reino independente musulmán en España, que duraría ata 1492. Malia a diminución dos reinos musulmáns e controlados, é importante ter en conta os efectos a longo prazo que se exercen sobre a península polos musulmáns na tecnoloxía, a cultura e a sociedade.
Neste tempo, os reis de Aragón gobernaron territorios que consistían non só no Reino de Aragón, senón tamén no Principado de Cataluña, e máis tarde das Illas Baleares, o Reino de Valencia, Sicilia, Nápoles e Sardeña. A Compañía catalá procedeu a ocupar o ducado de Atenas, que se coloca baixo a protección dun príncipe da Casa de Aragón, que o gobernou ata 1379.
Imperio español
- Artigo principal: Imperio español.
Reis Católicos, séc. XV
Co matrimonio (1474) da raíña Isabel de Castela e Fernando de Aragón, créase o primeiro goberno realmente unitario dende a época visigótica (lémbrese Recaredo Rex Hispanorum).
O 2 de xaneiro de 1492, o derradeiro rei musulmán (Boabdil) de Granada é deposto e remata A Reconquista.
O 12 de outubro de 1492, da man de Cristovo Colón, apoiado polos Reis Católicos, unha expedición descubriu América. Estaba composta por unha nao (a Santa María) e dúas carabelas (a Niña e a Pinta).
Creación do Tribunal da Santa Inquisición. Este tribunal perduraría ata ben entrado o século XIX.
Expulsión dos xudeus. Os Reis Católicos seguiron sempre unha política centralizadora e homoxeneizante.
A creación de institucións centralizadoras, tanto xurídicas como militares, converten a España nun dos primeiros estados modernos do Renacemento que abandona a Idade Media.
Conquista das Illas Canarias
A conquista das Illas Canarias por parte da Coroa de Castela levouse a cabo entre 1402 e 1496. Pódense distinguir dous períodos neste proceso: a Conquista señorial, levada a cabo pola nobreza a cambio dun pacto de vasalaxe, e a Conquista reguenga, levada a cabo directamente pola Coroa, durante o reinado dos Reis Católicos.
Para o seu estudo, os historiadores distinguen dous períodos na conquista de Canarias:
- Conquista señorial. Coñécese con este nome á conquista levada a cabo pola nobreza, en beneficio propio e sen unha participación directa da Coroa, que outorga o dereito de conquista a cambio dun pacto de vasalaxe do nobre conquistador cara á Coroa. Distinguiremos dentro dela a coñecida como Conquista Betancuriana ou Normanda, levada a cabo por Jean de Béthencourt e Gadifer de la Salle entre 1402 e 1405 e que afectou ás illas de Lanzarote, El Hierro e Fuerteventura. A outra fase coñécese como Conquista Señorial castelá, levada a cabo por nobres casteláns que se apropiaron, mediante compras, cesións e matrimonios, das primeiras illas conquistadas e incorporaron a illa de La Gomera cara a 1450.
- Conquista reguenga. Este término define á conquista levada a cabo directamente pola coroa de Castela, durante o reinado dos Reis Católicos quen armaron e en parte financiaron a conquista das illas que faltaban por dominar: Gran Canaria, La Palma e Tenerife. No ano 1496, chegou a conquista ao seu fin co dominio da illa de Tenerife, integrándose o Arquipélago Canario na Coroa de Castela. A conquista reguenga tivo lugar entre 1478 e 1496.
Forxa do Imperio
Trala morte de Isabel I (1504), Xoana como herdeira pasou a se-la nova raíña, pero Fernando de Aragón tivo que facerse co poder (rexente de Castela e Rei de Aragón) de ambos os reinos por mor do complicado estado mental da súa filla. En 1509 tomouse a decisión de encerra-la no castelo de Tordesillas. Xoana falecería o 12 de abril de 1555.
Cando morre Fernando, asume a xefatura do Estado o seu neto Carlos, pero ata 1555 seguiu figurando Xoana I como raíña legal, aparecendo o seu nome en tódolos documentos oficiais da coroa.
Carlos I
A maior ambición de Carlos I de España (rei de 1516 a 1556) e V de Alemaña (emperador de 1519 a 1556), era a de crear un imperio universal de carácter católico. Mellor non puido empezar, xa que ós dominios españois en España, Italia e América, se unirían os dos Habsburgo, e no 1519 os estados alemáns elixiríano emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico. No 1526 obtería o Milanesado (Tratado de Madrid), a finais desa década obtería as posesións do ducado de Borgoña, tras vencer unha e outra vez (Pavía, Bicoca,...) a Francisco I de Francia. Este último ducado teríao que devolver polas presións da alianza de Francia, o Papa e os príncipes italianos (Liga de Cognac).
