Saltar ao contido

Regueifa (baile de voda)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Regueifa (danza de voda)»)
Regueifa (baile de voda)
Regueifa en Noia (1890-1900)
Orixe culturalGalicia Galicia
Zona de conservaciónBarbanza, Barcala, Bergantiños, Fisterra, Muros, Noia, Santiago, Sar, Soneira, Xallas
Instrumentos típicospandeireta
Derivado deMuiñeira vella

O baile da regueifa é unha danza tradicional galega derivada da muiñeira vella. Bailábase nos casamentos, habitualmente os noivos ou padriños, coa finalidade de repartir un bolo de pan (a regueifa) entre a veciñanza. Este molete de pan era portado pola bailadora sobre a cabeza durante a danza e repartido entre os presentes finalizada esta, nun ritual que simbolizaba a aceptación do novo casal entre a comunidade.

Estrutura

[editar | editar a fonte]

Malia existiren múltiples variantes, dependendo do informante e da súa zona de procedencia, a evolución máis documentada da cerimonia sería a seguinte:

  • Finalizada a cerimonia relixiosa os noivos trasladábanse cos seus convidados á casa onde se celebraba o banquete nupcial.
  • Cara ao serán, os veciños non convidados ao xantar acudían á porta da casa dando vivas aos noivos e iniciando cantigas para reclamar a regueifa, o tradicional pan da voda. Desde dentro da casa os convidados respondían a estas coplas con outras, nun desafío de enxeño verbal denominado tamén regueifa. Este proceso de intercambio de cantigas podía chegar a durar horas e, malia a intención festeira, rematar nunha agarrada violenta.[1]
  • Concluída a regueifa verbal, sacábase do interior da casa o pan da voda, máis ou menos adornado segundo os lugares. Era este tradicionalmente elaborado pola madriña, e valorábase moito o seu tamaño e que fose feito de fariña de trigo, un alimento de luxo durante o antigo réxime.[2]
  • Os noivos, os padriños[3] ou outra parella na súa representación, iniciaban entón o baile da regueifa. Acompañados de canto e pandeiretas danzaban unha muiñeira vella a un ritmo pausado. A muller portaba na cabeza o molete de pan, pasandoo a metade do baile ao home nalgunhas zonas.[4] A danza esixía dunha boa técnica e coidado, pois se este caía da cabeza da bailadora considerábase unha deshonra e un sinal de mal augurio para os acabados de casar.[5]
  • Finalizada a danza o pan repartiase entre os asistentes, nunha cerimonia de irmandade na que, simbolicamente, o novo casal era aceptado na comunidade.[6]

Variantes

[editar | editar a fonte]
Bailadora coa Regueifa.

Descoñécese o momento no que comezou a tradición de bailar a regueifa nas vodas galegas. Algúns estudosos estiman que o baile é máis antigo que a regueifa cantada.[7] Na cerimonia, coma noutros costumes recuperados a través de noticias orais, atópanse diferentes variantes dependendo dos informantes e do seu lugar de procedencia.

Nalgunhas zonas indícase que o baile tiña lugar despois do banquete nupcial, noutras que se facía á saída da misa antes de entrar ao convite. Nalgúns lugares afirmase que tiña lugar o día anterior a voda, pois daquela os casamentos podían durar varios días.[8]

Existen tamén diferentes versións sobre as persoas que bailaban a regueifa, podían ser os propios noivos ou outra parella na súa representación, a miúdo os padriños do casamento. Existe unha coñecida fotografía do ano 1956, realizada polo fotógrafo muxián Ramón Caamaño, na que aparecen os padriños da voda bailando a regueifa diante da comitiva nupcial.[3] Tamén se conserva outra, de finais do século XIX, no que catro parellas bailan a regueifa ao tempo.[9]