En 1521 o levantamento comuneiro en Castela é sufocado en Villalar. En 1532 franceses, otománs e príncipes alemáns en desacordo coa Dieta de Ausburgo (Liga de Esmalcalda), rebélanse contra Carlos. Os turcos sitian Viena e os terzos españois levantan o asedio, logo, en 1535 Carlos toma Tunes, non podendo evitar a perda de Savoia ós franceses. En 1544 tivo lugar a paz de Crépy, pola que Francisco I se viu obrigado a rompe-la alianza con Solimán o Magnífico, emperador turco, e loitar pola unidade dos cristiáns.
En 1547 tivo lugar a vitoria de Mühlberg. Henrique II, novo rei francés, alíase coa Liga de Esmalcalda. En 1555 acadouse a paz de Ausburgo, Carlos I recoñece o dereito á liberdade relixiosa no imperio. 25 de outubro, Carlos abdica no seu irmán e no seu fillo.
21 de setembro de 1558, morre no mosteiro de Yuste, Extremadura.
Filipe II
O 25 de outubro de 1556 Filipe II de España pasa a ser coroado rei das Españas e das Indias. Este monarca herdaría tódalas posesións do seu pai agás as do Imperio Alemán. Coma o seu pai foi o monarca máis poderoso do seu tempo. Trala anexión de Portugal reinou tamén sobre o imperio desta nación.
Unión peninsular: Vacante o trono portugués, Filipe II fillo da infanta Isabel de Portugal era o candidato máis axeitado, porén, parte da nobreza lusa defendeu a candidatura do Prior de Crato, fillo bastardo do rei Don Sebastián. O Duque de Alba cruzou a península e apareceu no territorio portugués cun inmenso exército formado por terzos de veteranos das guerras contra Francia (os "terzos de Alba"). Venceu ás tropas reunidas para defender a Crato nun paseo militar. Filipe II foi proclamado rei de Portugal nas Cortes de Thomar (1580), xurando respecta-los foros e os privilexios, tal como se viña facendo por exemplo con Aragón ou Navarra.
En 1598 Filipe morría no mosteiro-palacio de El Escorial. As súas guerras contra Francia e Inglaterra, as sublevacións dos Países Baixos e o esforzo da expansión colonial esgotaran as súas forzas e as de todo o reino. Intuíase unha próxima decadencia do imperio, pero esta tardaría case medio século en saír á superficie. Filipe II deixou como herdeiro ó seu fillo Filipe froito do seu cuarto e derradeiro matrimonio con Ana de Austria.
Decadencia
Durante o reinado dos tres últimos Austrias, so monarcas irán perdendo influenxia política pese a continuar posuindo o patrimonio real máis grande do mundo, con presenza nos cinco continentes. A corrupción da clase dirixente, as custosas aventuras militares e o parón da ciencia por mor da Igrexa serán varias das causas desta decadencia.
Aínda así, neste século XVII, España dá ó mundo a mellor literatura no chamado Século de Ouro, con persoeiros como Francisco de Quevedo, Miguel de Cervantes, Luis de Góngora, Lope de Vega...
O estilo arquitectónico predominante é o Barroco, que supón unha ruptura das formas xeometrizantes do renacentismo previo.
Filipe III
Filipe III de España, durante o seu reinado continúa a hexemonía mundial española.
Reinado de pacificación se se compara cos seus predecesores. Tensión co Imperio Otomán, República de Venecia e o dux de Savoia.
De 1601 ó 1606 a Corte establécese en Valladolid.
1609, Tregua dos doce Anos: recoñécese a independencia dos Países Baixos. Expulsión dos mouriscos.
1618, comeza a guerra dos Trinta Anos. España apoia ó emperador Fernando II de Austria contra o elector do Palatinado Federico V.
Filipe IV
Con Filipe IV comeza a declina-la hexemonía española.
O rei exerce de mecenas propiciando grandes logros na música, literatura, artes escénicas. Período de luxo bizantino e exaltación na corte.
Exerce o goberno Gaspar de Guzmán, máis coñecido coma conde-duque de Olivares, do 1621 ó 1643.
So 1643 ó 1665 a confidente do rei, sor Mª Jesús de Ágreda inflúe notoriamente nas decisións estatais.
1648, Paz de Munster, España perde o norte dos Países Baixos. Fin da guerra dos Trinta Anos.
Independencia de Portugal trala derrota de Villaviciosa.
Carlos II
O reinado de Carlos II iníciase en 1675, ao rematar a rexencia de Mariana de Austria, nai de Carlos II. Entre 1677 a 1679 goberna Xoán Xosé de Austria, ségueno o Duque de Medinacelli e mailo Conde de Oropesa.
- 1680 deflación da moeda de vellón en Castela, o Conde de Oropesa decide conte-lo gasto público e baixa-los impostos.
- Desigual desenvolvemento dos reinos peninsulares: Castela empobrécese e Aragón recupérase un pouco debido a novas estruturas económicas forais.
- 1690 - 1697, a maioría de países europeos alíanse contra Francia. Acaba coa Paz de Rijswijk, Luís XIV cede prazas en Flandres, Luxemburgo e Cataluña a España.
- Carlos II non ten descendencia e resolve elixir entre o arquiduque Carlos, fillo do emperador Leopoldo e bisneto de Filipe III, e Filipe de Anjou, neto de Luís XIV e bisneto de Filipe IV. Isto provocará a guerra de sucesión, conflito bélico no que se implican tódalas potencias europeas.
Os Borbóns e o século XVIII
Filipe V
- Reformas administrativas: extensión da xurisprudencia castelá a Aragón.
- Decreto de Nova Planta.
- Guerra de sucesión española
- Mellora do comercio coas colonias, comeza a recuperación económica.
- De xaneiro a agosto de 1724 Filipe V abdica no seu fillo, que reinaría como Luís I ata que tras morrer de varíola o pai volve a recupera-lo trono.
Fernando VI
Debido ó leve retraso mental deste rei e da súa esposa, a portuguesa Bárbara de Braganza, o país foi dirixido polo primeiro ministro, o marqués da Ensenada e o Secretario de Estado José de Carvajal y Lancaster. A política exterior foi de neutralidade total, abandonando o monopolio do comercio de escravos fronte ós ingleses. Durante o seu reinado 1746 - 1759, o marqués da Ensenada promoveu a fabricación de novos buques para armada. É unha etapa de estabilidade económica.
Carlos III
Carlos IV
Século XIX
Guerra da independencia
- Artigo principal: Guerra da independencia española.
No marco das guerras napoleónicas, as tropas francesas piden paso franco a través de España para chegaren a Portugal, (18 de outubro de 1807). Aproveitan a debilidade nese momento e a alianza con Carlos IV para quedarse en territorio español.
Debido ó descontento popular contra o rei Carlos IV e Godoy, un levantamento popular obrígao a abdicar en favor do seu fillo Fernando, que é a súa vez retido polas tropas francesas. Napoleón nunha hábil estrataxema, proponse para mediar entre pai e fillo a cuestión sucesoria.
O 2 de maio de 1808 o alcalde de Móstoles redacta un bando pedindo a colaboración cidadá para libera-lo rei Fernando VII: A Patria está en perigo. Madrid perece vítima da perfidia francesa. Españois, acudide a salvala. A insurxencia popular contra os franceses esténdese a Madrid e de alí a outras capitais.
Ante o clima violento que se respira neses momentos na capital, os xenerais españois non se deciden a facer nada, porén, un simple capitán de artillería, Daoíz, ó ver ó pobo loitar na rúa contra os franceses, decide apoia-los seus compatriotas e levanta a súa guarnición. Só é apoiado por outro capitán, Velarde, que se une a el con outros 30 soldados e algunhas pezas de artillería. Este primeiro levantamento fracasa ante o moi superior exército de Murat.
O 4 de maio a revolta chega a Badaxoz. O Comandante Xeneral de Extremadura decide levanta-la súa guarnición e enviar correos chamando á revolta. O día 9 de maio tódalas capitais de provincia rebélanse contra o exército francés.
- 9 de xullo de 1808 Batalla de Bailén.
- 14 de xullo de 1808 Batalla de Medina de Rioseco.
- 10 de novembro de 1808 Batalla de Espinosa.
- 10 de novembro de 1808 Batalla de Gamonal o de Burgos.
- 23 de novembro de 1808 Batalla de Tudela.
- 16 de decembro de 1808 Batalla de Llinás o de Cardedeu.
- 21 de decembro de 1808 Batalla de Molins de Rey.
- 13 de xaneiro de 1809 Batalla de Uclés.
- 16 de xaneiro de 1809 Batalla de Elviña.
- 25 de febreiro de 1809 Batalla de Valls.
- 28 de marzo de 1809 Batalla de Medellín.
- 23 de maio de 1809 Batalla de Alcañiz.
- 15 de xuño de 1809 Batalla de María.
- 18 de xuño de 1809 Batalla de Belchite.
- 28 de xullo de 1809 Batalla de Talavera.
- 11 de agosto de 1809 Batalla de Almonacid.
- 18 de outubro de 1809 Batalla de Tamames.
- 19 de novembro de 1809 Batalla de Ocaña.
- 19 de febreiro de 1811 Batalla de Santa Engracia.
- 5 de marzo de 1811 Batalla de Chiclana.
- 5 de maio de 1811 Batalla de Fuentes de Oñoro.
- 16 de maio de 1811 Batalla de Albuera.
- 22 de xullo de 1812 Batalla de los Arapiles.
- 21 de xuño de 1813 Batalla de Vitoria.
- 25 de xullo de 1813 Batalla de Sorauren-Pireneos.
- 31 de agosto de 1813 Batalla de San Marcial.
- 27 de febreiro de 1814 Batalla de Orthez.
- 10 de abril de 1814 Batalla de Tolosa.