Asemade, a entrega da regueifa ofrece tamén múltiples versións, recolléndose en ocasións o costume de "voltear a regueifa" antes de rendela. Metíase esta nun pano que agarraba unha parella coa boca, cada un por un extremo. Así sostida dabaselle voltas, gañando o premio a parella que máis xirase o pano sen lle caer.[10] Refírese tamén a tradición de entregar a regueifa como trofeo a quen mellor improvisara no canto, sendo o vencedor o encargdo de efectuar o repartimento entre a concorrencia. Noutros lugares facíase un concurso de baile arredor da regueifa gañandoa o bailador que executara os puntos máis arrevesados.[4][11] Existen tamén referencias á chamada "carreira da regueifa", unha corrida entre a mocidade na que gañaba o pan o mozo máis veloz.[12]

O momento de "partir a regueifa" era un momento crítico no festexo, no que non eran infrecuentes as liortas entre os asistentes.[13]

Recuperación

[editar | editar a fonte]

A celebración da regueifa conservouse viva, aínda que xa precariamente, até a década de 1970.[7] Durante todo o século XX, a cerimonia despertou o interese das asociacións culturais vinculadas ao baile e a música tradicional. A danza foi recreada fóra do seu contexto orixinal en espectáculos e representacións destes grupos folcĺóricos. Os pioneiros foron os coros galegos de comezos de século, como a Agrupación Artística de Vigo e o orfeón ferrolán Toxos e Froles. Máis adiante, outras agrupacións como as históricas agrupación folclórica Aturuxo da Coruña[14] ou a compostelá Cantigas e Agarimos[15] recolleron a testemuña na divulgación do baile. Na actualidade este fai parte do repertorio de moitos dos grupos modernos de baile tradicional, existindo hoxe mesmo obradoiros específicos sobre o baile[16] e tentativas de que este recupere o seu contexto orixinal, os casamentos.[17][18][19]

  1. Rey, Manuel (2020). As regueifas de comezos do século XX en Galicia. 1/2. Twitter @manuelreyp. 
  2. Sobrado Correa (2000). pp.667-669
  3. 3,0 3,1 Padriños de voda bailando a regueifa. Foto Ramón Caamaño (1956).
  4. 4,0 4,1 Barros Silvelo, Ramón (1875). Antigüedades de Galicia. p. 72. 
  5. Agrupación Cultural Xacarandaina (2019). Festival Interceltique Lorient. Youtube. p. 7m. 29s. 
  6. Sobrado Correa (2000). p.671-672
  7. 7,0 7,1 Blanco, Domingo (2009). A regueifa en Cabana de Bergantiños. Concello de Cabana de Bergantiños. p. 16. 
  8. Fernández Aldrey, Sergio (2008). MEMOGA. La Memoria de Galicia:Un estímulo para el recuerdo (PDF). Caixa Galicia. pp. 80–81. 
  9. Guerra, Pietro (1890-1900). "Romería en Noia". (Portfolio de Galicia de Pedro Ferrer. p. 259). Consultado o 2021-02-11. 
  10. Grupo de baile e música tradicionais Brincadeira (2020). Volteando a Regueifa. Facebook. 
  11. Sobrado Correa (2000). pp. 670-671
  12. Calvo Varela, Carlos (02/2018). "Correr a Regueifa. Material para a história do atletismo popular" (PDF). Novas da Galiza (164): 24–25. 
  13. Rey, Manuel (2020). As regueifas de comezos do século XX en Galicia. 2/2. Twitter @manuelreyp. 
  14. Agrupación Folklórica Aturuxo (2012-12-04). "A Regueifa". Arquivado dende o orixinal o 13 de febreiro de 2021. 
  15. Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos (1988). Regueifa (Xornadas de folclore Santiago). Youtube. 
  16. Rivera, Montse. A Regueifa como baile de voda na Pobra. Facebook. 
  17. Amas de Casa de Mazaricos - Asoc. Cultural o Hórreo (2018). A regheifa en Mazaricos. Facebook. 
  18. Rubén Bastón (2014). Baile da regueifa en Bueu. Youtube. 
  19. Retrouso de Cela (2016). Regueifa de Arcos (Mazaricos - A Coruña). Baile tradicional de voda galega. Youtube. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]