A loita contra os franceses fíxose por medio de Xuntas Xerais, con independencia do poder rexio. Esta situación e mailo novo xeito de pensar do exército invasor que bebeu das ideas revolucionarias fan que as ideas liberais atopen o terreo disposto nun país tradicionalmente conservador como España. En 1812 proclámase en Cádiz a primeira Constitución (a 'Pepa'), que recolle os Dereitos do Home expresados pola Revolución Francesa. Trátase dunha constitución liberal moi ambiciosa.
Reinado de Fernando VII
- Véxase o artigo principal: Reinado de Fernando VII de España
Coa volta de Fernando VII a España (1814) restáurase o absolutismo que estará presente en todo o seu reinado (agás un pequeno período de tres anos coñecido como Trienio Liberal, 1820-1823). Foi deposta a Constitución de 1812 aprobada polas Cortes de Cádiz durante a guerra de independencia. Caracterízase este período por unha relativa paz internacional, e polas constantes loitas internas entre absolutistas e liberais, tomando partido Fernando VII polos primeiros. Remata o seu reinado cunha crise sucesoria (o rei só tiña unha filla), e trala súa morte en 1833 sería substituído pola súa filla Isabel II.
Desaparición das colonias
Poden citarse cinco causas como as fundamentais da emancipación das colonias continentais españolas:
- Influencia das ideas liberais, transmitidas á alta sociedade crioula por medio de sociedades secretas.
- O exemplo de prosperidade das colonias norteamericanas.
- A axuda de potencias rivais de España como Francia.
- O descontento coa política económica da Metrópole.
O motivo principal sería a invasión de España por Napoleón. Esta provocou un levantamento revolucionario nas cidades americanas, que ó principio tivo carácter de lealdade á causa española.
Arxentina proclama a súa independencia no Congreso de Tucumán en 1816 da man do xeneral San Martín. En México sería Agustín de Itúrbide o emancipador, que tras proclamarse Emperador foi fusilado e proclamada a República Federal. América Central fíxose independente baixo forma de Confederación, as chamadas Provincias Unidas de Centroamérica. Uruguai, que proclamou a independencia en 1813, foi conquistada por Brasil, aínda que logo se independiza coa axuda Arxentina.
Guerras carlistas
- Véxase tamén: Reinado de Isabel II de España.
En 1833, trala morte de Fernando VII e a proclamación como raíña de Isabel II, producíronse en distintos lugares levantamentos ultrarrealistas nos que se recoñecía como rei a Don Carlos (irmán de Fernando VII). Estas proclamacións dividiron aos españois en dous bandos: os carlistas e os isabelinos, e deu orixe á primeira guerra carlista. Nela dirimíase quen debía reinar en España e tamén que sistema político debía prevalecer -liberalismo (isabelinos) ou absolutismo (carlistas)- e que organización territorial debía existir -centralismo ou foralismo-.
O carlismo caracterízase pola defensa do lexitimismo ou dereito ao trono de España do infante Carlos de Borbón e dos seus descendentes, polo tradicionalismo político, relixioso e social e polo foralismo ou mantemento da organización administrativa tradicional.
Apoiaron o carlismo o clero e a fidalguía rural e tamén os campesiños das provincias vascas e de Navarra, prexudicados pola abolición dos privilexios xa que o sistema foral lles garantía a exención de impostos, autonomía administrativa e económica, limitación do poder real, restricións ao servizo militar... O exército, a burguesía e a meirande parte da poboación urbana non apoiaron ao carlismo, senón ós intereses isabelinos e liberais.
O levantamento carlista produciuse en setembro de 1833, a proclamación de Carlos de Borbón como rei só triunfou nas provincias vascas e Navarra e determinados lugares do norte de Castela, a Rioxa, o Maestrazgo e Cataluña. O exército carlista tivo como xefe a Zumalacárregui, que conseguiu sucesivas vitorias, pero fracasou e morreu ó intentar conquistar Bilbao, En 1839 o xeneral Maroto (carlista) e Espartero (isabelino) asinaron o Convenio de Vergara, no que se recomendaba ao Goberno que propuxese ás Cortes o mantemento ou a modificación dos privilexios forais, e se recoñecían os empregos e graos dos militares do exército carlista, a cambio, os carlistas aceptaban a Constitución de 1837 e recoñecían a Isabel II, Pero Carlos de Borbón non recoñeceu o acordo e a guerra continuou dirixida por Cabrera e en 1840 as derradeiras partidas carlistas abandonaron España camiño do exilio.
A segunda guerra carlista tivo lugar en 1846, pretendían a defensa dos dereitos ao trono de Carlos VI, os protagonistas non conseguiron os seus obxectivos e a represión foi moi dura.
A terceira guerra carlista comezou en abril de 1872, e tivo un amplo apoio popular nas provincias vascas e Navarra e menor en Cataluña. Os carlistas ocuparon a case totalidade do territorio vasco e navarro coa excepción das capitais, e estableceron unha sólida administración que lles permitiu resistir ata a súa derrota definitiva en 1876.
O desastre do 98
Trala desaparición da meirande parte do imperio español no primeiro terzo do século XIX. Só quedaban nos últimos anos do século as colonias africanas de Guinea, Río de Ouro e Marrocos, as americanas de Porto Rico e Cuba, e as do Pacífico Guam e Filipinas.
Cuba e Porto Rico baseaban a súa economía na exportación de produtos non transformados á metrópole. A súa economía era anticuada e soportada por man de obra semi-escrava. No caso do Caribe, España apoiaba a unha reducida oligarquía latifundista, no caso filipino, o poder e influencia residía nas ordes relixiosas e o exército colonial.
En 1895, prodúcense insurreccións independentistas en Filipinas e Cuba (José Martí). Estados Unidos apoiará a causa independentista debido a intereses económicos e estratéxicos (The back courtyard).
A guerra de Cuba iníciase co estoupido do acoirazado Maine (260 mortos), a prensa americana culpa a España e comezan as operacións militares. España é incapaz de loitar en diversos escenarios ó mesmo tempo cunha tecnoloxía desfasada fronte á americana. Prodúcense as batallas de Cavite e A Habana. España verase obrigada a recoñece-la súa derrota. En decembro de 1898 asínase a paz en París.
- España cede Porto Rico ós EUA (hoxe segue sendo un estado libre asociado).
- España acepta a independencia de Cuba a cambio de compensacións económicas.
- España cede a illa de Guam.
- España cede Filipinas, que continuarán pelexando contra os novos colonizadores e finalmente obterán a independencia en 1946.
España perdeu así o seu imperio ultramarino e tivo que asumi-la destrución de boa parte da súa frota oceánica. Pero non todo foron desgrazas. As consecuencias económicas do "desastre do 98" foron bastante boas debido a:
- Repatriación de capitais e investimento na industria.
- Saneamento de Facenda, en 1900 as arcas públicas mostran superávit por primeira vez en moitos anos.
- Reforma na emisión de débeda e maior transparencia na recadación de impostos.
No entanto a perda de 50.000 vidas produce unha fonda sensación de derrota:
- Os autores da xeración do 98 escriben de xeito crítico e realista a visión dunha España pouco ou nada imperial.
- Comezan as propostas de reforma política (democracia baseada nas clases medias).
- Os rexionalismos e nacionalismos reciben un pulo fundamental ("crise da idea de España").
- Ver artigo: Restauración borbónica en España
- Ver artigo: Ditadura de Primo de Rivera
II República
O triunfo republicano nas eleccións locais en case tódalas grandes cidades o 12 de abril de 1931. Provoca o exilio do rei Afonso XIII, o 14 de abril proclámase a II República. Niceto Alcalá-Zamora preside o primeiro goberno provisional (formado por republicanos de esquerdas e dereitas, rexionalistas moderados e PSOE) encargado da redacción dunha constitución democrática. Oponse ó artigo que fala da laicidade do estado e é substituído por Manuel Azaña. O 14 de outubro de 1931 apróbase unha nova constitución republicana.
Bienio reformista
O 16 de decembro, Manuel Azaña volveu ser elixido presidente e encabezou un goberno de coalición republicano-socialista. Este primeiro goberno tivo que loitar coa oposición da xerarquía católica e utilizar a forza pública contra os queimadores de igrexas. Pola súa banda, altos cargos do exército manifestaron a súa desconformidade co novo goberno que pretendía reducir o número de oficiais. En setembro de 1931 o proxecto de Estatuto Vasco, apoiado por carlistas e nacionalistas vascos, foi rexeitado nas Cortes Constituíntes por sobrepasar os límites constitucionais.
O 10 de agosto de 1932 o xeneral Sanjurjo fracasou nun intento de golpe de Estado. O 9 de setembro aprobouse o Estatuto de Autonomía de Cataluña. ERC gañou as primeiras eleccións autonómicas (Francesc Maciá). O maior programa educativo da historia do país supuxo a construción de miles de novas escolas no rural, así como a contratación de centos de novos mestres de escola. A ensinanza estableceuse mixta e a materia de relixión optativa.
O paro non deixou de aumentar. Fracasou a Lei de Reforma Agraria. Insurrección de Casas Viejas. O goberno entrou en crise. A oposición de dereitas estaba representada polo Partido Radical de Lerroux e a patronal. A oposición de esquerda estaba representada pola CNT que era a maior central sindical (máis dun millón de afiliados), grupos anarquistas e anarcosindicalistas e os comunistas do PCE.
Bienio radical
O goberno disolveu a Cámara e convocou eleccións. Vitoria dos radicais de Lerroux, gobernaron co apoio da CEDA (Confederación española de dereitas autónomas, de Gil-Robles). Continuou a axitación social. Paralizouse a reforma agraria. Gardas de Asalto expulsaron a xornaleiros das terras ocupadas. Amnistiouse aos militares participantes na sanjurjada de 1932. As xuventudes da CEDA ("Juventudes de Acción Popular"), copiaron trazos claramente fascistas (brazo en alto en contraposición ó puño comunista).
1 de outubro de 1934, entraron tres ministros da CEDA no goberno. O PSOE convocou unha folga xeral. O presidente da Generalitat Lluís Companys (ERC) dirixiu unha insurrección contra a República. Represión do exército. A UXT e a CNT proclamaron a "revolución socialista" en Asturias. A Lexión ás ordes de Francisco Franco foi levada a Asturias: 1.300 mortos, 3.000 feridos, 30.000 detidos. Manuel Azaña, Lluís Companys, Largo Caballero (PSOE) e outros foron arrestados. O goberno suspendeu o Estatuto Catalán. As diferenzas entre os radicais e os extremistas da CEDA súmanse ós casos de corrupción. Foron convocadas novas eleccións para febreiro de 1936.
Fronte Popular
Nas eleccións de febreiro, a Fronte Popular gañou á Coalición de Dereitas. Alcalá-Zamora presidiu o goberno de Azaña. En abril produciuse unha crise de goberno. O presidente da República dimitiu. Manuel Azaña pasou a ser o novo xefe de Estado e o coruñés Santiago Casares Quiroga presidiu o goberno. Amnistía para os represaliados polo golpe de outubro de 1934.
12 de xullo, asasinato do tenente da Guarda de Asalto Castillo, instrutor das Xuventudes Socialistas de España. 13 de xullo, asasinato en represalia do deputado dereitista, José Calvo Sotelo.
17 de xullo de 1936, fracasou o golpe de Estado (Emilio Mola, Goded, Cabanellas, José Sanjurjo Sacanell, Francisco Franco, ...). O exército de África cruzou á península. O día 18 declarouse o estado de guerra en Sevilla e outras gornicións dos sediciosos. Comezou a guerra civil española.
Guerra civil
- Artigo principal: Guerra civil española.
O 17 de xullo de 1936, a conspiración que se vía fraguando dende primavera faise realidade. A guarnición de Melilla sublévase anticipadamente contra o goberno central por mor de ser descuberto o golpe por axentes gobernamentais (o franquismo creará a figura da "Adiantada" para esta cidade). Seguidamente, os militares de resto do protectorado en Marrocos e o arquipélago de Canarias álzanse en armas contra a República. É nas illas Canarias onde se producen os primeiros enfrontamentos entre sindicalistas e elementos falanxistas. Ó día seguinte o golpe esténdese á península. En cidades como Barcelona as centrais sindicais comezan a pedir "armas para o pobo". Tanto o goberno de Casares Quiroga como a Generalitat néganse. Mantense á expectativa.
O golpe triunfou en:
- Galicia, Castela e León, Navarra, Andalucía-occidental, Oviedo (só na cidade), Zaragoza, Granada, Baleares (agás Menorca que permanecería leal ata o remate da guerra) e Canarias, así como en Marrocos e Guinea.
O golpe fracasou en:
- Madrid, Cantabria, País Vasco, Cataluña, Levante, Andalucía-oriental, Murcia, Castela a Mancha e Asturias (agás Oviedo).
Os sublevados conservaron divisións íntegras (as de Galicia, Castela e Andalucía), e sobre todo o Exército de África (Lexión Estranxeira, Regulares...). Pola outra banda, na zona republicana, as unidades do exército quedaron desarticuladas xa que tiveron que arrestar a gran parte da oficialidade por sublevarse. Así e todo, as Forzas Aéreas e a Armada permaneceron fieis á República.
Tralo fracaso parcial da sublevación, o bando rebelde obtén éxitos iniciais:
- Liberación do Alcázar de Toledo.
- Toma de Irún, bloqueo da fronteira do País Vasco con Francia.
O 18 de outubro de 1936, os rebeldes chegaron a Madrid. En novembro iniciaríase a ofensiva encamiñada a toma-la capital e pór fin á guerra. Comeza a Batalla de Madrid. O goberno, partidos e sindicatos mobilizan á poboación civil baixo o lema "Non pasarán". Incorpórase á defensa de Madrid a "columna Durruti" con armamento comprado á Unión Soviética. Avións alemáns bombardean a capital de xeito indiscriminado. Combates en Cidade Universitaria, Casa de Campo e na Ponte dos franceses. Franco ordena parar a ofensiva. É a primeira "vitoria" do bando republicano: Madrid é inexpugnable. A continuación, os intentos de Franco por rodea-la capital tamén fracasan: batalla do Jarama (participan as brigadas internacionais) e batalla de Guadalaxara (na que combateron os italianos contra o Exército Popular). Malia todo, os sublevados toman Málaga.
A comezos de 1937 o peso da contenda trasládase ó norte. Unidades dirixidas dende Galicia abren o cerco a Oviedo. Cae Cantabria e País Vasco, prodúcese o bombardeo de Gernika por parte dos Stuka alemáns. Os republicanos fracasan en Aragón (batalla de Belchite).
En decembro de 1937 os republicanos liberan Teruel, que finalmente volve a caer en mans dos sublevados. O 15 de abril de 1938 os nacionalistas chegan ó Mediterráneo dende Aragón, a república queda partida en dous. En xullo de 1938, a república tentará recupera-la iniciativa no combate na batalla do Ebro, a meirande da guerra. Na que morren 100.000 persoas e mailas esperanzas da República. En inverno, os nacionalistas chegan a Barcelona. Prodúcese o maior exilio en masa da Historia de España.
En febreiro de 1939 cando os franquistas chegan á fronteira francesa, máis de medio millón de persoas fuxiran á Francia.
O coronel Casado dá un golpe de Estado en Madrid, decidido a seguir combatendo a ultranza coa esperanza de que a guerra civil quedara ligada ó inminente conflito europeo que se aveciñaba entre fascistas e demócratas máis comunistas. Prodúcense conversas entre os dous bandos, pero Franco só quere a rendición incondicional. O 28 de marzo de 1939 as tropas sublevadas entran nunha capital destruída pola aviación alemá e famenta. O 1 de abril, Franco persoalmente redacta o derradeiro parte de guerra:
"En el día de hoy, cautivo y desarmado el Ejército rojo, han alcanzado las tropas nacionales sus últimos objetivos militares. La guerra ha terminado".
Ditadura
A Ditadura franquista foi un sistema antidemocrático que pretendía controlar a sociedade. Pero aínda que houbo intentos de encadrar ás masas en organizacións de apoio ao réxime -Movemento Nacional- estas nunca foron a base do sistema. A Ditadura franquista foi unha ditadura militar que tivo a súa fundamentación ideolóxica no pensamento conservador e católico español pero que incorpora elementos procedentes do fascismo italiano.
Todos os grupos políticos (falanxistas, carlistas e monárquicos) que apoiaban o réxime franquista, foron agrupados nunha única formación autorizada: o Movemento Nacional. Os sindicatos de clase foron suprimidos, creándose unha organización única para obreiros e patróns: o Sindicato Vertical.
As Leis Fundamentais tiñan un carácter constitucional e eran as normas básicas da organización do Estado, diferéncianse dous grupos: de carácter dogmático (Foro do traballo, Foro dos españois, Lei de principios do Movemento) e de carácter orgánico (Lei de Cortes, Lei de Referendo, Lei de Sucesión, Lei Orgánica do Estado).
Franco concentrou na súa persoa todos os poderes do Estado, recibiu o nome de Caudillo de España e foi considerado o símbolo e encarnación da vontade da nación española. A doutrina oficial do réxime franquista baséase no programa da Falanxe. O franquismo defendeu tanto o catolicismo e a confesionalidade do Estado como o sometemento da vida política, social e cultural ás directrices da Igrexa católica. As relacións entre a Igrexa católica e o réxime franquista regularizáronse mediante a sinatura do Concordato de 1953. Nel Franco conseguía o recoñecemento polo Papa do seu goberno e obtiña os privilexios da presentación de bispos e de poder entrar nas igrexas baixo palio. A cambio, a Igrexa obtiña: Potenciar o catolicismo; capacidade legal para adquirir, posuír e administrar toda clase de bens; restitución dunha parte dos bens eclesiásticos perdidos en pasadas desamortizacións; dereito a establecer seminarios; garantías de ensino da relixión católica; control da moral pública e competencia exclusiva de Igrexa en cuestións referidas ao matrimonio.
Durante a segunda guerra mundial España declárase neutral, pero adopta unha política simpatizante cos países do Eixe, en 1940 Franco entrevístase con Hitler en Hendaia e en 1941 con Mussolini en Bordighera. En España organízase unha cruzada contra o comunismo a través dunha expedición de voluntarios destinada á fronte soviética: a División Azul, que se integrou no exército alemán.
España non foi aceptada na ONU, ao tempo que se recomendaba aos países membros da organización que rompesen as relacións diplomáticas con España. Así comezaba o cerco internacional e a oposición no exilio abrigaba a esperanza de poder restablecer un réxime democrático. Nos anos seguintes España foi expulsada de numerosos organismos internacionais. Pero a situación cambia a partir de 1947 co inicio da guerra fría. As potencias occidentais buscaron o apoio de todos os países anticomunistas, iniciándose cambios que foron paseniñamente acabando co illamento, aínda que o réxime seguía a ser condenado pola maioría dos países democráticos.
O ano 1953 foi decisivo para o recoñecemento internacional do réxime de Franco grazas ao achegamento coa Santa Sé e o Pacto cos EE UU que supuxo un triunfo para o réxime ante a opinión pública; a cambio dunha importante axuda económica, instálanse en España bases militares (Morón, Rota, Zaragoza e Torrejón). O prezo pagado por España era alto xa que o territorio español, en caso de conflitividade na área, podía ser utilizado sen consultar co seu Goberno.
En 1955, España pedía a súa admisión na ONU e integrábase en organismos económicos coma o Fondo Monetario Internacional e o Banco Mundial.
Formulación económica
Etapa de autarquía: Etapa que se caracteriza pola escaseza, a inflación e o estancamento da produción, cun importante desenvolvemento do mercado negro, que recibía popularmente o nome de estraperlo. Son anos de carestía a todos os niveis; como exemplos, as cartillas de racionamento para repartir e controlar os alimentos básicos e o emprego do gasóxeno como carburante substitutivo dos derivados do petróleo.
Nos anos cincuenta iníciase a recuperación económica. O Plan de Estabilización de 1959 pon en marcha unha política de estabilización, en conformidade coas directrices do Fondo Monetario Internacional. Os instrumentos para levar a cabo a planificación indicativa son os Plans de Desenvolvemento. O Primeiro plan -1963-67- crea os polos de promoción e desenvolvemento industrial; o Segundo 1968-71 pon a énfase na agricultura e o Terceiro -1972-75- que ve recortados os seus proxectos pola crise económica.
Cronoloxía:
- 1939 -> a fin da guerra civil.
- 1939-59 -> Autarquía.
- 1941 -> División Azul.
- 1942 -> Lei Constitutiva das Cortes.
- 1945 -> Illamento internacional.
- 1945 -> Foro dos Españois e Lei de Referendo.
- 1947 -> Lei de Sucesión.
- 1950 -> Ingreso de España na FAO.
- 1952 -> Ingreso de España na UNESCO.
- 1953 -> Acordos con EE. UU..
- 1953 -> Firma do Concordato coa Santa Sé.
- 1955 -> Ingreso na ONU, FMI, BIRD.
- 1956 -> España recoñece a independencia de Marrocos.
- 1958 -> Lei de Principios do Movemento.
- 1959 -> Plan de Estabilización.
- 1959 -> Fúndase ETA.
- 1964-66 -> I Plan de Desenvolvemento.
- 1967 -> Lei Orgánica do Estado.
- 1968 -> Independencia de Guinea Ecuatorial.
- 1969 -> Xoán Carlos, nomeado sucesor a Xefatura do Estado.
- 1969-72 -> II Plan de Desenvolvemento.
- 1972-75 -> III Plan de Desenvolvemento.
- 1973 -> Asasinato de Carrero Blanco.
- 1974 -> Congreso de Suresnes.
- 1975 -> Morte de Franco.
Transición e Democracia
- O 6 de decembro de 1978 aprobouse a actual Constitución Española.
- 1979 apróbase o Estatuto de autonomía do País Vasco. Carlos Garaikoetxea Urriza primeiro lehendakari.
- 23 de febreiro de 1981, unha conxura de altos cargos militares intenta un golpe de estado. O tenente coronel da Garda Civil Antonio Tejero entra no Congreso dos Deputados. Milans del Bosch saca os tanques á rúa en Valencia. A tentativa queda freada polas forzas leais á constitución representadas polo rei Xoán Carlos I.
- 28 de outubro de 1982, maioría absoluta do PSOE nas eleccións xerais. Felipe González forma goberno con Alfonso Guerra como vicepresidente. No 1986 revalidan a maioría absoluta, cousa que non se repetirá en 1989 e 1993. Nesas eleccións o PSOE pacta cos nacionalistas de PNV e CIU.
- 1986, ingreso na OTAN e na CEE (posterior Unión Europea tralo Tratado de Maastricht)
- 1992, Olimpíada en Barcelona con grandes logros deportivos. Madrid, Cidade Europea da Cultura. Expo'92 en Sevilla. Inauguración da primeira liña de alta velocidade (AVE): Madrid-Córdoba-Sevilla.
- 3 de marzo de 1996, vitoria do PP. José María Aznar pacta con PNV e CIU. No 2000 obtén a maioría absoluta.
- 13 de novembro do 2002 o petroleiro Prestige afunde fronte as costas galegas. A maior catástrofe ecolóxica da historia do país. Durante as seguintes semanas prodúcense manifestacións contra o goberno en todo o país.
- 11 de marzo de 2004, o maior atentado terrorista en Europa, cóbrase 192 mortos en Madrid en diversas estacións e trens. Os feridos chegan a 1.500.
- 14 de marzo do 2004, vitoria de José Luis Rodríguez Zapatero (PSOE). Pactos con IU-ICV, ERC, CIU, BNG, CHA e outros partidos para a súa investidura.
Véxase tamén
Ligazóns externas
- Historia de Roma
- Mapa das calzadas romanas en Hispania.
- Cronoloxía 1975 - 2000.